Dólar de prata Christa McAuliffe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata Christa McAuliffe [1][2]
A/: Retrato de Christa McAuliffe. Marcas de deseñadora e gravadora (LJM e PM).

Lenda: CHRISTA McAULIFFE / 2021 / LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: McAuliffe ensinando a tres alumnos. Sete estrelas. Logotipo de FIRST. Marcas de ceca (P), de deseñadora (ESD) e de gravador (JFM).

Lenda: I TOUCH THE FUTURE / I TEACH / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR / UNITED STATES OF AMERICA

O dólar de prata Christa McAuliffe é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2021 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei Pública 116-65, do 9 de outubro de 2019,[3] pola que se creaba unha moeda conmemorativa en recoñecemento da profesora de Estudos Sociais e astronauta Christa McAuliffe, a primeira participante no programa "Profesor no Espazo", da Administración Nacional de Aeronáutica e do Espazo, finada, xunto cos seus seis compañeiros, na explosión do transbordador espacial Challenger, o 28 de xaneiro de 1986.[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

A Casa da Moeda dos Estados Unidos convocou en 2020 un concurso para escoller o deseño da moeda conmemorativa, consonte as indicacións da lei que a autorizaba, e os deseños participantes foron presentados o 23 de xuño dese mesmo ano.[4] Logo de producirse a escolla, o director da US Mint, David J. Ryder, fixo público o 18 de decembro de 2020 o deseño gañador.[5]

O anverso da moeda, deseñado por Laurie Musser e gravado por Phebe Hemphill, está caracterizado por un retrato de Christa McAuliffe cara á esquerda, cunha ollada esperanzada, rodeada pola lenda CHRISTA McAULIFFE, así como a data da emisión e os lemas LIBERTY e IN GOD WE TRUST, habituais da moeda estadounidense.[1][2][5]

Christa McAuliffe en 1985.

Pola súa banda, o reverso, deseñado por Emily Damstra e gravado por Joseph Menna, amosa unha escena de McAuliffe exercendo o seu labor docente con tres estudantes de educación secundaria que observan abraiados o que a súa profesora lles sinala no firmamento. As sete estrelas renden homenaxe ás persoas que perderon a vida no accidente do transbordador espacial Challenger. No campo tamén está presente o logotipo da organización FIRST (For Inspiration and Recognition of Science and Technology). Todo isto está rodeado pola lenda I TOUCH THE FUTURE / I TEACH, así como o lema E PLURIBUS UNUM e a mención ao valor facial da moeda e ao nome do país.[1][2][5]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxima de 350.000 exemplares,[3] aínda que finalmente só se cuñaron 16.038 moedas en versión estándar e 54.191 con acabamento especial proof.[6] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia en ambas as versións,[2] e a poboación empezou a poder facer encargas por adiantado a partir do día 28 de xaneiro de 2021.[7]

Un 10 % dos beneficios acadados pola venda desta moeda vai destinado ao programa de robótica FIRST, co fin de atraer a xente nova cara á ciencia, a enxeñaría e as matemáticas (CTEM).[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]