Circulación pulmonar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema da circulación pulmonar.

A circulación pulmonar ou circulación menor é a parte do sistema circulatorio que transporta o sangue desoxixenado desde o corazón até os pulmóns, para logo regresala oxixenada de volta ao corazón. O termo contrasta coa circulación sistémica que impulsa o sangue desde o corazón cara ao resto dos tecidos do corpo. A función da circulación pulmonar á a de asegurar a oxixenación sanguínea pola hematose pulmonar.

Curso[editar | editar a fonte]

Na circulación pulmonar, o sangue de procedencia venosa, con baixa concentración de oxíxeno, sae do ventrículo dereito do corazón, pasa polas arterias pulmonares, entra nos pulmóns e regresa de volta ao corazón, con sangue arterial e oxixenado, a través das veas pulmonares.

Corazón dereito[editar | editar a fonte]

O sangue que provén das veas do organismo é sangue desoxixenado e rico en dióxido de carbono, produto do metabolismo celular fisiolóxico. Ao saír desta circulación sistémica, entra na aurícula dereita do corazón que, ao contraerse, envía o sangue a través da válvula tricúspide que separa a aurícula dereita do ventrículo dereito.

Arterias[editar | editar a fonte]

Desde o ventrículo dereito, o sangue pasa pola válvula semilunar até a arteria pulmonar. Por cada pulmón, hai unha arteria pulmonar pola cal o sangue viaxa cara aos pulmóns. A pesar de levar sangue desoxixenado e, polo tanto, sangue venoso, por razón de que son vasos sanguíneos que parten do corazón, por definición, denomínanse arterias pulmonares e non veas pulmonares.

Pulmóns[editar | editar a fonte]

As arterias pulmonares levan o sangue até os vasos sanguíneos máis pequenos, lugar onde a hemoglobina das células ou glóbulos vermellos libera dióxido de carbono e recolle oxíxeno como parte do intercambio gasoso da respiración.

Veas[editar | editar a fonte]

O sangue agora oxixenado sae dos pulmóns polas veas pulmonares, que regresan o sangue ao corazón, á aurícula esquerda, completando así o ciclo pulmonar. Este sangue bombéase da aurícula esquerda, a través da válvula mitral, ao ventrículo esquerdo.

Fisioloxía[editar | editar a fonte]

Miguel Servet.
William Harvey.

O sangue desoxixenado procedente dos tecidos sae do corazón dereito pola arteria pulmonar, a cal leva o sangue aos pulmóns, onde os glóbulos vermellos liberan dióxido de carbono no intercambio gasoso, por oxíxeno durante a respiración pulmonar. O sangue así oxixenado sae dos pulmóns polas veas pulmonares, as cales devolven o sangue ao corazón esquerdo, completando o ciclo. O sangue logo distribúese por todo o corpo a través da circulación sistémica antes de regresar de novo á circulación pulmonar.

Historia[editar | editar a fonte]

A circulación pulmonar foi descuberta e publicada por primeira vez por Ibn al-Nafis en 1242, na súa obra titulada Comentario sobre Anatomía e o Canon de Avicenna, polo que este médico árabe medieval está considerado como o pai da fisioloxía da circulación sanguínea.[1] Tres séculos despois Miguel Servet escribiu sobre a materia en Christianismi restitutio (1553). Por ser esta unha obra de teoloxía, e ademais condenada pola maioría das confesións cristiás da época (catolicismo e reformados), o descubrimento permaneceu na escuridade até as diseccións de William Harvey en 1616.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A circulación pulmonar case non existe na circulación fetal. Os pulmóns fetais están colapsados, e o sangue pasa da aurícula dereita directamente á aurícula esquerda a través do foramen ovale (forame ou burato oval), unha apertura anatómica que comunica as dúas aurículas no feto.[2] Cando os pulmóns se expanden ao nacer, a presión pulmonar cae e o sangue comenza a viaxar desde a aurícula dereita ao ventrículo dereito en dirección ao circuíto pulmonar. No curso de varios meses, o forame oval péchase debido a que a presión na aurícula esquerda fai que o tabique que separa as dúas aurículas se comprima, deixando unha leve depresión chamada fosa oval no corazón do adulto.[3]

Entre un 10 e un 25 % da poboación viven co forame oval permeábel (FOP) onde potencialmente pode haber comunicación entre as dúas aurículas.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chairman's Reflections (2004): "Traditional Medicine Among Gulf Arabs, Part II: Blood-letting", en Heart Views 5 (2), páxs. 74-85.
  2. Alejandro Martínez S. & Felipe Heusser R. (2006): "Accidente vascular encefálico y foramen oval permeable" en Boletín de la Escuela de Medicina U.C., Pontificia Univerdiad Católica de Chile. Vol. 31 Nº 1. [1]
  3. Horacio Jose Faella Cardiopatías Congénitas en el Adulto: su Tratamiento Endoluminal
  4. Carlos Zabal Cerdeira. Foramen oval permeable. Definición del problema y tratamiento. Archivos de Cardiología de México (MG) Vol. 74, Supl. 2, 60 Aniversario / Abril - Xuño de 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]