Bernart de Ventadorn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bernard de Ventadorn nun debuxo medieval

Bernart de Ventadorn, nado cara a 1130-1145 e finado cara a 1190-1200, tamén coñecido como Bernard de Ventadour, foi un popular trobador, compositor e poeta provenzal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Segundo o trobador Uc de Santo Circ (1217?-1253?), Bernart foi posibelmente fillo dun panadeiro no castelo de Ventadour (Ventadorn) en Corrèze, no Lemosín francés. Outra fonte, un poema satírico escrito por un contemporáneo máis novo, Peire d'Alvernha, indica que era fillo dun criado, un soldado ou un panadeiro, e súa mai tamén era criada ou panadeira. Da evidencia no poema xuvenil de Bernart, Lo temps vai e ven e vire, moi probabelmente aprendeu a arte de cantar e de escribir do seu protector, o vizconde Eble III de Ventadorn. Compuxo os seus primeiros poemas á esposa do seu patrón, Margarida de Turenne.

Forzado a deixar Ventadour despois de se namorar de Margarida, viaxou a Montluçon e a Tolosa, e seguiu eventualmente a Leonor de Aquitania a Inglaterra e á corte dos Plantagenet; a evidencia para esta asociación e estes percorridos ven principalmente dos seus propios poemas. Posteriormente Bernart volveu a Tolosa, onde Raimundo de Tolosa lle deu traballo; despois foi a Dordogne, onde entrou no mosteiro cisterciense de Dalon. Moi probabelmente morreu neste mosteiro.

Legado[editar | editar a fonte]

Bernart é un caso único entre os compositores seculares do século XII pola cantidade da súa música que sobreviviu: das súas 45 composicións, 18 teñen a súa música intacta, unha circunstancia inusual para un trobador (a música dos trobadores en lingua de oil tivo unha probabilidade máis alta de sobrevivir, atribuída xeralmente a que eles sobreviviron á cruzada albixense, que dispersou os trobadores en lingua de oc e destruíu moitas das súas fontes). A súa obra data probablemente entre 1147 e 1180 e escribiu en provenzal. Bernart considérase con frecuencia a influencia máis importante no desenvolvemento da tradición dos trobadores no norte de Francia, porque que alí o coñecían ben, as súas melodías circularon extensamente e os primeiros compositores en lingua de oil imitárono. A maioría dos seus poemas son amorosos.

Diferenciase doutros autores da época pola maneira máis persoal de mostrar os seus sentimentos. O recoñecemento á súa obra chegou no romanticismo.

Extracto[editar | editar a fonte]

Lo tems vai e ven e vire
Per jorns, per mes e per ans,
Et eu, las no.n sai que dire,
C'ades es us mos talans.
Ades es us e no.s muda,
C'una.n volh e.n ai volguda,
Don anc non aic jauzimen.

Pois ela no.n pert lo rire,
E me.n ven e dols e dans,
C'a tal joc m'a faih assire
Don ai lo peyor dos tans,
- C'aitals amors es perduda
Qu'es d'una part mantenguda -
Tro que fai acordamen...

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]