Alexanderplatz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alexanderplatz vista dende a Fernsehturm
Alexanderplatz de noite, ao fondo o Fernsehturm e a estación do metro, diante do tranvía e do Reloxo Mundial
Reloxo Mundial

Alexanderplatz (De-Alexanderplatz.ogg pronunciación en alemán ) é unha gran praza localizada na área céntrica de Berlín, Alemaña, preto do río Spree e o Palacio da República, entre outros edificios históricos. Orixinalmente chamábase Ochsenmarkt ou mercado do boi.

A praza, chamada simplemente Alex polos berlineses, oficia tamén de centro de transbordo de pasaxeiros. Está rodeada por varios edificios e estruturas de envergadura, como a Fernsehturm, a torre de televisión máis alta da Unión Europea. Na Alexanderplatz mesma atópanse, entre outros, o Forum Hotel Berlín, o edificio propiamente dito máis alto da cidade, e o Reloxo Mundial, unha gran estrutura de metal que rota permanentemente e mostra a hora de todo o mundo.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente un mercado de venda de gando, recibiu o seu nome en honor dunha visita a Berlín do tsar Alexandre I de Rusia, o 25 de outubro de 1805. A finais do século XIX a praza cobrou importancia como centro comercial coa construción dunha estación de metro do mesmo nome e un mercado. Tivo o seu auxe nos anos 1920, cando xunto con Potsdamer Platz era considerada o corazón da noite berlinesa, chegando a inspirar a novela Berlin Alexanderplatz, publicada por Alfred Döblin en 1929.

Durante a Batalla de Berlín, no marco da Segunda Guerra Mundial, a praza foi fortemente danada polos bombardeos e os combates.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Búnker de Berlín.

Alexanderplatz foi redeseñada varias veces na súa historia, sendo as reformas dos anos 1960 as últimas de magnitude, na que a praza foi ampliada como parte do plan de redeseño do centro de Berlín encarado pola República Democrática Alemá. Converteuse a partir de entón nun dos espazos públicos máis importantes de Berlín Oriental. Logo da reunificación alemá Alexanderplatz de novo foi sometida a varios cambios e reformas, do mesmo xeito que os edificios que a rodean e boa parte da cidade.

Malia a construción dunha liña de tranvía e a engádega dalgúns espazos verdes, a praza conservou o seu marcado carácter socialista. Consérvase, por exemplo, a Fonte da Amizade dos Pobos, branco frecuente de graffitis e pintadas. En 1993 publicáronse plans que falaban da construción de varios rañaceos, pero a falta de demanda e interese fixo decaer a iniciativa e é improbable que se leve a cabo. Con todo, a partir de 2004 redeseñáronse algúns edificios e está planeada a construción dalgunhas estruturas novas no sector sueste da praza.

En maio de 2007 os obreiros que realizan obras na rede de sumidoiros da praza descubriron no subsolo o que se considera como o maior búnker da Alemaña nazi construído na capital alemá.[1]

A construción da que se esqueceu a súa existencia, foi construído entre 1941 e 1943 como refuxio da compañía alemá de ferrocarrís.

O búnker está situado xunto á Casa dos Profesores e descoñécense as súas dimensións exactas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alexanderplatz