Airsoft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O airsoft é un xogo de guerra xurdido en Xapón nos anos oitenta que pronto se estendeu a Estados Unidos e posteriormente a España e o resto de países europeos.

Xogadores de airsoft

O nome do airsoft vén do inglés e traduciríase como "aire suave". Isto fai referencia á forma na que a munición é disparada desde unha marcadora (paintball) ou unha réplica de airsoft.

Esta actividade lúdico-deportiva busca a simulación de combates por medio de réplicas reais que disparan pequenas bólas de plástico de 6 mm de diámetro, escenarios de xogo iguais ou similares aos que se combate en realidade, con equipamento de radiocomunicacións, visores nocturnos, lanternas adaptadas, punteiros láser, bólas trazadoras e indumentaria militares. Aínda que non existe unha indumentaria concreta, cada equipo prefire equiparse uniformemente para maior realismo. Pódese xogar igualmente de día ca de noite, coas evidentes diferenzas. As bólas empregadas, teñen unha velocidade de saída aproximada de 330 fps ou 100 m/s. O pouco peso das mesmas (0,20 gramos xeralmente) fai que o seu alcance efectivo non vaia máis alá dos 40-50 metros. Existe unha modalidade de xogador, o sniper ou francotirador, ao que se lle permite mais potencia e alcance, dado o rol que asume.

Xogador De Airsoft

En concentracións numerosas de xogadores, adoita identificarse aos diferentes bandos participantes, mediante brazais de cor para evitar o "fogo amigo".

Aínda que existen moitas modalidades de xogo, o principal é eliminar aos equipos ou xogadores contrarios, disparando aos seus compoñentes. Do mesmo xeito ca no paintball, hai que levar certas proteccións como lentes, para non recibir un bolazo nos ollos. Este é o único risco físico na práctica do airsoft. Se algún participante non leva as lentes de protección postas, interrómpese a partida ou se lle invita abandonala.

Actualmente existe en España un baleiro legal respecto da práctica deste xogo en lugares públicos, xa que a confusión que se pode crear entre a poboación pode crear alarma entre os descoñecedores do airsoft e levarlles a alertar ás forzas da orde pública. Recoméndase practicalo en leiras privadas ou lugares autorizados co correspondente permiso municipal para evitar estes problemas.

Unha das bases do xogo é a confianza e honradez do xogador, xa que non hai xeito de comprobar se alguén recibiu un impacto. O xogador que o recibe ha de gritar "Morto!" ou dar coñecer aos demais que foi eliminado, retirándose a continuación do terreo de xogo. Os xogadores peor vistos nesta comunidade son os "inmortais", por razóns evidentes.

Os afeccionados ao airsoft non pretenden fomentar nin a violencia, nin as réplicas, nin ningún tipo de ideoloxía. Para eles é un xogo moi emocionante que serve para descargar adrenalina. Ademais, as comunidades de airsoft están totalmente en contra de que individuos radicais participen neste xogo.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Airsoft
Galilibros
O Galilibros ten un manual sobre: Airsoft