Apiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Apiano de Alexandría")

Apiano , nado en Alexandría circa 95 e finado circa 165, en latín Appianus e en grego Ἀππιανός, ás veces citado como Apiano de Alexandría, foi un historiador grego con cidadanía romana, que vivíu so os gobernos de Traxano, Hadriano e Antonino Pío.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu arredor do ano 95 d.C en Alexandría (hoxe en Exipto). El mesmo conta que logo de cumprir diversas maxistraturas na provincia de Exipto, recalou en Roma cara o 120, onde exerceu a avogacía, mantendo casos perante os emperadores. No 147 exerceu como procurador, posibelmente en Exipto mesmo, por recomendación do seu amigo Marco Cornelio Frontón. Este cargo de procurador só podía ser exercido por membros da clase, ou ordo, ecuestre.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra, Ῥωμαϊκά, coñecida como Historia Romana, en 24 libros, foi escrita en grego antes do ano 165, é máis ben unha colección de monografías que unha historia coesionada. Nela efectúa unha narración sobre diversos pobos e países, desde as súas orixes ata a súa incorporación a Roma. Algúns dos libros completos e considerábeis fragmentos da obra chegaron até nós. Pese á falta de atractivo do seu estilo, a obra é valiosa, especialmente no que se refire ao período das guerras civís.