Apicoplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un apicoplasto é un orgánulo derivado dun plasto con función non fotosintética, que se encontra en moitos protistas Apicomplexa, entre os que está o parasito da malaria Plasmodium falciparum, pero non noutros como Cryptosporidium. A presenza dun plasto nestes organismos heterótrofos e parasitos é estraña, e, aínda que a orixe do orgánulo non está de todo clara, [1]pénsase que se orixinaron por medio dunha antiga endosimbiose secundaria nos devanceiros destes protistas.[2] [3] O apicoplasto está rodeado de catro membranas, o que apoia a súa orixe a partir dunha endosimbiose secundaria[4]. Como entre os organismos con apicoplastos está o plasmodio da malaria están facendose algunhas investigacións para tratar de buscar drogas que alteren o funcionamento deste orgánulo, que parece ser vital para o parasito. Por exemplo, certos herbicidas parecen alterar os apicoplastos sen afectaren aos mamíferos.[5] [4]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os apicoplastos son ovoides, pequenos (0,15-1,5 μm) e só hai un por célula.[4] Atópase situado preto do núcleo e en estreita asociación cunha mitocondria. Está rodeado por catro membranas [4]. No interior teñen ADN circular de 35 kb que codifica 30 proteínas, e ARNts. Contén unhas partículas que se cre son ribosomas bacterianos,[5] e uns túbulos internos que lembran a tilacoides.[4].

Función[editar | editar a fonte]

Os antigos plastos incorporados por endosimbiose dexeneraron e perderon a súa función fotosintética, converténdose en apicoplastos, pero as súas funcións actuais na célula non están claras. Sábese que o orgánulo é vital para a supervivencia do parasito.[4] Porén, a destrución do orgánulo non causa a morte inmediata do parasito, pero impídelle poder invadir novas células hóspedes. Isto suxire que podería intervir no metabolismo de lípidos. Se o parasito non pode sintetizar suficientes ácidos graxos tampouco pode formar o vacúolo chamado parasitóforo, que é imprescindible para poder invadir as células hóspedes. De feito, neles foi atopada unha ácido graxo sintetase tipo II.[5]

Tamén se ten suxerido que poderían intervir na síntese do grupo hemo [5] e na de aminoácidos e no desenvolvemento celular, pero con menor base experimental.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Waller R.Waller, R. (2003). A Green Algal Apicoplast Ancestor. 
  2. Margulis L.Margulis, L. (1981). Symbiosis in cell evolution. 
  3. McFadden GI (2001). "Primary and secondary endosymbiosis and the origin of plastids". J Phycology 37 (6): 951–9. DOI:10.1046/j.1529-8817.2001.01126.x. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Maréchal, E. et al. (2001). "The Apicoplast: a new member of the plastid family". Biology of the Cell 6 (5): 200–205. http://www.sciencedirect.com/science?_ob=MImg&_imagekey=B6TD1-42WX3W5-V-9&_cdi=5185&_user=423519&_orig=search&_coverDate=05%2F01%2F2001&_sk=999939994&view=c&wchp=dGLbVzz-zSkWz&md5=0a972a2e963d33bf2de29a1692f6e5cf&ie=/sdarticle.pdf. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Ralph, S. et al. (2001). "The apicoplast as an antimalarial drug target" (– Scholar search). Drug Resistance Updates 4 (3): 145–151. DOI:10.1054/drup.2001.0205. PMID 11768328. http://homepage.mac.com/fad1/Mcfadden_Papers/2001/Ralph_et_al_DRU.pdf,. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]