Apoptose
| Artigo nos seus primeiros pasos. Este artigo relacionado coa bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel e contribúe a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados coa bioloxía que precisan de revisión e nos que posibelmente tamén poidas contribuír. |
Apoptose, ou morte celular programada, é un xeito de "auto-destrución celular" que requere enerxía e síntese proteica para a súa execución. Está relacionada coa homeostase na regulación fisiolóxica do tamaño dos tecidos, exercendo un papel oposto ao da mitose. O termo é derivado do grego, que se refería á queda das follas das árbores no outono - un exemplo de morte programada fisiolóxica e axeitada que tamén implica a renovación.
Ocorre no desenvolvemento embrionario, na organoxénese, na renovación de células epiteliais e hematopoiéticas, na involución cíclica dos órganos reprodutivos da muller, na atrofia inducida pola remoción de fatores de crecemento ou hormonios, na involución de algúns órganos e aínda na regresión de tumores. Por tanto consiste nun xeito de morte programada, desexábel e necesaria que participa na formación dos órganos e que persiste nalgúns sistemas adultos como a pel e o sistema inmunolóxico.
Índice |
Sinalización da apoptose [editar]
Este proceso é demasiado perigoso se non é regulado adecuadamente. Por iso existen unha serie de sinais que determinarán se a célula debe entrar ou non en apoptose. Podemos establecer dous grandes grupos de sinais:
- Sinais de supervivencia: a célula precisa de constantes sinais de supervivencia. A ausencia das mesmas determinará a entrada da célula en apoptose. O principal sinal de supervivencia é AKT. Tamén a testosterona en áreas do xiro dentado.
- Sinais de morte celular: Únense a un receptor (receptor da morte), ocasionando a entrada na apoptose. Un exemplo é FasL, ligando que se une ó receptor da morte FAS.
Proceso de apoptose [editar]
Sexa cal sexa a ruta de apoptose, o resultado é o de activar unha serie de proteasas, chamadas caspasas (cisteín-asparaxín-proteasa). As caspasas son xeradas en forma de pre-caspasa inactiva. Durante o proceso apoptótico son parcialmente fragmentadas e activadas. A súa función é a de activar as nucleasas, outras proteasas, cuxa función é destruír o material xenómico, culminando o proceso.
Modificacións celulares [editar]
- A nivel citoplásmico: prodúcese unha hipereosinofilia, perda da estrutura normal, alteracións na mitocondria e nos retículos endoplásmicos. Tamén na membrana celular, no aparello de Golgi e nos lisosomas. Xorden inclusións celulares.
- A nivel nuclear: Poden ocorrer:
- 1.Picnose: condensación da cromatina
- 2.Cariólise: disolución da cromatina
- 3.Cariorrexe: rotura da cromatina
Son procesos excluíntes, se ocorre un, non ocorre ningún dos outros.
Activación da apoptose [editar]
Hai 5 rutas posibles:
- Vía extrínseca: Comeza coa interación ligando-receptor letal. Os principais ligandos son TNF-α e FasL. Por exemplo, TNF-α únese a FADD (dominio de morte de FAD). Este complexo produce dous efectos:
- Unión con pre-caspasa 8 e formación do complexo DISC.
- Saída de Bid, factor pro-apoptótico que favorece a saída de citocromo C (véxase vía intrínseca).
O complexo DISC provocará a activación da caspasa iniciadora 8, que activará ás caspasas 3, 6 e 7. Estas activan as nucleasas e prodúcese a apoptose.
- Vía intrínseca: producida a partir da mitocondria pola saída de citocromo C. Localizada na membrana mitocondrial áchase Bcl-2, factor anti-apoptótico que inhibe a saída do citocromo. Bax, Bad e Bid, en cambio posibilitan a apoptose. Máis concretamente, Bax aumenta a permeabilidade da membrana permitindo a saída de citocromo C.
Unha vez no citoplasma, o citocromo C únese a Apaf-1 e caspasa-9, formando o apoptosoma. O seguinte paso é a activación de caspasa-3 e de alí ás nucleasas.
- Ruta do p53: Se se produce un dano irreparable no ADN, actívase a transcrición do xene p53. Isto acarrea a produción de Bax, provocando a saída de citocromo C.
- Ruta citotóxica ou directa: É unha vía dependente do sistema inmune, mediada por linfocitos Tc e NK. Ditos linfocitos abren a membrana da célula diana mediante o uso de porinas. A través dos novos poros circulan granzimas, que activan directamente a caspasa-3, desencadeando a apoptose.
- Ruta do retículo endoplásmico: ten dous efectos primarios. O primeiro, saída masiva de calcio do retículo; o segundo, activación da caspasa-12. Esta activa á caspasa-9 e logo á caspasa-3.
Textos de consulta [editar]
- Guyton. Tratado de Fisiología Médica. Undécima edición.
- Harrison - Principios de Medicina Interna. Decimosexta edición.