Estrada de Castela (Ferrol)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′43″N 8°12′20″O / 43.495385, -8.205643

Estrada de Castela
Mapa de Ferrol de 1859.
TipoloxíaRúa residencial e comercial
Dimensións
Lonxitude7,3 km
Formato1 carril por sentido, beiravías e máis beirarrúas
Localización
InicioPraza de España (Ferrol)
FinPonte de Xuvia, Neda

A estrada de Castela é unha vía urbana que comunica a praza de España de Ferrol coa ponte de Xuvia, en Neda, pasando por Narón. A estrada forma parte da AC-862.

Descrición[editar | editar a fonte]

Estrada de Castela vista dende o Alto do Castiñeiro, Narón. Ao fondo Ferrol.

A estrada de Castela, proxectada no século XIX, foi ata finais do século XX o principal acceso a Ferrol.

Nos seus máis de sete quilómetros de percorrido urbano, a estrada ten cinco curvas. O tramo máis longo en liña recta, de tres quilómetros, vai dende a praza de España ata o Alto do Castiñeiro, en Narón. Nas súas orixes a estrada chegaba ata as murallas da cidade de Ferrol, onde está a actual praza de España.

En 1904 creouse a empresa Tranvías del Ferrol. A liña do tranvía unía a praza de España e Xuvia pola estrada de Castela. En 1913 inaugurouse o ferrocarril como novo acceso a Ferrol. O outro xeito de chegar a Ferrol eran as lanchas que unían a cidade coa outra banda da ría. Durante o franquismo a estrada pasou a chamarse Avenida del Generalísimo, nome que volvería a trocar polo actual xa ben entrada a democracia. Ata os anos 90 Ferrol non tiña estación de autobuses, e a praza de España facía esa función.

A finais dos anos 60 inaugurouse a ponte das Pías, que evitaba ir ata Xuvia, unha volta de máis de 15 km. Ata a inauguración a principios dos anos 2000 da autoestrada AP-9, a Estrada de Castela continuou como principal comunicación entre Narón e Ferrol, e o acceso cara ás Pontes. A nova autoestrada permitiu que o tráfico de camións ao porto de Ferrol, Megasa e As Pontes xa non teña que ir pola estrada de Castela. Dende entón pasou a ser unha rúa comercial e residencial.

A estrada ten catro rotondas que ligan con importantes estradas.

  • Rotonda de San Xoán: avda. Nicasio Pérez, polígono da Gándara e a autoestrada AP-9.
  • Rotonda da Ponte das Cabras: estrada da Trincheira
  • Rotonda de Freixeiro: autoestrada AP-9.
  • Rotonda do Ponto: autoestrada AP-9.

Os edificios da estrada numéranse, na banda de Ferrol, dende a praza de España ata a Ponte das Cabras, o límite entre os concellos de Ferrol e Narón. En Narón a numeración vai dende a Ponte das Cabras ata Xuvia. Son case 400 números da banda de Ferrol e case 1000 da de Narón.