Dietrich Bonhoeffer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dietrich Bonhoeffer

Dietrich Bonhoeffer (Breslau, 1906 — Campo de concentración de Flossenburg, 1945). Teólogo alemán fundamental para o pensamento do protestantismo contemporáneo. Estudou na Universidade de Tubinga, foi profesor na Universidade de Berlín. Ministro da Igrexa luterana. Pagou coa súa vida a resistencia contra Adolf Hitler.

Ante a manipulación ideolóxica da sociedade alemá polo nazismo, foi con Karl Barth un dos grandes animadores da Igrexa Confesante, que se opuxo ao novo réxime por consideralo un neopaganismo idólatra, inimigo do auténtico cristianismo.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Fronte a un protestantismo acomodaticio que se centra nunha visión superficial da graza, como salvación gratuíta sen consecuencias vitais profundas, Bonhoeffer, sen afastarse das concepcións de Martiño Lutero, desenvolve a idea do que chamou a graza cara: aquela que transforma ao crente mediante á resposta ao Amor de Cristo. Unha resposta de entrega e abnegación radical que asume o desprezo e o sufrimento como consecuencias do seguimento de Xesús de Nazaret.

Bonhoeffer rexeita con vehemencia un cristianismo burgués que constrúe un Deus á súa medida. Rexeita, asemade, o Deus da filosofía, por ser un Deus abstracto e afastado. Desconfía tamén dun Deus da relixión, feito a imaxe e semellanza das necesidades da inmadurez impropia do home contemporáneo. Afirma, pois, un cristianismo sen relixión, que vive da experiencia do amor absoluto manifestado en Cristo. Unha fe sen relixión, que busca o seguemento radical e o servizo universal fronte ao espírito mesquiño do home tipicamente relixioso, escravo da preocupación egoísta pola súa propia salvación.

Para Bonhoeffer o Deus de Xesucristo interpela a existencia con toda a súa angustia e profundidade, ao modo de Kierkegaard. Pero é tamén un Deus que está no centro da vida na súa dimensión social e, xa que logo, na súa proxección política. O crente é un home para os demais e isto pode levalo a enfrontarse ás estruturas que escravizan á persoa e a combater ao poder político totalitario.

Acción e execución[editar | editar a fonte]

Bonhoeffer, como pastor protestante, despregou unha acción incansable para axitar as conciencias manipuladas pola ideoloxía nazi. Organizou accións de axuda ás minorías perseguidas, especialmente aos xudeus. Prohibíuselle o traballo docente e pastoral. Acosado pola Gestapo viaxa ao Reino Unido pero decide retornar. Implicouse na resistencia organizada a un réxime que acabou encarcerándoo, trasladándoo a varios campos de concentración e aforcándoo.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Acto e Ser (1930)
  • O prezo da Graza: o seguimento(1937)
  • A vida en comunidade (1938)
  • Resistencia e Sumisión. Cartas e apuntes dende a cárcere (póstuma)