Constitución da República Española de 1931

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Constitución española de 1931")
Bandeira republicana adoptada oficialmente en abril de 1931
Facsímile da Constitución

A Constitución da República Española de 1931 foi aprobada o 9 de decembro de 1931 polas Cortes Constituíntes tras as eleccións xerais españolas de 1931 que seguiron á proclamación da Segunda República e estivo vixente até o final da Guerra Civil Española en 1939. A República española no exilio continúo recoñecendo a súa vixencia até 1977, cando o proceso político da chamada Transición Española permitiu a redacción dunha nova Carta Magna democrática.

A constitución organizábase en 9 capítulos (125 artigos en total) e dúas disposicións transitorias.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Coa proclamación da II República o 14 de abril de 1931 convócanse eleccións a unhas Cortes Constituíntes en 28 de xuño. Unha das súas primeiras tarefas foi confirmar como presidente a Niceto Alcalá Zamora e o seu gabinete. Unha vez aprobada procede a elixir o Presidente da República, sendo electo Alcalá Zamora (12 de decembro) tras o cal exerce a función de Cortes.

Garantías e dereitos constitucionais[editar | editar a fonte]

O título III Dereitos e deberes dos españois, subdividido en liberdades e dereitos individuais (Capítulo I: Garantías individuais e políticas) e sociais (Capítulo II: Familia, economía e cultura), recoñecía a liberdade relixiosa, de expresión, reunión, asociación e petición (dereito de toda persoa a dirixir unha petición ao goberno), o dereito de libre residencia e de circulación e de elección de profesión, inviolabilidade do domicilio e da correspondencia, igualdade ante a xustiza, protección á familia, dereito ao divorcio, dereito ao traballo, dereitos á cultura e o ensino, artigos sobre a relación entre Igrexa católica e Estado. Doutra banda, suprimíase todo privilexio de clase social e de riqueza, o que equivalía a anular a nobreza como entidade xurídica. Apuntábase tamén a posibilidade de socialización da propiedade e dos principais servizos públicos, aínda que en definitiva os proxectos de nacionalización da terra, as minas, os bancos e os ferrocarrís nunca se levaron a cabo.

Estrutura do Estado[editar | editar a fonte]

España é definida como "unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de Liberdade e Xustiza". Fai compatible a unidade do Estado e a autonomía dos municipios e rexións. Renúnciase ao uso da guerra como instrumento político. O sufraxio é universal para homes e mulleres maiores de 23 anos conforme ás leis.

O poder lexislativo reside nas Cortes, constituídas por unha asemblea unicameral chamada Congreso dos Deputados elixida directamente. O seu mandato é de catro anos reelexibles indefinidamente e reúnense ordinariamente entre febreiro-abril e outubro-novembro, e extraordinariamente a petición do Presidente da República. Ten a iniciativa das leis xunto co Goberno. Pode delegar no Goberno a capacidade de lexislar por decreto sobre materias autorizadas. O Congreso elixe unha Deputación Permanente de Cortes, composta por 21 representantes das faccións políticas en proporción aos escanos que cada unha delas ten nas Cortes. Está encargada de coñecer os casos de suspensión das garantías constitucionais, os decretos-leis, a detención e o procesamiento dos deputados. O Goberno debe contar co respaldo das Cortes e pódeselle formular un voto de censura.

Establécese o mecanismo do referendo popular. Debe ser formalizado por un 15% do corpo electoral e non pode referirse a tratados internacionais, leis tributarias ou estatutos rexionais.

O Poder executivo estaba a cargo do Presidente da República que é o Xefe de Estado. O Presidente ten un mandato de seis anos, sen reelección ata que pase un período de seis anos despois de abandonar o seu mandato. A súa elección efectúana as Cortes xunto a un número de compromisarios igual ao de deputados, elixidos por sufraxio universal.

Correspóndelle nomear e separar ao Presidente do Goberno e, a proposta deste, aos ministros. Declarar a guerra previa autorización das Cortes, asinar e negociar os tratados internacionais, autorizar os decretos referendados polo ministro correspondente, ordenar medidas urxentes. Ditar por decreto, previo acordo unánime do Goberno e a aprobación da Deputación Permanente, as medidas de urxencia ou cando o demande a defensa da República. Ten veto suspensivo, o cal pode ser revogado por dous terzos das Cortes. Pode disolver as Cortes até dúas veces como máximo durante o seu mandato, a cal será examinada polas novas Cortes e resolver a súa necesidade. As Cortes poden destituír ao Presidente con tres quintos dos votos.

O Goberno está conformado polo Presidente do Consello de Ministros e os ministros. Correspóndelle a dirección superior do Estado e os servizos públicos. O Consello pode elaborar proxectos de lei, ditar os decretos, exercer a potestade regulamentaria e deliberar sobre asuntos de interese público xeneral.

