Erik Friedlander

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erik Friedlander

Erik Friedlander (nado en Nova York en 1960) é un violoncellista e compositor norteamericano. Adquiriu certa notoriedade como participante da escena experimental do downtown neoiorquino, traballando en contextos ben diferentes que van desde a música clásica até colaboracións con algunhas das figuras da vangarda jazzística como John Zorn.

Biografía[editar | editar a fonte]

Fillo do fotógrafo Lee Friedlander, Erik viviu os seus primeiros anos en New York nun ambiente propicio para a creación artística e moi influído pola música jazz e R&B dado o traballo que realizou o seu pai tomando fotografías para as capas dos discos do selo Atlantic. Deste xeito, os seus primeiros recordos musicais alimentáronse de nomes como Ray Charles, Aretha Franklin, McCoy Tyner, Ornette Coleman ou John Coltrane, propiciando que comezase a tocar a guitarra á idade de 6 anos e o violoncello aos 8, e inicinando as clases formais aos 12 anos. A profundización nos seus estudos musicais levarao a se matricular na Universidade de Columbia en 1978 para obter o título en música.

Será pouco despois de se matricular en Columbia cando Friedlander se decida converter nun músico profesional logo de entrar en contacto co baixista Harvie Swartz. Os seguintes anos convertiranse para o músico nun período de aprendizaxe e profundización na súa técnica. Para manterse participará en diversas orquestras e espectáculos de Broadway, gravará música para anuncios de televisión e películas, e participará como músico de sesión na gravación de álbums de Laurie Anderson, Hole (a banda de Courtney Love), Dar Williams ou Alanis Morissette. Deixando de lado esta dimensión comercial, Friedlander uniuse nos anos que seguiron á súa graduación ao quinteto de Swartz co que gravaría o álbume Underneath It All (Gramavision, 1980).

Porén, a súa concepción do papel que debe xogar o cello no mundo do jazz e da música moderna vaise ver modificado neste período de finais dos 80 e comezos dos 90 cando escoite ao cellista Hank Roberts no trío Arcado. Será desde entón que Friedlander se involucre a fondo coa escena musical do downtown neoiorquino, colaborando con artistas como os saxofonistas John Zorn e Marty Ehrlich ou o trompetista Dave Douglas. Tamén forma o seu propio cuarteto Chimera en 1994 co que gravará para os selos de J.Zorn Avant e Tzadik. Aínda que continúa a traballar no contexto da música clásica (como a formación Concordia de Marin Alsop) volcase na composición e a improvisación. En 1996 forma unha nova banda, Topaz para acompañar un recital de danza coreografiado pola súa esposa e que estaba composto por Andy Laster e os irmaos Takeishi Satoshi e Takeishi Stomu.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Grains of Paradise (Tzadik, 2002)
  • Maldoror (Brassland, 2004)
  • Giorni Rubati (Bip Hop, 2006)
  • Schio Duomilaquatro (Stella Nera, 2006)
  • Eiger (Skipstone, 2006)
  • Block Ice and Propane (Skipstone, 2007)
  • Volac: Book of Angels, Vol. 8 (Tzadik, 2007)

Con Chimera[editar | editar a fonte]

  • Chimera (Avant, 1996)
  • The Watchman (Tzadik, 1996)

Con Topaz[editar | editar a fonte]

  • Topaz (Siam, 1999)
  • Skin (Siam, 2000)
  • Quake (Cryptogramophone, 2004)
  • Prowl (Cryptogramophone, 2006)

Video[editar | editar a fonte]

  • Vanishing Point (A Road Journal DVD)
  • Skin DVD (con Topaz) (Siam, 2000)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]