Batalla do Val de Monterrei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla do Val de Monterrei
Parte de Guerra da Independencia española en Galicia

Castelo de Monterrei
Data 6 e 7 de marzo de 1809
Lugar Monterrei, Galicia Galicia
Resultado Vitoria francesa
Belixerantes
Francia Primeiro Imperio Francés Reino de España

Reino de Portugal

Líderes
Francia Jean-de-Dieu Soult Marques de La Romana

Bernardino Freire Francisco da Silveira

Forzas en combate
Exército Napoleónico
• 18000-22000 infantes
• 3000 xinetes
• 20 pezas de artilaría
Exército español
• 9000-10000 infantes
• Poucas pezas de artilería obsoleta
Exército portugués
• 4000 infantes
Baixas
Exército Napoleónico
• Baixas lixeiras de infantaría
Exército español
Máis de 1200 mortos e feridos
• 400 prisioneiros
Exército portugués
• Baixas inferiores ás españolas

A Batalla do Val de Monterrei consistiu nunha serie de accións militares localizadas na zona da Comarca de Verín entre os días 6 e 7 de marzo de 1809. Enfrontou ás forzas do Primeiro Imperio francés, comandadas polo mariscal Jean-de-Dieu Soult, contra as tropas españolas baixo as ordes do Marques de La Romana e unha forza portuguesa dos xenerais Bernardino Freire e Francisco da Silveira. Este enfrontamento supuxo o comezo da Segunda Invasión francesa de Portugal, dentro do contexto da Guerra da Independencia Española.

Contexto[editar | editar a fonte]

Coa evacuación do exército inglés de John Moore despois da Batalla de Elviña e da retirada da división de Robert Craufurd a través do porto de Vigo en xaneiro de 1809, as forzas francesas baixo as ordes dos mariscais Soult e Michel Ney dispuxéronse a perseguir ás forzas españolas e conquistar o territorio galego para a España napoleónica. Cando Napoleón Bonaparte ordénalle a Soult invadir Portugal e tomar a cidade de Porto, tenta cruzar o Río Miño na localidade de Tui[1]​, pero a falta de embarcacións, o medo a unha emboscada por parte dos portugueses e a fortaleza de Valença provocan que se retire cara Ourense o 17 de febreiro[2].

Tras superar a devandita cidade e esmagar unha pequena forza de milicianos e algunhas tropas regulares españolas en Xinzo de Limia, as forzas francesas poñen rumbo cara ao Val de Monterrey. O Marqués de La Romana, decatándose das intencións do mariscal Soult, trata de despregar unha liña defensiva o máis rápido posible. Os soldados españois proviñan na súa maioría de rexementos reorganizados en León, aos que se sumaron algúns soldados procedentes das levas realizadas na zona anteriormente. Pola súa banda, o mal equipado exército portugués destinado no Norte de Portugal, decide enviar a uns 4000 homes que se sumaron en parte ás forzas españolas, cubrindo un continxente luso a ponte de Vilaza. A pesar diso, a maioría das forzas portuguesas limitouse a defender a fronteira luso-española, deixando tamén unha pequena guarnición no Castelo de Monterrei.

Os combates[editar | editar a fonte]

As primeiras patrullas francesas chegan á zona do Val de Monterrei o día 4 de marzo, tomando sen oposición a aldea da Xironda. Ao día seguinte, o Marqués de La Romana, vendo a delicada situación na que se atopaba, comeza os preparativos para cruzar o río Támega e retirarse ordenadamente cara ao Leste, mentres que os portugueses abandonan o castelo e comezan a planear o seu propio repregamento cara Feces de Abaixo e a propia fronteira. Pola súa banda, o mariscal Soult, decatándose da débil situación das forzas luso-españolas, decide organizar rapidamente aos seus homes para atacar canto antes e poder asegurarse así o paso seguro cara ao Norte de Portugal.

O 6 de marzo os franceses comezan o seu avance en masa cara ao corazón do val. Nunha situación de clara inferioridade numérica, o Marqués de La Romana ordena a retirada española cara á beira oriental do Támega. As forzas portuguesas, alertadas polos movementos franceses e os dos seus aliados españois, abandonan rapidamente o castelo e comezan a retroceder cara á fronteira. Con todo, como a súa retirada realizouse máis tarde que a española, algúns continxentes lusos tiveron que enfrontarse en accións de retagarda contra as forzas napoleónicas, sufrindo algunhas baixas mentres se retiraban das súas posicións na aldea de Vilaza.

Batalla do Val de Monterrei - Mañá del 6 de marzo de 1809

O avance francés a través do val é rápido e eficaz este día 6 de marzo. A cabalería do xeneral Armand de La Houssaye toma sen dificultades a vila de Verín e a fortaleza de Monterrei, utilizándoa como hospital de campaña provisional. Inmediatamente despois, a cabalería do xeneral Jean-Baptiste Franceschi-Delonne lánzase contra o atrasado Rexemento de Mallorca na parroquia de Ábedes, composto na súa maioría por recrutas sen experiencia de combate, provocando os franceses unhas 200 baixas e capturando a todos os oficiais españois.

