Copépodos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Copépodos
Rango fósil: Cretácico – Actualidade
Copepodkils.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Maxillopoda
Subclase: Copepoda
H. Milne-Edwards, 1840
Ordes

Os copépodos son un numerosísimo grupo de pequenos crustáceos, normalmente de menos de 1 mm de lonxitude, pero que representan ó redor do 80% do zooplancto mariño.

A maioría dos copépodos son mariños, pero hai moitas especies dulciacuícolas e unhas poucas que viven entre a vexetación húmida e nas películas de auga na terra. Tamén hai moitas especies parasitas de diferentes animais mariños e dulciacuícolas, especialmente de peixes.

Descrición[editar | editar a fonte]

Dentro da enorme variedade morfolóxica lóxica nun grupo zoolóxico tan amplo (hai descritas máis de 10.000 especies), presentan un corpo alongado, extremo caudal bifurcado, cinco pares de patas torácicas e carecen do caparazón duro propio dos crustáceos máis coñecidos.

O tronco está composto polo tórax e o abdome. O extremo anterior é redondeado ou terminado en punta. Presentan un único ollo, ollo nauplio, en posición media, característica típica e conspicua da maioría dos copépodos. Tamén son conspicuas as primeiras antenas unirrámeas (non divididas), que son xeralmente longas e están estendidas en ángulo recto respecto ó eixo lonxitudinal do corpo.

A cabeza está fusionada co primeiro dos seis segmentos torácicos e ás veces tamén co segundo. O primeiro par de apéndices torácicos modificouse en forma de maxilípedos ó servizo da alimentación. Os cinco apéndices torácicos restantes, a excepción do último ou dos últimos pares, son máis ou menos parecidos e birrámeos (divididos en dous), de forma bastante simétrica. Os membros dereito e esquerdo de cada par de apéndices torácicos están unidos entre si por unha placa exoesquelética entre as articulacións coxais. Esta unión permite que as dúas patas batan simultaneamente.

O abdome está composto de cinco segmentos, que son polo xeral máis estreitos que os torácicos. Non hai apéndices abdominais a excepción dun único par de ramas caudais no telson. Nalgunhas especies planctónicas mariñas estas ramas están desenvolvidas de forma espectacular. En Calocalanus pavo, por exemplo, cada rama está xirada lateralmente e porta catro longas sedas en forma de pluma.

Aínda que a maioría dos copépodos son pálidos e transparentes, algunhas especies poden ser dunha cor vermella brillante, laranxas, moradas, azuis ou negras. Coñécense moitas especies luminiscentes.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Seguindo a clasificación taxonómica do CSIC[1], a clase Copepoda divídese en oito ordes:

Outros autores inclúen os branquiúros entre os copépodos, pero o CSIC considera os Branchiura como clase á parte.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Das cinco ordes vivintes de copépodos, os calonoideos son maiormente planctónicos; os harpacticoideos, que inclúen arredor do 50% das especies de copépodos, son bentónicos; e os ciclopoideos abarcan especies tanto planctónicas coma epibentónicas.

As variacións con respecto á forma do corpo están relacionadas co hábitat das distintas especies. As formas planctónicas teñen corpos máis ou menos cilíndricos cun abdome estreito. Aquelas que viven en niveis superiores da columna de agua son algo máis miúdas e fusiformes que as que nadan a algúns metros por enriba do fondo. As especies epibentónicas que reptan e nadan xusto por riba do fondo, teñen corpos algo máis anchos. As especies bentónicas que viven sobre as algas e herbas mariñas poden ser anchas e planas; as intersticiais son estreitas e con forma de verme.

Nutrición[editar | editar a fonte]

O fitoplancto constitúe a parte principal da dieta da maioría das especies, pero algunhas dependen tamén en gran maneira das partículas de detritos. Non tódolos copépodos planctónicos son herbívoros de alimentación suspensívora; algúns son omnívoros, e outros estritamente depredadores. Algunhas especies de Anomalocera y de Pareuchaeta, chegan mesmo a capturar peixes pequenos.

Sábese que as especies de Tisbe, harpacticoideos planctónicos epibentónicos, agrúpanse sobre un peixe pequeno e comen as súas aletas, inmovilizándoo, para logo devora-lo corpo a medida que cae cara o fondo. Algunhas especies dulciacuícolas de Cyclopidae son herbívoras, outras son carnívoras. Os membros do xénero Cylops son predadores, como son os doutros xéneros dos ciclopoideos.

Estrutura interna[editar | editar a fonte]

Nos copépodos de vida libre non hai branquias, e excepto nos calanoideos e nalgunhas especies parasitas non hai nin corazón nin vasos sanguíneos; os órganos excretores son glándulas maxilares.

Reprodución e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Os copépodos macho son polo xeral máis pequenos que as femias, que á vez son moito máis abundantes. Os copépodos están entre os poucos crustáceos pequenos que forman espermatóforos, e a parte inferior do espermiducto está modificada con esta finalidade. O xenoporo masculino localízase no primeiro segmento abdominal da maioría dos copépodos, do mesmo xeito que os gonóporos femininos se abren ós receptáculos seminais. Durante a transferencia dos espermatóforos, o macho suxeita á femia cunha ou as dúas primeiras antenas e, na maioría dos calanoideos, tamén co último par de apéndices torácicos modificados. Os espermatóforos son transferidos cos apéndices torácicos do macho e adhírense ás aberturas do receptáculo seminal por medio dun cemento especial.

A maioría dos calanoideos libera os seus ovos individualmente dentro da agua. Porén, os ovos doutros copépodos acostuman a estar pechados nun ovisaco, producido por secrecións do oviducto cando os ovos saen deste, e permanece unido ó segmento xenital feminino, onde funciona a modo de cámara incubadora. Fórmanse un ou dous sacos dependendo do número de oviductos. Cada saco contén desde uns poucos a 50 ovos ou máis.

Notas[editar | editar a fonte]