Concha Piquer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Concepción López Piquer, máis coñecida como Concha Piquer, nada en Valencia o 8 de decembro de 1906 e falecida en Madrid o 12 de decembro de 1990, foi unha cantante e actriz española, unha das figuras máis sobranceiras da copla. Interpretou diversas composicións clave da canción española, case todas elas obra de Quintero, León e Quiroga, como Ojos verdes, Tatuaje, Y sin embargo te quiero ou Suspiros de España entre outras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con 11 anos fixo o seu debut no teatro Segueros de Valencia. Estudiou canto co maestro Laguna. Actuou no Grau de Gandia, nos teatros valencianos Apolo e Kursaal. Foi descuberta polo maestro Penella, que preparaba a estrea da súa ópera El gato montés en Nova York. O 13 de setembro do 1922, nun entreacto de esta estrea, interpretou a canción El florero, de Penella. Estivo cinco anos nos Estados Unidos, cantando en Broadway e en moitos teatros. No ano 1927 participou na primeira película sonora, O cantor de jazz (The Jazz Singer, 1927, Alan Crosland), con Al Jolson. Volveu a España, onde actuou no teatro Romea de Madrid e no Coliseum barcelonés, e rodou en París El negro que tenía el alma blanca, de Benito Perojo. Seguiu con La bodega (1930, Benito Perojo), Yo canto para ti (1935, Fernando Roldán), La Dolores (1940, Florián Rey), Filigrana (1949, Luis Marquina) e Me casé con una estrella (1951, Luis César Amadori).

En 1933 casou co toureiro Antonio Márquez. Coñeceu ó poeta e letrista Rafael de León e xunto con Antonio Quintero e o maestro Quiroga crearon unha serie de espectáculos onde aparecían cancións que se fixeron moi populares, como a copla La parrala. Outras cancións súas son Tatuaje, Cinco Farolas, Ojos verdes, La Maredeueta (única canción na que inclúe algunhas frases en catalán, a súa lingua materna), No te mires en el río, Los piconeros, La Lirio, Romance de la reina Mercedes, A la lima y al limón, Antonio Vargas Heredia, Cárcel de oro, La niña de la estación, No me quieras tanto, Yo soy ésa, Y sin embargo te quiero.