Día Internacional da Lingua Materna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Shaheed Minar, ou monumento dos Mártires, situado no campus da Universidade de Dacca, Bangladesh, conmemora o sacrificio pola lingua bengalí o 21 de febreiro de 1952.

O Día Internacional da Lingua Materna celébrase anualmente o 21 de febreiro para promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. Foi establecido pola UNESCO o 17 de novembro de 1999. A súa celebración tamén foi recoñecida formalmente pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na resolución que establecía 2008 como Ano Internacional das Linguas.[1]

O Día Internacional da Lingua Materna ten a súa orixe no recoñecemento internacional do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes da Universidade de Dacca morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas do Movemento pola Lingua Bengalí.

Historia[editar | editar a fonte]

O 21 de marzo de 1948, Mohammed Ali Jinnah, gobernador xeral de Paquistán, declarou o urdu única lingua oficial tanto de Paquistán Oriental como de Paquistán Occidental. Paquistán Oriental tiña a maioría de habitantes do estado[2] e o urdu só era falado polo 7'05% da poboación de Paquistán Occidental[3]. Ao mesmo tempo, o bengalí era a lingua materna da maioría dos habitantes de Paquistán Oriental [4] (actual Bangladesh), polo que estes protestaron contra a declaración do urdu como lingua oficial. O 21 de febreiro de 1952 (o 8 do mes de falgun de 1358 no calendario bengalí) estudantes da actual capital, Dacca, convocaron unha folga provincial e o goberno declarou un toque de recollida para evitala. Para evitar enfrontamentos e non violar o toque de recollida, as protestas fóronse suavizando. Non obstante, malia as manifestacións seren pacíficas, a policía paquistaní abriu fogo contra os estudantes e morreron varias persoas.

Temas anuais[editar | editar a fonte]

A celebración do Día Internacional da Lingua Materna adoita ter un tema, que se indica no programa formal do día nas oficinas centrais da UNESCO ou de xeito máis explícito na publicidade.[5]

  • 2000: Celebración inaugural do Día da Lingua Materna
  • 2001: Segunda celebración anual
  • 2002: Diversidade lingüística: 3000 linguas en perigo. O lema foi: In the galaxy of languages, every word is a star ("Na galaxia das linguas, cada palabra é unha estrela")
  • 2003: Cuarta celebración anual
  • 2004: Aprendizaxe infantil (a celebración na UNESCO incluíu, segundo a propia UNESCO, "unha exposición única de cadernos de exercicios infantís de todo o mundo, para ilustrar o proceso polo que os nenos aprenden e dominan as habilidades de lectoescritura na clase"[6])
  • 2005: Braille e linguas de signos
  • 2006: Linguas e ciberespacio
  • 2007: Educación multilingüe
  • 2008: Ano Internacional das Linguas
  • 2009: Décima celebración anual
  • 2010: Ano Internacional polo Achegamento das Culturas
  • 2011: As tecnoloxías da información e da comunicación a prol da conservación e promoción das linguas e da diversidade lingüística.[7]
  • 2012: Ensino da lingua materna e educación inclusiva[8]

Celebración no mundo[editar | editar a fonte]

Monumento ao Día Internacional da Lingua Materna, Ashfield Park, Sydney, Australia. Cerimonia de inauguración, 19 de febreiro de 2006
  • O premio Linguapax preséntase todos os anos no Día Internacional da Lingua Materna.
  • A UNESCO establece o tema de cada Día Internacional da Lingua Materna e organiza eventos relacionados con el nas súas oficinas centrais de París arredor do día 21 de febreiro de cada ano.
  • En 2008, a celebración do Ano Internacional das Linguas foi proclamada formalmente o 21 de febreiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Sesión Sesaxésimoprimeira, Elemento 114 da axenda, Resolución adoptada pola Asemblea Xeral, 61/266. Multilingüismo (A/RES/61/266) (en árabe, chinés, inglés, francés, ruso e español)
  2. MOHAMMAD NIAZ ASADULLAH (2010). "Educational Disparity in East and West Pakistan, 1947-71: Was East Pakistan Discriminated Against?" (PDF). The Bangladesh Development Studies XXXIII (3): 1–46. http://bids.org.bd/bds/33-3/01.pdf. Consultado o 9 de marzo de 2012.
  3. Estatísticas demolingüísticas de Paquistán na Wikipedia en inglés
  4. Demografía de Bangladesh na Wikipedia en inglés
  5. UNESCO, "Día Internacional de la Lengua Materna, 21 de febrero" (en castelán)
  6. UNESCO, "International Mother Language Day 2004" (en inglés)
  7. UNESCO, "International Mother Language Day: 21 February 2011" (en inglés)
  8. UNESCO, "Día Internacional de la Lengua Materna, 21 de febrero 2012" (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]