Cerviña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cerviña
Phyllitis scolopendrium subsp. scolopendrium 01 by Line1.jpg
Estado de conservación
G4
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Polypodiopsida
Orde: Polypodiales
(sen clasif.): Eupolypods II
Familia: Aspleniaceae
Xénero: 'Asplenium'
Especie: ''A. scolopendrium''
Nome binomial
''Asplenium scolopendrium''
L.
Sinonimia

Phyllitis scolopendrium

A cerviña[1] (Asplenium scolopendrium) é unha especie de fento do xénero botánico Asplenium, da familia da Aspleniaceae. A especie aparece frecuentemente incluída no xénero Phyllitis coa designación de Phyllitis scolopendrium (L.) Newman[2].

En Galiza é común a subespecie Asplenium scolopendrium subsp. scolopendrium preto dos regos e nos lugares sombrizos.

Descrición e taxonomía[editar | editar a fonte]

Fento con frondes longas, con até 50-60 cm de longo e 5-6 cm de largura, enteiras e sen lóbulos. O raque é de cor castaña escura, espesa, con brillo ceroso. Nervios ben marcados, especialmente na páxina inferior do limbo. Os soros son lineares, con 12-15 mm de lonxitude, localizados na páxina inferior da fronde, inserido paralelamente aos nervios na parte distal, mais sen se aproximaren á marxe da fronde.

A especie clasifícase no xénero Asplenium, mais por ter frondes enteiras é por veces inserido no xénero Phyllitis. Aínda así, é un fento facilmente identificábel, pois as súas frondes non están divididas e subdivididas en segmentos, como ocorre na case totalidade das especies deste tipo. O rizoma é alargado, recuberto de páleas de cor castaña.

Nome galego[editar | editar a fonte]

A cerviña (en portugués língua cervina) recibe outro nomes en galego coma: lingua cerviña, cervún, herba cervúa, lingua de cervo; e tamén lingua de boi e herba dos escaldados .

Distribución[editar | editar a fonte]

Especie con distribución na Macaronesia e suroeste de Europa. Presente en todas as illas dos Azores, aínda que a raro na illa do Corvo[3]. É común en toda Galiza.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Soros con esporas.

A cerviña é unha especie das áreas con elevada humidade atmosférica, preferindo hábitats sombrizos e abeirados, onde a humidade relativa do ar se aproxime frecuentemente á saturación. Medra en xeral por riba dos 400 m de altitude (mais alto nas rexións con clima mediterráneo mais marcado, menos en rexións de clima atlántico, como Galiza), en cavorcos ou en bosques densos. Cando a humidade do ar é suficientemente elevada, presenta comportamento epilítico, medrando en fisuras de de rochas, en especial nas fendas sombrizas das escoadas lava.

A dependencia en relación aos lugares sombrizos tornan a especie vulnerábel á deforestación, mais permite a súa sobrevivencia en asociación con especies invasoras, entre as cales está o pitósporo Pittosporum undulatum. O tamaño das súas frondes e a preferencia por háitats hiperhúmidos leva a que sexa frecuente a presenza de hepáticas epífilas sobre as plantas[2].

As poboacións de A. scolopendrium son polo xeral pouco numerosas e espalladas, aparecendo en xeral asociadas ás formacións máis densas da laurisilva ou das fragas higrófilas. É común a asociación da especie co pteridófito Trichomanes speciosum ( o fento frisado) e con diversos briófitos[2].

En Galiza medra dende o nivel do mar en noiros húmidos, lamazais e ribeiras, moitas veces en vales fondos ou cavorcos asociado a poboacións de loureiros; condicións semellantes ás laurisilvas.

Usos[editar | editar a fonte]

En infusión, é utilizada contra a diarrea e para reducir as inflamacións intestinais. En gargarexos é útil contra as inflamacións da boca e da gorxa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego preferido en ‘’Termos Esenciais de Botánica’’, entrada 167, da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002. Tamén aparece no Dicionario da RAG e é documentado noutros dicionarios
  2. 2,0 2,1 2,2 Erik Sjögren, Plantas e Flores dos Açores. Direcção Regional da Cultura, Angra do Heroísmo, 2001.
  3. Asplenium scolopendrium no AzoresBioPortal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Erik Sjögren, Plantas e Flores dos Açores. Edición do autor, 2001.
  • Hyde, H. A., Wade, A. E., & Harrison, S. G. (1978). Welsh Ferns. National Museum of Wales (ISBN 0-7200-0210-9).
  • Murakami, N., S. Nogami, M. Watanabe, K. Iwatsuki. 1999. Phylogeny of Aspleniaceae inferred from rbcL nucleotide sequences. American Fern Journal 89: 232-243.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cerviña Modificar a ligazón no Wikidata