Xinuda III, papa de Alexandría
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2014.) |
Nome orixinal | (ar) ثٮٺودة الثالث |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de agosto de 1923 Manfalut, Exipto (en) |
Morte | 17 de marzo de 2012 (88 anos) Alexandría, Exipto |
Causa da morte | insuficiencia renal |
Lugar de sepultura | Mosteiro de San Bishoi |
Papa da Igrexa Ortodoxa Copta de Alexandría | |
14 de novembro de 1971 – 17 de marzo de 2012 (morte) ← Cirilo VI de Alexandría – Teodoro II → | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa ortodoxa copta |
Educación | Universidade do Cairo |
Actividade | |
Ocupación | teólogo, escritor, sacerdote, bispo |
Consagración | Cirilo VI de Alexandría |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, Obálky knih, |
O Papa Xinuda III (en copto: Ⲡⲁⲡⲁ Ⲁⲃⲃⲁ Ϣⲉⲛⲟⲩϯ ⲅ̅, e en árabe: بابا الإسكندرية شنودة الثالث), nado o 3 de agosto de 1923 nas proximidades de Asiut[1] e finado o 17 de marzo de 2012,[2] foi o 17º patriarca de Alexandría e Papa da Igrexa ortodoxa copta, de credo monofisita segundo a fe do concilio de Éfeso.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Naceu en Asiut en agosto de 1923, sendo o pequeno de oito irmáns. Foi bautizado co nome de Nazeer Gaied. Graduouse en historia pola Universidade do Cairo.
En 1953 escolleu a soidade do deserto onde viviu durante seis anos nunha gruta escavada por el mesmo. Cambiou o seu nome polo de Antonio en honra de San Antón Abade o fundador do monacato exipcio. Nese período adicouse á meditación, a ascese, o estudo e a oración.
En 1962, foi chamado polo Papa Cirilo para ser consagrado bispo de Educación cristiá e Presidente do Seminario de Teoloxía copta, onde triplicou o número de seminaristas. Foi editor-xefe da revista El Keraza.
Liderado relixioso
[editar | editar a fonte]En 1971 foi elixido Papa de Alexandría e, xa que logo, Papa da Sé de San Marcos. Ordenou a máis de 80 bispos e restableceu varios mosteiros dando pulo á antiquísima tradición monástica do cristianismo exipcio. Semanalmente congregaba a máis de 7.000 fieis que se reúnen para escoitar de viva voz as súas ensinanzas na catedral de San Marcos no Cairo.
Deu un gran pulo á expansión internacional da Igrexa Ortodoxa Copta en América (Estados Unidos e Brasil), Australia e o Reino Unido. Asinou con Paulo VI unha declaración cristolóxica que puña fin a debates encarnizados dende o Concilio de Calcedonia. Lonxe de acantonarse en conceptos de metafísica teolóxica, a declaración céntrase na fe común acerca da unidade da persoa de Xesús, verdadeiro fillo de Deus e verdadeiro home. Ten estreitado os vencellos coas Igrexas monofisitas (Igrexa Ortodoxa Siríaca, Igrexa Apostólica Armenia e outras), coas que comparte un mesmo credo. Introduciu á súa Igrexa no movemento ecuménico internacional, mantendo unha forte conexión coa Igrexa Ortodoxa de tradición bizantina, incluído o Patriarcado de Moscova. Abriuse tamén a un diálogo co protestantismo. O feito de que algún relevante cismático da súa Igrexa fose acollido pola Igrexa de Inglaterra non foi óbice para o mantemento dunha relación cordial con esta Igrexa. Recibiu a Xoán Paulo II na súa viaxe a Exipto.
Fiel á tutela da Igrexa Ortodoxa Copta sobre a Igrexa Etíope Tewahedo condenou a detención, desposuimento e execución de Teófilo, cabeza da Igrexa Etíope, e negouse a recoñecer ao candidato gobernamental. El mesmo sufriu o exilio, en 1981, de mans do presidente Sadat, ata o levantamento da condena por Hosni Mubarak en 1985. Favoreceu a independencia da Igrexa Eritrea Tewahedo no Santo Sínodo de 28 de outubro de 1993.
No ano 2000 recibiu o premio á tolerancia e a non violencia outorgado pola UNESCO pola súa defensa da convivencia entre cristiáns e musulmáns e a difusión dos ideais contrarios á vinganza na acosada e illada comunidade copta.
A súa acción pastoral tivo como eixos de actuación a mocidade, como futuro da fe copta, e a defensa da dignidade e a participación da muller no seo da comunidade cristiá copta, nun contexto de endurecemento social do islam. Porén, mantivo a imposibilidade da ordenación sacerdotal feminina e a negativa a recoñecer a licitude moral das relacións homosexuais.
Autor de máis de 100 libros traducidos ao inglés, francés, alemán ou o italiano, neles ten reivindicado as raíces apostólicas do cristianismo copto, o espírito de humildade, servizo e concordia, e o avance da unidade dos cristiáns sobre a base dunha mesma fe, fronte a visión católica da unidade de xurisdición.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Anthony O'Mahony, Emma Loosley (editores) (2009). Routledge, ed. Eastern Christianity in the Modern Middle East. p. 74. ISBN 9781135193713.
- ↑ Lois M. Farag (2013). Routledge, ed. The Coptic Christian Heritage: History, Faith and Culture. p. 100. ISBN 9781134666843.