Entamoeba gingivalis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Entamoeba gingivalis

Entamoeba gingivalis nunha bolsa periodontal nun caso de periodontite.[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Filo: Amoebozoa
Clase: Archamoebae
Xénero: Entamoeba
Especie: 'E. gingivalis'
Nome binomial
'Entamoeba gingivalis'
Gros, 1849
Entamoeba gingivalis nunha mostra dun biofilme dun paciente con enfermidade periodontal agresiva vista utilizando microscopio de contraste de fase a 1000 aumentos. Recoñécese pola súa densa parte central no medio da imaxe, formada por un punto central rodeado por un halo circular e por fagosomas máis grandes que están dentro do seu citoplasma de cor cincenta.

Entamoeba gingivalis é un protista oportunista, que vive na boca humana e segundo algúns autores pode contribuír a causar enfermidades periodontais e abscesos pulmonares.[2][3][4] Foi a primeira ameba que foi descrita no corpo humano.

Encóntrase na boca[5] e vive nos biofilmes que se forman nas bolsas periodontais e preto da base dos dentes.[1] E. gingivalis encóntrase no 95% das persoas que teñen periodontite pero só raramente nas persoas con enxivas sas.[6][7] Non forma quistes, e a súa transmisión é directa dunha persoa a outra ao bicarse, ou compartir utensilios para comer ou beber. Só forman trofozoítos, que normalmente teñen un tamaño de 20 a 150 micrómetros de diámetro. E. gingivalis forma pseudópodos que usa para moverse rapidamente e para fagocitar. Na boca na periodontite fagocita os núcleos dos leucocitos neutrófilos polimorfonucleares (PMN) por un proceso chamado exonucleofaxia, o que favorece a enfermidade periodontal, ao liberaren os neutrófilos anucleados os seus encimas proteolíticos, que danan así os tecidos da enxiva.[8] O núcleo esferoidal desta ameba mide entre 2 e 4 micrómetros de diámetro e ten un pequeno endosoma central. A ameba contén numerosos vacúolos alimenticios, nos que hai principalmente núcleos de neutrófilos, células sanguíneas e bacterias que foron fagocitados.

Actividade[editar | editar a fonte]

Na parte superior da imaxe, Entamoeba gingivalis está sorbendo o núcleo dun leucocito. Na metade do proceso, empeza a envolver a súa presa polo medio, para dixerila mellor nun futuro fagosoma.

A principal actividade de E. gingivalis nos intersticios periodontais infectados, ademais de moverse, consite en alimentarse do núcleo dos leucocitos. A ameba penetra no citoplasma do leucocito para alcanzar o núcleo e literalmente succiónao por medio dunha presión negativa dos seus pseudópodos. Este alimento é englobado dentro da ameba nun vacúolo e gradualmente é dixerido no seu endoplasma. A fagocitose pode ás veces continuar ata fagocitar 20 núcleos de leucocitos polimorfonucleares seguidos. Esta actividade deixa o leucocito sen núcleo e incapaz de realizar a súa actividade de trampa extracelular de neutrófilos (NETS) ou a súa apoptose preprogramada, e fai que libere de forma incontrolada os encimas proteolíticos que contén nos tecidos que o rodean, causando danos. Por causa desta actividade nociva a bacteria considérase un patóxeno.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Bonner, M., Amard, V., Bar-Pinatel, C., Charpentier, F., Chatard, J.-M., Desmuyck, Y., Ihler, S., Rochet, J.-P., Roux de La Tribouille, V., Saladin, L., Verdy, M., Gironès, N., Fresno, M. & Santi-Rocca, J. 2014: Detection of the amoeba Entamoeba gingivalis in periodontal pockets. Parasite, 21, 30. doi 10.1051/parasite/201402 . PMID 24983705. PMC 4077299.
  2. Jian, B.; Kolansky, A.; Baloach, Z.; Gupta, P. (2008). "Entamoeba gingivalis pulmonary abscess - Diagnosed by fine needle aspiration". CytoJournal 5: 12. doi:10.4103/1742-6413.43179. PMC 2669679. PMID 19495399.
  3. Lyons T. et al. "Oral amoebiasis: a new approach for the general practitionner in the diagnosis and the treatment of periodontal disease." in Oral Health, 70: 39-41, 108, 110, October 1980.
  4. Lyons T. Introduction to protozoa and fungi in periodontal disease. Trevor Lyons publications, Ontario, Canada 1989. ISBN 0-9693950-0-0
  5. Prieto-Prieto, J.; Calvo, A. (2004). "Microbiological basis of oral infections and sensitivity to antibiotics". Medicina oral, patologia oral y cirugia bucal. 9 Suppl: 15–18; 11–18. PMID 15580129.
  6. Kofoid, C.A., Hinshaw, H.C., Johnsotne, H.G., Animal parasites of the mouth and their relation to dental disease. Journal of the American Dental Association 1434-1455, August 1929.
  7. Trim, Robert D.; Skinner, Michael A.; Farone, Mary B.; DuBois, John D.; Newsome, Anthony L. (2011) Use of PCR to detect Entamoeba gingivalis in diseased gingival pockets and demonstrate its absence in healthy gingival sites.
  8. Bonner M. To Kiss or Not to Kiss. Amyris Editions, 2013 EAN : 978-28755-2016-6

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Roberts L. e Janovy J. Foundations of Parasitology. The McGraw-Hill Companies. Nova York. 2005: 114-115