Crenzas sobre vampiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ao longo da historia e en numerosas culturas apareceron diversas crenzas sobre vampiros, tanto na mitoloxía como no folclore de pobos moi diferentes entre si. Culturas como a mesopotámica, a xudía, a grega e a romana inclúen dentro das súas mitoloxías contos acerca de entidades demoníacas e espíritos sedentos de sangue que se consideran precursores dos vampiros modernos.

Con todo, a pesar da existencia de mitos acerca destas criaturas na antigüidade, o folclore da entidade que hoxe coñecemos como vampiro se orixina case exclusivamente a partir de principios do século XVIII no sueste de Europa.

A universalidade do mito do vampiro levou a algúns autores a relacionar os elementos comúns destas crenzas cos arquetipos universais, especialmente a morte, e é considerado un dos elementos ancestrais constituíntes do inconsciente colectivo, no cal conflúen diversos medos, como á escuridade ou a enfermidade. Desde unha perspectiva psicoanalítica, o vampiro é considerado unha sublimación do narcisismo e o complexo de castración, cunha forte carga sexual.

Partindo normalmente do centro e o leste de Europa, durante os séculos XVIII e XIX circularon libremente numerosas lendas sobre estas criaturas mitolóxicas, conformando mitos tan completos e numerosos que influíron definitivamente no resto de tradicións europeas, sobre todo grazas á literatura gótica e os relatos de Bram Stoker e Sheridan Le Fanu. Estas tradicións seguen sendo reinterpretadas na literatura e o cine actuais.

Outras tradicións alleas á influencia europea, como as propias de Asia, África ou a América precolombina, combináronse co vampiro europeo, facendo difícil a distinción entre as crenzas autóctonas e as derivadas do intercambio cultural. O folclore propio de poboacións dispersas en numerosos países, como os romaníes ou os xudeus, que inclúen tradicións sobre espíritos malvados similares aos vampiros, axudaron a expandir o mito ata conformar un conxunto firme de tradicións ao que se dedicaron moitos estudos desde as máis diversas disciplinas.