Saltar ao contido

Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2024

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nadezhda Konstantínovna Krúpskaia (en ruso: Наде́жда Константи́новна Кру́пская), nada en San Petersburgo o 14 de febreiroxul./ 26 de febreiro de 1869greg. e finada en Moscova o 27 de febreiro de 1939, máis coñecida como Nadia Krúpskaia, foi unha escritora, pedagoga e revolucionaria rusa, recoñecida figura do Partido Comunista da Unión Soviética. Foi unha das principais responsables da creación do sistema educativo soviético e pioneira do desenvolvemento das bibliotecas rusas. O seu esposo foi o revolucionario bolxevique Vladimir Ilich Ulianov, coñecido como Lenin.

Nada en San Petersburgo no seo dunha familia nobre empobrecida, a súa nai era institutriz e o seu pai, oficial do Exército con inclinacións políticas radicais. Malia a penuria económica que sufriu a familia ao falecer o seu pai en 1883, logrou completar a súa educación nun prestixioso ximnasio feminino da capital rusa. Permaneceu como profesora nesta institución ata 1891. Convertida ao marxismo a comezos da década, ingresou no Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, onde coñeceu a Lenin en 1894. Detida en agosto de 1896 como outros membros deste, en 1897 aceptou cumprir a súa condena de exilio interior xunto a Lenin en Siberia, para o que tivo que casar con el por imposición das autoridades rusas. En abril de 1898, partiu a Siberia, onde se converteu en esposa e colaboradora de Lenin.

Máis tarde pasou ao exilio en Europa occidental e converteuse en secretaria da publicación socialista Iskra e logo na do comité central do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. No exilio escribiu algunhas obras sobre educación.

Trala Revolución de Outubro, obtivo importantes cargos no Ministerio de Educación, presidido por Anatoli Lunacharski. A partir de maio de 1922, con Lenin doente, reduciu o seu traballo no ministerio para atendelo. Parte da oposición política a Stalin a mediados da década, finalmente uniuse a el na campaña contra a oposición interna do partido. Mantívose como vicecomisaria de Educación entre 1919 e 1939 e como membro do comité central do partido entre 1927 e 1939, ano no que faleceu.