Saltar ao contido

Castañeta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A castañeta ou palometa[1] (Brama brama, Bonaterre 1788) é un peixe mariño da familia dos brámidos (Bramidae), de corpo moi comprimido lateralmente e cor gris escura, polo que resulta inconfundible.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O talle habitual oscila entre os 30 e os 50 cm e pesos dun quilogramo, con máximos de 70 cm. Presenta un corpo alto, ovalado e comprimido lateralmente. Ten unha aleta dorsal única e as aletas pectorais grandes; a aleta caudal, profundamente dividida.

A pel é dura e cuberta de grandes escamas. A cor gris escura, case negra no dorso e aclarando no ventre.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Vive entre os 100 e os 400 m de profundidade, en augas abertas e formando pequenos bancos. Achégase á costa só en época de reprodución. Aliméntase de pequenos peixes, cefalópodos e pequenos invertebrados mariños.

A especie está amplamente distribuída, sobre todo no Atlántico, sur do Pacífico e mar Mediterráneo.

Pesca e aproveitamento

[editar | editar a fonte]

Péscase na primavera e no verán, normalmente con palangre. O talle mínimo é de 18 cm. As vendas nas lonxas galegas no ano 2010 ascenderon a 7 357 103 kg, case o dobre dos anos anteriores (entre 3,5 e 4,5 millóns de quilos).

Foi unha especie abundante e popular, pola calidade da súa carne e o prezo accesible. Trátase dun peixe semigraxo, cun 5% de graxa, que achega 125 calorías por 100 gramos.

A carne da castañeta pode estar parasitada pola larva dun cestodo cuxo hóspede definitivo son os grandes seláceos. Trátase dunha tenia Gymnorhynchus gigas [2], cuxa larva na castañeta adopta a forma dun longo verme branco que se estende entre as fibras musculares. Non é prexudicial para o home pero pode chegar a dar unha imaxe moi desagradable e, en caso de invasión masiva, o comiso do peixe.

Especies afíns

[editar | editar a fonte]

Outros peixes parecidos á castañeta son os seguintes:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema: Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia), 2005.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]