Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A xirafa (Giraffa) é un xénero de mamífero artiodáctilo propio de África, o animal terrestre vivo máis alto e o maior ruminante. O xénero comprende varias especies, incluíndo a Giraffa camelopardalis que é a especie tipo. Sete destas especies están extintas. O xénero considerábase unha soa especie con numerosas subespecies, pero tras investigacións do seu ADN pasou a facerse unha clasificación de catro especies dentro do xénero Giraffa: Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa tippelskirchi (xirafa Masai), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa camelopardalis (xirafa do norte). As características principais deste xénero son o seu longo pescozo e patas, dúas protuberancias na cabeza e as marcas distintivas na pelaxe, e cada unha das catro especies distínguese segundo os padróns destas marcas ademais de pola súa xenética. O xénero clasifícase dentro da familia Giraffidae xunto ao seu parente máis próximo, o ocapi.

A área de distribución da xirafa esténdese dende Chad ao norte ata Suráfrica no sur, e desde o Níxer no oeste ata Somalia no leste, e comprende hábitats de sabanas, sabanas arboradas e bosques abertos. A súa fonte primaria de comida son as follas de acacia, árbores que crecen ata alturas ás que a maioría dos outros herbívoros non poden chegar. O principal predador da xirafa é o león, aínda que as crías son tamén cazadas por leopardos, hienas e licaóns.

Está clasificada pola IUCN como vulnerable, xa que a súa área de distribución orixinal se foi reducindo considerablemente dende os primeiros estudos da especie, e algunhas das subespecies foron clasificadas pola IUCN como ameazadas en perigo de extinción. Segundo a IUCN o número de individuos desta especie reducíuse entre un 36 % e un 40 % dende o ano 1985 ata chegar a uns 95 700 individuos vivos en liberdade na natureza no ano 2015.