Ascaris lumbricoides

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ascaris lumbricoides
A. lumbricoides, femia adulta
A. lumbricoides, femia adulta
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Nematoda
Clase: Secernentea
Orde: Ascaridida
Familia: Ascarididae
Xénero: 'Ascaris'
Especie: ''A. lumbricoides''
Nome binomial
Ascaris lumbricoides
Linnaeus, 1758
Os vermes adultos (1) viven no lume do intestino delgado e producen ovos que se expulsan coas feces (2). Os ovos fértiles embrionan e vólvense infectivos entre os 18 días e varias semanas (3). Despois de que se tragan os ovos infectivos (4), as larvas eclosionan (5), invaden a mucosa intestinal, e despois chegan á circulación portal, pasan á circulación sistémica e logo aos pulmóns. As larvas maduran nos pulmóns de 10 a 14 días (6), logo atravesan as paredes alveolares, e ascenden ata a garganta, onde son deglutidas (7). Unha vez que chegan ao intestino delgado, desenvólvense ata o estado adulto (8).
Ovo fértil visto ao microscopio.
Detalle dun ovo fértil nas feces humanas.
Ovo infértil.

Ascaris lumbricoides[1] é unha especie de vermes nematodos parasitos do intestino delgado humano,[2] moi frecuente en países subdesenvolvidos economicamente cun sistema de saneamento e tratamento dos alimentos e auga inadecuado, pero pode darse en todo o mundo. A enfermidade que produce denomínase ascaridíase. A este animal tamén se lle chama ascaris ou lombriga (aínda que hai outras lombrigas intestinais doutras especies e xéneros). Unha especie moi similar que parasita ao porco é o Ascaris suum.

O animal é cilíndrico cos extremos adelgazados e sen aneis. Posúe unha gran resistencia metabólica e unha gran capacidade de reprodución, o que explica a gran incidencia de casos nos que infecta aos humanos. É o maior nematodo que parasita ao home e pode medir entre 15 e 35 cm. As femias de Ascaris son meirandes ca os machos. O contaxio prodúcese pola inxestión dos seus ovos, que foron expulsados coas feces, maduran no medio ambiente e son moi resistentes e duradeiros.

Estas lombrigas nunca se adhiren á parede intestinal (como faría unha tenia), xa que habitan na luz do intestino, onde absorben os nutrientes que o hóspede inxire. Algunhas estimacións elevan a máis de dous mil millóns o número de persoas infectadas por este parasito no mundo.[3]

Nome común[editar | editar a fonte]

Este animal recibe o nome común de lombriga ou lombriga intestinal, pero téñase en conta que tamén hai outros nematodos que parasitan o intestino (oxiúros ou Enterobius), e que outro dos nomes do anélido miñoca é tamén lombriga[4]. Outro nome que recibe o Ascaris é coca[5], que se usa tamén cun significado amplo como sinónimo de coco ou "verme" das froitas, carnes, etc. en xeral (xeralmente unha larva de insecto).

Características[editar | editar a fonte]

Ascaris lumbricoides caracterízase polo seu gran tamaño. Os machos teñen 2–4 mm de diámetro e 15–31 cm de longo. As femias teñen un diámetro de 3–6 mm e son de 20–49 cm de longo. Non hai cabeza diferenciada, pero os ganglios nerviosos principais son anteriores e teñen órganos sensoriais arredor da boca. A cutícula é elástica e debaixo ten células epidérmicas sinciciais, que orixinaron a cutícula, que emiten cara o interior catro saíntes chamados cordóns epidérmicos. Entre os cordóns epidérmicos hai células musculares grandes e lonxitudinais. A boca ten tres labios e dá paso a unha cavidade bucal, unha farinxe, un intestino revestido de células con microvilli e un recto. Carece de aparato respiratorio e de ciclo de Krebs, polo que cando está en tecidos profundos depende de procesos anaerobios para obter enerxía. Ascaris é amoniotélico (excreta amoníaco) , pero libera tamén certa cantidade de urea, que aumenta cando ten escasez de auga. O pseudocele é a cavidade que contén o tubo dixestivo e órganos reprodutores e está cheo de líquido e substancia fibrosa; en Ascaris unha célula grande situada encima da farinxe produce unha rede de membranas que rodean ao tubo dixestivo. O líquido perivisceral de Ascaris é complexo quimicamente contén sodio e cloruros, proteínas, glícidos, aminoácidos, amoníaco, urea; é un importante medio de transporte de substancias. Ascaris carece de músculos circulares, xa que ten só músculos lonxitudinais; na locomoción é importante ademais a presión do líquido no pseudocele e a elasticidade da cutícula.[6]

O extremo posterior dos machos está curvado ventralmente e ten dúas espiñas utilizadas na copulación. A vulva das femias está localizada no extremo anterior. O útero pode conter ata 27 millóns de ovos e depositan uns 200.000 ovos diariamente. Os ovos fertilizados son ovais ou redondos de 45-75 x 35-50 micrómetros cunha grosa cuberta externa. Os ovos non fertilizados miden 88-94 x 44 micrómetros e non son infectivos.[7]

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Primeira chegada ao intestino[editar | editar a fonte]

O home inféctase polo ascaris ao inxerir os seus ovos, que se encontran en solos contaminados e poden chegar á comida. O estadio infectante son os ovos embrionados. Unha vez inxeridos, os ovos infectantes chegan ao duodeno, onde son atacados polos zumes dixestivos, e deixan en liberdade ás larvas. Estas larvas, que posúen unha grande mobilidade, penetran na mucosa duodenal, e chegan á circulación sanguínea portal, dirixíndose ao fígado, onde permanecen regularmente de 72 a 96 horas.

