Cilindro de Ciro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cilindro de Ciro.
Vista do lado oposto.

O cilindro de Ciro é unha peza cilíndrica de arxila que contén unha declaración en cuneiforme acadio babilonio do rei persa Ciro o Grande (559 - 529 a. C.). Nela, o novo rei lexitima a súa conquista e toma medidas políticas para gañar o favor dos seus novos súbditos.

Foi descuberto en 1879 polo arqueólogo asirio-británico Hormuz Rassam durante a escavación do templo de Marduk en Babilonia. Consiste en dous fragmentos ("A" e "B"), conservados actualmente no Museo Británico, o primeiro desde o seu descubrimento, mentres que o segundo estivo temporalmente na Universidade de Yale.

Contexto[editar | editar a fonte]

O 7 de outubro do 539 a. C. (15 de Tashritu no calendario babilonio) o exército persa entrou en Babilonia sen resistencia. O 29 de outubro o propio Ciro chegou á cidade, asumindo os títulos de "rei de Babilonia, rei de Sumer e Acad, rei dos catro estremos do mundo".

Malia conter seccións nas que Ciro fala en primeira persoa, a redacción do cilindro foille encomendada a sacerdotes babilonios, que usaron modelos babilonios e asirios. O cilindro foi depositado nos alicerces das murallas de Babilonia, unha práctica habitual na antiga Mesopotamia, para conmemorar as reparacións feitas por Ciro[1]. Entre outros textos favorables a Ciro e escritos desde o punto de vista da clase sacerdotal de Babilonia, atópase o "Relato en verso sobre Nabonido"[2].

Descrición e contido[editar | editar a fonte]

O fragmento "A" (BM 90920) mide arredor de 23 x 8 cm e comprende 35 liñas (1-35), mentres que o fragmento "B" mide uns 8,6 x 5,6 cm e comprende 9 liñas (36-45)[3]. O se contido pode resumirse deste modo:

  1. Liñas 1-19: Descríbense os actos "criminais" de Nabónido, o último rei de Babilonia, así como a procura dun novo rei por parte do deus Marduk, e a conseguinte elección de Ciro.
  2. 20-22: Xenealoxía (até o seu bisavó Teispes) e títulos de Ciro.
  3. 22-34: O propio Ciro conta como garantiu a paz, restableceu os cultos e permitiu regresar ás súas terras aos pobos deportados en Babilonia.
  4. 34-35: Oración de Ciro ao deus Marduk, pedindo por el mesmo e polo seu fillo Cambises.
  5. 36-45: Ciro describe a reconstrución das murallas de Babilonia e o achado dunha inscrición de Assurbanipal[4].

Dereitos humanos[editar | editar a fonte]

Personalidades como Mohammad Reza Pahlevi (o último Xa de Irán) ou a Premio Nobel da Paz iraní Shirin Ebadi destacaron o valor humanístico do Cilindro de Ciro, que mesmo foi nomeado como a "Primeira Declaración dos dereitos humanos[5].

Porén, numerosos historiadores[6] destacaron que declaracións deste estilo non eran estranas nas tradicións mesopotámicas, e que, se ben quizais é inusualmente xeneroso, o Cilindro de Ciro non pode de ningún xeito ser relacionado cos dereitos humanos.

Nos últimos anos viu circulando por internet unha tradución fraudulenta ao inglés do cilindro. Esta pode recoñecerse pola mención de Ahura Mazda, ausente no orixinal, e por frases hiperbólicas como "Non imporei a miña monarquía sobre ningunha nación. Cada un é libre de aceptala, e se algún deles a rexeita, nunca utilizarei a guerra para impoñerme".[7][8]. A cita é unha tradución propia dunha pasaxe presentada en Livius.org: "From now on, while Ahuramazda lets me rule, I will impose my monarchy on no nation. Each is free to accept it, and if any one of them rejects it, I shall never resolve on war to reign.".

Edicións e traducións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Muhammad Dandamaev, "The Cyrus Cylinder", in E. Yarshater (ed.) Encyclopedia Iranica vol. VI, 1993, p. 521
  2. Relato en www.livius.org (en inglés).
  3. "The Cyrus Cylinder" en Livius.org
  4. Basado en M. Dandamaev, op. cit. p. 521; y J. Wisehöfer, Ancient Persia from 550 BC to 650 AD, 2006 [1996], pp. 44-45.
  5. "The Cyrus Charter: The Firsts Charter of Human Rights", en iranchamber.com (en inglés).
  6. A. Kuhrt "The Cyrus Cylinder and Achaemenid imperial policy" en Journal of Studies of the Old Testament 25 pp. 83-97., B. van der Spek, "Did Cyrus the Great introduce a new policy towards subdued nations? Cyrus in Assyrian perspective" en Persica 10 pp. 273-285; seguidos por M. Dandamaev A Political History of the Achaemenid Empire, pp. 52-53, e J. Lendering, "The Cyrus Cylinder" en Livius.org
  7. Tradución en www.iranchamber.com (en inglés).
  8. "The Cyrus Cylinder" en Livius.org (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]