O poder xudicial está a cargo do Tribunal Supremo e cortes subordinadas a este. Créase un Tribunal de Garantías Constitucionais coa competencia de resolver principalmente a inconstitucionalidade das leis, os recursos de amparo e os conflitos de competencia lexislativa.

A Constitución pode ser reformada a proposta do Goberno ou dunha cuarta parte dos membros das Cortes. Unha vez aprobada a reforma, por maioría absoluta (provisoriamente para o catro primeiros anos de vixencia da Constitución requírense dous terzos dos deputados), procédese á elección dunha Asemblea Constituínte que decidirá sobre a proposta e posteriormente actuará como Cortes ordinarias.

Organización territorial[editar | editar a fonte]

O Estado organízase en concellos, os cales están agrupados en provincias. As provincias pódense organizar en rexións autónomas. Para constituír unha rexión autónoma requírese que sexa proposto pola maioría dos seus municipios ou que representen dous terzos do censo electoral; posteriormente debe ser aprobado por dous terzos dos electores da rexión e que finalmente o aproben as Cortes xunto co Estatuto proposto. Baixo este procedemento constituíronse como rexións autónomas Cataluña (1932) e o País Vasco (1936). En Galicia foi aceptada a proposta por plebiscito en 1936, mais a súa ratificación polas Cortes ficou interrompida polo comezo da Guerra Civil, do mesmo xeito que as aspiracións de Andalucía e do País Valenciano que mesmo redactou varias propostas.

Críticas á Constitución de 1931[editar | editar a fonte]

A Constitución aglutinou xuízos negativos e críticas ulteriores de destacados republicanos conservadores:

  • Para Salvador de Madariaga, Non era viable, e os seus maiores defectos eran a floxeza do Executivo, a falta de Senado e a separación da Igrexa e o Estado.
  • Obra da ignorancia dos deputados, ao dicir de Alejandro Lerroux, unha Constitución inspirada na desconfianza dos poderes que necesariamente han de formar a arquitectura da República para telos sometidos ao do Parlamento (...) a pouco que se fixe a atención advertirase como se procurou subordinar o poder executivo, o xudicial e o presidencial ás Cortes. E non por xusto dereito democrático de exercer unha acción fiscalizadora, senón por mero afán de dominación despótica (...) un sistema electoral prostituído (...) confabulación, en fin (...), de oligarquías que exercen a máis infecunda, irresponsable e odiosa das ditaduras (...) Negación dun dereito de xentes e da condición de cidadáns a todos os que non profesan as nosas ideas.
  • Sectaria e feita de costas á realidade nacional, segundo o memo presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, procurouse lexislar obedecendo a teorías, sentimentos ou intereses de partidos, sen pensar nesa realidade de convivencia patria, sen coidarse apenas de que se lexislaba para España, ou coma se a constitución fose rexer noutro país (...) Fixeron da República, máis que unha sociedade aberta á adhesión de todos os españois, unha sociedade estreita, con número limitado de accionistas e até con bonos de privilexio de fundadores (...) fíxose unha Constitución que convida á Guerra Civil, dende o dogmático ...no que impera a paixón sobre a serenidade xusticeira- ao orgánico, en que a improvisación, o equilibrio inestable substitúen á experiencia e á construción sólida dos poderes.
  • Alcalá Zamora na súa obra Os defectos da Constitución de 1931 analizaba as deficiencias de Constitución, rememorando os debates parlamentarios e as circunstancias nas que se produciu a aprobación da mesma. Segundo o autor,[1] Manuel Azaña confesoulle en 1936, desde a localidade do Tejar, onde se atopaba nese intre que atopaba na mesma máis defectos que o propio Alcalá.
  • Constitución lamentable, sen pés nin cabeza, nin o resto de materia orgánica que adoita haber entre pés e cabeza, segundo declarou José Ortega y Gasset.[2]
  • Rematou Miguel de Unamuno: "Constitución urdida, non por choque e entrecruce de doutrinas diversas, senón por intereses de partidos, ou mellor de clientelas políticas sometidas a unha disciplina... Así se forxa, claro non máis que no papel, un Código de compromiso enchido, non xa de contradicións íntimas (...), senón de ambigüidades goras de verdadeiro contido. Así se chega ao camelo".[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (Alcalá Zamora ?:?)
  2. Diario Luz, 16 de xullo de 1932.
  3. A Voz, 24 de outubro de 1931

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Constitución da República Española de 1931

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alcalá-Zamora, Niceto. Os defectos da Constitución de 1931 e tres anos de experiencia constitucional. Padroado 'Niceto Alcalá-Zamora e Torres', Málaga, 2002. ISBN 84-932071-6-0

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]