Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. Historicamente, foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualla) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promocionar dende a década de 1990, que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.

No século IX, a igrexa cristiá cambiou a data do Día de Tódolos Santos dende o mes de maio até o 1 de novembro, ó tempo que o 2 de novembro se converteu no Día dos Fieis Defuntos. Co tempo, o Samaín e o Día de Tódolos Santos fusionáronse para crear a moderna festa do Halloween. Os historiadores empregaron o termo 'Samaín' para referirse ós costumes celtas do 'Halloween' até o século XIX. Dende finais do século XX, os neopagáns celtas e a Wicca consideran o Samaín, ou algo baseado nel, como unha festividade relixiosa.