Þjóðólfr ór Hvíni
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século IX Noruega |
Morte | 930 (Gregoriano) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, Escaldo |
Obra | |
Obras destacables
|
Þjóðólfr de Hvinir (en nórdico antigo) ou Thjódólf de Hvínir (en inglés), Tjodolv den kvinværske (en noruegués), Thjodolf den Hvinverske (en dinamarqués), Tjodolv av Hvin (en sueco), é un escaldo noruegués que viviu a finais do século IX e comezos do X, na corte de Harald I de Noruega.[1] Foi o autor do Ynglingatal e do Haustlöng,[2][3] dúas das fontes de maior antigüidade da mitoloxía nórdica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Thjódólf é, sen dúbida, orixinario, como o seu nome suxire, do Hvínir (ou Hvinir), unha rexión situada ao redor do fiorde que hoxe leva o nome de fiorde Feda (Fedafjord en noruegués), no territorio do municipio de Kvinesdal, no sur de Noruega.[4]
Foi escaldo do rei Harald de Noruega (Hinn hárfagri) e tamén foi "un amigo moi íntimo" do rei (Saga de Harald, o de fermosa cabeleira, 26),[5] como titor do seu fillo Gudrod ljómi.
Obras
[editar | editar a fonte]O Ynglingatal
[editar | editar a fonte]Ynglingatal significa "Lista dos Ynglingar”. Foi composta por Þjóðólfr, para Rögnvald o Glorioso (ou Heidumhære) un xefe de Vestfold, curmán de Harald I de Noruega. É unha xenealoxía versificada en trinta e sete estrofas da dinastía real sueca de Uppsala,[3] a dinastía Ynglingar (é dicir, descendentes do rei Yngvi ou Yngvi-Freyr), na que se mencionan vinte e sete antepasados do rei. A enumeración comeza co lendario rei Fjölnir e se indica, en cada caso, o xeito en que morreu e o lugar do seu enterramento.
O Ynglingatal serviulle como fonte a Snorri Sturluson para escribir a súa Saga Ynglingar.[6] Así o recoñece no prólogo da súa Heimskringla ou Historia dos Reis de Noruega (da que a Saga dos Ynglingar constitúe a primeira parte), e cítao sistematicamente na súa saga. Con todo, na medida en que Snorri afirma no seu prólogo que trinta devanceiros de Rognvald están no Ynglingatal, é posible que a parte inicial desaparecese.
A Haustlöng
[editar | editar a fonte]Snorri tamén transmitiu o Haustlöng (Skáldskaparmál, 17, 22). O seu nome significa "Outono longo", que quizais se refira ao tempo que o escaldo empregrou na composición. Do mesmo xeito que o Ragnarsdrápa, a Haustlöng describe escenas mitolóxicas representadas sobre un escudo que lle fora ofrecido ao escaldo por Thorleif o sabio (spaki). Con vinte estrofas (pero quizais fose máis longo na orixe[7]) escrito en dróttkvaett, o que se conserva céntrase en dúas escenas mitolóxicas: o poema que narra a traizón de Loki a Iðunn, a "cura da vellez" dos Æsir, que foi raptada polo jǫtunn Þjazi en forma de aguia e o que narra o vitorioso combate de Thor contra o máis forte dos jǫtnar, Hrungnir.[3]
Outras estrofas
[editar | editar a fonte]No seu Edda (Gylfaginning, 2 e Skáldskaparmál, 2), Snorri tamén atribúe a Thjódólf dúas estrofas hoxe consideradas como parte do Haraldskvæði ou Hrafnsmál, obra doutro escaldo na corte de Harald I, Thórbjörn hornklofi.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Orchard, Andy (2002). Cassell's dictionary of Norse myth and legend. Colección: Cassell Reference (en inglés) (2ª ed.). Londres: Cassell. ISBN 0-304-36385-5.
- Hollander, Lee M. ((1947) [1945]). The Skalds: A Selection of Their Poems, With Introductions and Notes (for the American-Scandinavian Foundation) (en inglés) (2ª ed.). Nova York: American-Scandinavian Foundation. OCLC 64710825.
- Lindow, John (2001). Norse Mythology: A Guide to Gods, Heroes, Rituals, and Beliefs (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-983969-8.
- Ohlmark, Åke (1975). Tjodolf Hvinverske (en sueco). Estocolmo: Tiden. ISBN 91-550-1914-5.
- Orchard, Andy (1997). Dictionary of Norse Myth and Legend (en inglés). Cassell. ISBN 978-0-304-34520-5.
- Sturluson, Snorri (2000). Dillmann, François-Xavier, ed. Histoire des rois de Norvège. Colección: L'Aube des peuples (en francés). Vol. I (Des origines mythiques de la dynastie à la bataille de Svold). París: Gallimard. ISBN 2-07-073211-8.