Þjóðólfr ór Hvíni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Þjóðólfr ór Hvíni
Nacementoséculo IX
Lugar de nacementoNoruega
Falecemento930
NacionalidadeNoruega
Ocupaciónpoeta, escritor e Escaldo
Coñecido porHaustlǫng
editar datos en Wikidata ]

Þjóðólfr de Hvinir (en nórdico antigo) ou Thjódólf de Hvínir (en inglés), Tjodolv den kvinværske (en noruegués), Thjodolf den Hvinverske (en dinamarqués), Tjodolv av Hvin (en sueco), é un escaldo noruegués que viviu a finais do século IX e comezos do X, na corte de Harald I de Noruega.[1] Foi o autor do Ynglingatal e do Haustlöng,[2][3] dúas das fontes de maior antigüidade da mitoloxía nórdica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Thjódólf é, sen dúbida, orixinario, como o seu nome suxire, do Hvínir (ou Hvinir), unha rexión situada ao redor do fiorde que hoxe leva o nome de fiorde Feda (Fedafjord en noruegués), no territorio do municipio de Kvinesdal, no sur de Noruega.[4]

Foi escaldo do rei Harald de Noruega (Hinn hárfagri) e tamén foi "un amigo moi íntimo" do rei (Saga de Harald, o de fermosa cabeleira, 26),[5] como titor do seu fillo Gudrod ljómi.

Obras[editar | editar a fonte]

O Ynglingatal[editar | editar a fonte]

Ynglingatal significa "Lista dos Ynglingar”. Foi composta por Þjóðólfr, para Rögnvald o Glorioso (ou Heidumhære) un xefe de Vestfold, curmán de Harald I de Noruega. É unha xenealoxía versificada en trinta e sete estrofas da dinastía real sueca de Uppsala,[3] a dinastía Ynglingar (é dicir, descendentes do rei Yngvi ou Yngvi-Freyr), na que se mencionan vinte e sete antepasados do rei. A enumeración comeza co lendario rei Fjölnir e se indica, en cada caso, o xeito en que morreu e o lugar do seu enterramento.

O Ynglingatal serviulle como fonte a Snorri Sturluson para escribir a súa Saga Ynglingar.[6] Así o recoñece no prólogo da súa Heimskringla ou Historia dos Reis de Noruega (da que a Saga dos Ynglingar constitúe a primeira parte), e cítao sistematicamente na súa saga. Con todo, na medida en que Snorri afirma no seu prólogo que trinta devanceiros de Rognvald están no Ynglingatal, é posible que a parte inicial desaparecese.

A Haustlöng[editar | editar a fonte]

Snorri tamén transmitiu o Haustlöng (Skáldskaparmál, 17, 22). O seu nome significa "Outono longo", que quizais se refira ao tempo que o escaldo empregrou na composición. Do mesmo xeito que o Ragnarsdrápa, a Haustlöng describe escenas mitolóxicas representadas sobre un escudo que lle fora ofrecido ao escaldo por Thorleif o sabio (spaki). Con vinte estrofas (pero quizais fose máis longo na orixe[7]) escrito en dróttkvaett, o que se conserva céntrase en dúas escenas mitolóxicas: o poema que narra a traizón de Loki a Iðunn, a "cura da vellez" dos Æsir, que foi raptada polo jǫtunn Þjazi en forma de aguia e o que narra o vitorioso combate de Thor contra o máis forte dos jǫtnar, Hrungnir.[3]

Outras estrofas[editar | editar a fonte]

No seu Edda (Gylfaginning, 2 e Skáldskaparmál, 2), Snorri tamén atribúe a Thjódólf dúas estrofas hoxe consideradas como parte do Haraldskvæði ou Hrafnsmál, obra doutro escaldo na corte de Harald I, Thórbjörn hornklofi.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ohlmark (1975), p. 169
  2. Orchard (1997), p. 160
  3. 3,0 3,1 3,2 Lindow (2001), p. 16
  4. Sturluson - Dillman (2000)
  5. Sturluson - Dillmann (2000)
  6. Lindow (2001), p. 23
  7. Hollander (1947), p. 39
  8. Orchard (2002)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]