Lee Friedlander

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lee Friedlander, nado en Aberdeen (Washington) o 14 de xullo de 1934, é un fotógrafos estadounidense, un dos máis reputados do século XX. A súa obra destaca por tentar retratatar a «paisaxe social norteamericana».

Biografía[editar | editar a fonte]

Friedlander cursou os seus estudos académicos de fotografía no Art Center College of Design de Pasadena (California). En 1956 múdase a New York onde comezará a traballar para selos musicais especializados en jazz, principalmente para Atlantic, fotografando a muitas das máis destacadas figuras da escena jazzística (Ornette Coleman, Charles Mingus) en imaxes que servirán, en muitas ocasións, para ilustrar as capas de varios discos. Xa en 1960, Friedlander gañou unha bolsa da Guggenheim Memorial Foundation que lle había permitir centrarse na súa arte sen recorrer aos encargos comerciais dos anos anteriores. En 1962 e 1977 volveu a recibir novas bolsas. Estes traballos da súa primeira época van estar influídos por diferentes fotógrafos como Eugène Atget, Robert Frank ou Walker Evans.

A súa obra caracterízase tecnicamente polo emprego dunha Leica de 35 mm e do filme en branco e negro, mentres que pola súa temática destaca o retrato da «paisaxe social norteamericana». Deste xeito, as súas fotografías representan imaxes isoladas da vida urbana, reflexos dos escaparates das tendas, cartaces publicitarios, televisións, etc., nunha combinación capaz de capturar o ambiente da vida moderna. Tamén son destacábeis na súa obra os autoretratos nos que se serve de recursos como son os espellos, o reflexo nun vidro ou a súa propia sombra; e os espidos femininos, capaces de captar a beleza "real" das mulleres (coas súas celulites e imperfeccións) con imaxes tomadas en ángulos inverosímis e nunhas posturas bastante heterodoxas.

En 1963, o International Museum of Photography da George Eastman House organizoulle a súa primeira exposición monográfica nun museo. No 1967 foi unha das principais figuras, xunto con Garry Winogrand e Diane Arbus, da exibición New Documents no Museum of Modern Art de New York. En 1990 a MacArthur Foundation premiouno cunha MacArthur Fellowship.

Nos útimos anos Friedlander traballa con cámaras de formato medio como a Hasselblad Superwide. A artrite que padece recluiuno no seu lar, obrigándoo a se centrar no seu entorno máis próximo e cotián. O seu libro Stems (talos, troncos) reflecte o seu período de convalecencia ocasionado por unha intervención cirúrxica no xeonllo: segundo Friedlander os seu membros recordábanlle aos enxertos dunha árbore. Estas imaxes ofrecen unhas texturas que non estaban presentes en anteriores traballos do autor, recordando en certa maneira á obra de outros autores como Josef Sudek, quen tamén ten fotografado os espazos reducidos do seu lar e do seu estudo.

En 2005 o Museum of Modern Art de New York ofreceu unha retrospectiva da obra de Friedlander (exposición que viaxaría no outono de 2006 á Galerie nationale du Jeu de Paume en París, ao Haus der Kunst de Múnic e ao Caixaforum de Barcelona en abril de 2007[1]). Tamén en 2005, recibiu o premio Hasselblad International Award. En 2008 apareceu unha nova retrospectiva, esta vez no Museum of Modern Art de San Francisco[2], que se viu acompañada por unha exposición de obras máis recentes, baixo o título de America By Car, na Fraenkel Gallery[3] situada non moi lonxe do Museo de Arte Moderna.

Como curiosidade, tamén é de destacar que un dos seus fillos, o violoncellista e compositor Erik Friedlander, é unha destacada figura da escena da música experimental de New York.

Recoñecementos e bolsas[editar | editar a fonte]

  • John Simon Guggenheim Memorial Foundation Fellowship (1962)
  • National Endowment for the Arts Grant (1977)
  • John Simon Guggenheim Memorial Foundation Fellowship (1977)
  • Mellon Chair, Rice University de Houston, (1977)
  • National Endowment for the Arts Grant (1978)
  • Premio Friends of Photography Peer(1980)
  • National Endowment for the Arts Grant (1980)
  • Medalla da Cidade de París (1981)
  • Medalla Edward MacDowell (1986)
  • Premio da Fundación John D. & Catherine T. MacArthur (1990)
  • Membro da American Academy of Arts and Sciences (1999)
  • Cabaleiro das Artes e das Ciencias de Francia (1999)
  • Doutor en Belas Artes pola Universidade de Yale (2004)
  • Premio Internacional da Fundación Erna and Victor Hasselblad (2005)

Escolma de exposicións[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • The Desert Seen. Zzdap Publishing, outubro de 1996.
  • Lee Friedlander: Sticks And Stones: Architectural America. James Enyeart, Charles Rivers Publishing Co, 15 de outubro de 2004.
  • Friedlander. Museum of Modern Art, xuño de 2005.
  • Apples and Olives. Fraenkel Gallery, 30 de setembro de 2005.
  • Lee Friedlander: Cherry Blossom Time in Japan. Fraenkel Gallery, 1 de setembro de 2006.

Citas[editar | editar a fonte]

  • Fascíname que haxa tal variedade de sentimentos sobre o que fago. Non son un fotógrafo premeditado. Vexo unha fotografía e fágoa. Se tivese a oportunidade, sairía a fotografar todo o tempo. Non tes que sair na procura de imaxes. O material é amplo. Ti saes e as fotografías están a ollarte.

("It fascinates me that there is a variety of feeling about what I do. I'm not a premeditative photographer. I see a picture and I make it. If I had a chance, I'd be out shooting all the time. You don't have to go looking for pictures. The material is generous. You go out and the pictures are staring at you.").

  • Sempre quixen ser fotógrafo. Estaba fascinado cos materiais. Mais nunca soñei que podería pasalo tan ben. Imaxinaba algo moito menos esquivo, moito máis mundano.

(I always wanted to be a photographer. I was fascinated with the materials. But I never dreamed I would be having this much fun. I imagined something much less elusive, much more mundane.).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]