Batalla de Somosierra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parte de Guerra da Independencia española
Data
Lugar
Coordenadas 41°7′57″N 3°34′54″O / 41.13250, -3.58167Coordenadas: 41°7′57″N 3°34′54″O / 41.13250, -3.58167
Resultado

Na batalla de Somosierra (30 de novembro de 1808) unha escasa forza militar española non puido impedir a captura de Madrid por parte de Napoleón Bonaparte. Tivo lugar no paso de Somosierra, na serra de Guadarrama, a uns 60 km ao norte de Madrid, durante a guerra da Independencia española. No seu transcurso ocorreu a famosa carga da cabalaría polaca conducida por Jan Kozietulski.

Situación anterior á batalla[editar | editar a fonte]

A fins de novembro de 1808, a esmagadora superioridade das tropas francesas desbordara e destruíra as dúas ás do exército popular español. Para asegurar a reconquista de España, o mesmo Napoleón avanzou cara Madrid con 45.000 homes da súa Grande Armée.

Para defender a capital, o xeneral Benito de San Juan congregou un exército de milicianos, reservistas e máis soldados regulares de diversos rexementos, aínda non de todo recuperados de derrotas precedentes, até un total de 20.000 homes. Ante a necesidade de cubrir as innúmeras vías de acceso á cidade, San Juan viuse obrigado a dispersar os seus homes, xa ben inferiores en número. Por orde súa, uns 9000 foron enviados ao oeste para gardar os pasos da serra de Guadarrama, mentres 3500 ocupaban unha posición avanzada en Sepúlveda, deixando tan só 9000 homes e 16 canóns nas alturas de Somosierra.

O paso de Somosierra[editar | editar a fonte]

A natureza do terreo e a tenacidade dos españois obrou en favor destes en principio. Na tarde do 29 de novembro, a brigada apostada en Sepúlveda rexeitou un ataque francés, provocando graves perdas, para escapar da asfixiante superioridade numérica dos franceses aproveitando a caída da noite. Napoleón fixo avanzar a súa infantaría directamente cara ao porto da montaña, mentres destacamentos menores progresaban camuflándose polos flancos. Intercambiando salvas de mosquetes cos defensores, os franceses realizaron lentos pero sensíbeis progresos cara aos canóns inimigos.

As cargas da cabalaría polaca[editar | editar a fonte]

Carga da cabalaría polaca. Óleo sobre tea de Janvier Suchodolski, 1875

Como as forzas españolas non podían ser doadamente atacados polos flancos coa infantaría, e dado que Naoleón estaba impaciente por acabar, deu orde á súa brigada de cabalaría lixeira polaca para que cargase contra os españois e as súas baterías de artillaría. Esta decisión, da que se pode discutir o seu carácter desapiadado e imprudente, ten sido obxecto de amplas controversias históricas.

Tan só algúns do xinetes puideron atinxir a última batería, que foi defendida polos españois. Entón Napoleón escollendo a oportunidade que se lle oferecía, lanzou o resto dos escuadróns.

A primeira carga foi conducida por Jan Kozietulski, pero perdeu a súa cabalgadura ao tomar a primeira batería. Foi entón cando o tenente Andrzej Niegolewski, que estaba de recoñecemento cos seus homes, se lles xuntou. A carga foi continuada so o mando de Dziewanowski, e cando este caeu do cabalo logo de ser tomada a terceira batería, por Wincenty Krasiński. A carga contra a última batería foi mandada por Niegolewski, que sobreviviu case de milagre, cando os españois atacaron as pezas e as recobraron.

A segunda carga foi conducida por Tomasz Łubieński, que tentou quedar con toda a gloria, intentando minimizar o papel do terceiro escuadrón (mentres Niegolewski teimou en demostrar que fora el quen tomara os canóns).

Resultados dos ataques da cabalaría[editar | editar a fonte]

Os oficiais franceses intentaron quitar importancia ás cargas polacas, pretendendo que todo o éxito debía ser atribuído á infantaría francesa do xeneral François Ruffin. Mais o 13º boletín da Grande Armée menciona o papel determinante dos xinetes polacos. Hai que subliñar que a primeira carga foi capaz de librar as catro baterías (mesmo aínda que o éxito fose temporal e tendo en conta que a última das baterías foi reconquistada con rapidez polos españois), pois permitiu que a infantaría francesa progresase no seu ataque; a segunda carga retomou a última batería e provocou o repregamento multitudinario da milicia española de Andalucía, o que provocou a derrota de todo o seu exército.

É de lembrar que os artilleiros españois deron probas de valentía excepcional e preferiron morrer antes que abandonar as súas posicións. Mais ningunha das relacións polacas menciona un eventual combate coa milicia española. Os milicianos deixaron as súas posicións ao veren o fácil que parecía que os polacos tomasen as posicións artilleiras. Entre a néboa non puideron apreciar que os polacos eran en realidade pouco numerosos.

Consecuencias da batalla[editar | editar a fonte]

O xeneral San Juan repregou o seu exército cara Madrid. As patrullas francesas de avanzada alcanzaron os arredores da capital o 1 de decembro. San Juan tentou, sen convición, defender a capital. O 4 de decembro, un bombardeo de artillaría, devastador, deixou a defensa española malparada. San Juan capitulou cos seus 2500 soldados regulares, mentres que os 20.000 civís enrolados so as súas bandeiras se dispersaron. Os franceses entraban en Madrid por segunda vez no mesmo ano.