Na circulación sistémica e pulmóns[editar | editar a fonte]

Desde os vasos hepáticos pasan á circulación sanguínea xeral, chegan ao corazón e circulan polo corpo. Por vía sanguínea chegan aos pulmóns, onde quedan atrapadas nos capilares pulmonares. Alí, as larvas rompen o endotelio capilar e penetran nos alvéolos, ascendendo polos bronquíolos e bronquios ata a traquea e saen pola larinxe para ser deglutidas e levadas novamente ao intestino delgado.

Segunda chegada ao intestino[editar | editar a fonte]

No intestino as larvas desenvólvense e convértense en machos e femias adultos. Alí prodúcese o apareamento entre machos e femias, que deste modo quedan fecundadas e producen ovos. As femias depositan diariamente miles de ovos (entre 200.000 a 240.000 por día), que pasan ás feces desde as cales contaminan o chan, sobre todo se este está húmido e morno, onde poden sobrevivir mesmo en condicións prexudiciais (hipobiose), favorecendo así a perduración do parasito. A detección de ovos nas feces serve de diagnóstico para a ascaridíase. Estes ovos desenvólvense no chan nun prazo de dúas a tres semanas, dadas certas condicións favorables de temperatura (22 a 33 °C), presenza de oxíxeno, humidade, sombra e chans arxilosos.

Os ovos destas lombrigas intestinais son resistentes ás baixas temperaturas, desecación, ácidos fortes, álcalis e formol; en chans sementados persisten entre 7 e 12 anos.[3] A cuberta lipìdica dos ovos é moi resistente e esta resistencia dos ovos explica a gran distribución do parasito no mundo.[8] Identificáronse ovos de A. lumbricoides en coprólitos de sitios arqueolóxicos nas dúas Américas, Europa, África, Oriente Próximo, e Nova Zelandia, o máis antigo dos cales tiña máis de 24.000 anos.[9]

Coa desecación, o po que voa coas correntes de aire transpórtaos e son inhalados e/ou deglutidos. Nestes ambientes recuperáronse ovos en mucus nasal, papel moeda, terra de macetas, po das casas, etc.

Transcorren só entre 2 e 3 meses desde a inxestión dos ovos infectivos ata a posta de ovos pola femia adulta. Os vermes poden vivir entre 1 e 2 anos.

Neste ciclo de vida pode parecer raro que o verme empece e acabe o seu ciclo no intestino, pero no medio faga unha migración aos pulmóns. Unha hipótese que intenta explicar este comportamento é que a migración supla a un antigo hóspede intermediario que antes existía, o cal sería necesario para que os organismos inmaduros dunha forma ancestral do verme se desenvolvesen ata a terceira etapa. Outra posibilidade é que a migración a outros tecidos facilite un crecemento máis rápido e a adquisición dun maior tamaño, o cal aumentaría a súa capacidade reprodutiva.[10]

Ascaridíase[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ascaridíase.

A enfermidade producida pola infestación por Ascaris lumbricoides denomínase ascaridíase. Na fase de migración da larva nos pulmóns prodúcese un proceso inflamatorio con produción de exudado, tose, eosinofilia, e febre, cadro que se denomina síndrome de Löffler. Cando o parasito adulto está presente na cavidade intestinal segrega moléculas inhibidoras do encima tripsina e pode producir anemia, palidez, perda de peso, síndrome diarreica e malestar xeral. Afecta especialmente aos nenos. Cando hai un gran número destas lombrigas adultas poden producirse suboclusións e oclusións do intestino. Outras posibles complicacións son as migracións ectópicas a outros órganos, como a vesícula biliar.[11][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo o DRAG recibe os nomes de lombriga ou coca
  2. Myers, P., R. Espinosa, C. S. Parr, T. Jones, G. S. Hammond, and T. A. Dewey. "Ascaris lumbricoides (human intestinal roundworm)". http://animaldiversity.ummz.umich.edu/site/accounts/classification/Ascaris_lumbricoides.html#Ascaris%20lumbricoides. Consultado o 15 de diciembre de 2010. 
  3. 3,0 3,1 Murray, Patrick R.; Rosenthal, Ken S.; Pfaller, Michael A. Medical Microbiology, Fifth Edition. United States: Elsevier Mosby, 2005
  4. DRAG lombriga
  5. DRAG coca
  6. P. A. Meglitsch. Zoología de Invertebrados. Pirámide. 2ª edición (1986). Páxinas 252-266. ISBN 84-368-0316-7.
  7. Roberts, Larry S.; Janovy, John Jr. Foundations of Parasitology, Eight Edition. United States: McGraw-Hill, 2009
  8. Piper R (2007). Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals, Greenwood Press.
  9. Dridelle R. Parasites. Tales of Humanity's Most Unwelcome Guests. Univ. of California, 2010. p. 26. ISBN 978-0-520-25938-6. 
  10. Read, A.F.; Skorping, A. 1995. The Evolution of Tissue Migration by Parasitic Nematode Larvae. Parasitology 111:359-371
  11. http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/ency/article/000628.htm
  12. Ascariasis