Pasado o mediodía, as forzas do Marqués de La Romana situáronse ao Leste de Verín, nunha zona coñecida como "Pozo do Demo", establecendo unha liña improvisada coa que facer fronte ao inimigo. Os franceses, lonxe de vacilar, continúan o seu avance imparable, cruzando o río Támega en varios lugares e asaltando as posicións españolas sen perder tempo. As tropas españolas víronse superadas en todos os aspectos polos rexementos napoleónicos, moitos dos cales participaran nas grandes batallas de Austerlitz e Jena. Ao ver que algúns dos seus batallóns comezaban a dispersarse, o Marqués de La Romana dá a orde de retirarse, unha fuxida entorpecida en certo modo polos centos de civís que trataban de fuxir do invasor francés. Admitindo a súa derrota ante un inimigo superior, a oficialidade española decide abandonar temporalmente Galicia e dirixirse ao Leste, coa esperanza de reagruparse e conseguir novas forzas en León. Pola súa banda os portugueses completaron ao final do día o seu repregamento cara Vilarelho da Raia, remisos a axudar aos españois tras a retirada inicial do Marqués da Romana. Ante a perspectiva de enfrontarse en solitario aos franceses, as tropas portuguesas comezaron a fortificar lixeiramente as súas posicións de maneira improvisada.

Batalla do Val de Monterrei - Tarde do 6 de marzo de 1809

Na mañá do día 7, o foco de atención dos franceses centrouse nos portugueses que defendían a fronteira e o camiño cara Feces de Abaixo. O mariscal Soult, deixando en retagarda a algunhas unidades en caso dun contraataque español, decide que debe provocar a retirada das forzas lusas coa maior brevidade, para evitar así un número de baixas excesivas. Decide dividir as súas forzas dispoñibles en dous grupos de ataque. O primeiro deles ten a misión de tomar Vilarelho da Raia e forzar aos portugueses a repregarse cara ás montañas do interior. As forzas lusas, que tiñan algúns canóns antigos improvisadamente montados sobre rochas e penedos, conseguen resistir media hora antes de que unha carga de 50 dragóns do 19º Rexemento semente o caos na liña portuguesa, forzando ao xeneral Silveira a retirarse. A localidade de Vilarelho sería tomada polos voltigeurs do 17º Rexemento. Pola súa banda o segundo grupo de ataque apenas tivo que establecer combate contra o continxente portugués do xeneral Freire, que se retirou cara Feces de Abaixo ante a posibilidade de quedar rodeado.

Batalla do Val de Monterrei - 7 de marzo

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Co exército español derrotado e retirándose cara León e as forzas portuguesas desorganizadas e en clara inferioridade numérica, a vía en dirección ao Norte de Portugal estaba aberta para as tropas napoleónicas. Tras dous días de descanso e reabastecemento, o mariscal Soult e todas as súas tropas emprenden a súa marcha cara á rexión lusa de Trás-os-Montes, coa intención de tomar a cidade de Chaves. O seu único obstáculo foi unha forza de 2000 portugueses en Feces de Abaixo do xeneral Freire, a cal é incapaz de frear o avance francés. Pola súa banda, o xeneral Silveira, que se reuniu de novo co seu exército principal no Norte de Portugal, decide non facerlle fronte a Soult.

Principais movementos do mariscal Soult durante a Segunda Invasión francesa de Portugal

O avance das tropas invasoras polo país luso foi rápido e efectivo, tomando en poucas semanas Chaves, Braga e Porto. Tras conquistar esta última cidade, Soult decidiu agardar un tempo crucial agardando reforzos e subministracións. Durante estas semanas en que as forzas francesas permaneceron na súa maioría inactivas, moitos territorios da retagarda foron reconquistados por destacamentos portugueses, incluído un liderado polo xeneral Francisco da Silveira, quen retomou Chaves o 29 de marzo[3], o mesmo día que os franceses entraron en Porto. Ese tempo desperdiciado tamén axudou a que o Duque de Wellington puidese preparar as súas tropas para retomar Porto, derrotando aos franceses o 12 de maio. As tropas francesas sobreviventes retiráronse apresuradamente ata Ourense, nun momento no que a maioría do territorio galego levantouse en armas contra as forzas invasoras. Os restos dos exércitos dos mariscais Soult e Ney abandonan Galicia en xuño, supoñendo os últimos continxentes franceses en pisar territorio galego durante a Guerra da Independencia Española.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Thiebault 1818, p. 127.
  2. Panckoucke 1820, p. 6.
  3. Gray 2011, p. 119.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]