Władysław Dobrowolski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Władysław Dobrowolski
Wladyslaw Dobrowolski.jpg
Nacemento2 de xaneiro de 1896
 Będzin
Falecemento25 de febreiro de 1969
 Varsovia
SoterradoPowązki Military Cemetery
NacionalidadePolonia
Ocupaciónoficial, esgrimista e velocista
editar datos en Wikidata ]

Władysław Dobrowolski, nado en Będzin o 3 de xaneiro de 1896 e finado en Varsovia o 25 de febreiro de 1969, foi un militar, atleta, mestre de armas e tirador de esgrima polaco. Pai do actor e director Jerzy Dobrowolski

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado na Polonia rusa, na súa mocidade formou parte dunha organización xuvenil independentista e cando se organizou a paramilitar Unión de Tiradores de Rifles formou parte dela, integrándose despois no Partido Socialista Polaco, todas elas organizacións clandestinas. Ao comezo da primeira guerra mundial integrouse na Primeira Brigada das Lexións Polacas comandada por Józef Piłsudski e formada en gran parte por xente nova da intelectualidade polaca da zona baixo dominio ruso e que como unidade das Lexións Polacas era unha forza integrada, pero cun alto grao de independencia, no Exército Austro-Húngaro. Tras o seu case desmantelamento en 1916 entrou na secreta Organización Militar Polaca creada por Piłsudski. Tras o recoñecemento de facto da independencia polaca pertenceu á Milicia Popular, organización policial creada o 5 de decembro de 1918 e xa en 1919 ao crearse o exército polaco foi transferido ao 6º Rexemento de Infantería da Lexión. Loitou co grao de tenente (recoñecido en 1922) na guerra polaco-soviética (1919-1921). Pasou pola Academia Militar de Vilnius e ascendeu a capitán en 1924 e atendeu despois á Academia Militar de Ximnasia e Deportes de Poznan (CWSGiS), graduándose en educación física (1925) e esgrima (1926), dando clases despois alí e no Instituto Central de Educación Física de Varsovia.

Participou nos Xogos Olímpicos de 1924 en atletismo nos 100 metros. Foi 11 veces campión nacional de Polonia en diferentes probas atléticas e logrou 11 récords nacionais. A partir dos 35 anos comezou a competir en esgrima. Nos Xogos Olímpicos de 1932 fíxose coa medalla de bronce en sabre por equipos. Nos Campionatos de Europa de 1934 repetiu medalla na mesma proba. Nos Xogos Olímpicos de 1936 quedou quinto en sabre por equipos. Entre 1932 e 1939 presentou un programa matutino na Polskie Radio dedicado a exercicios de ximnasia, foi presidente da Asociación Universitaria Deportiva de Varsovia (1929-1930) e membro do comité de dirección da Federación Polaca de Atletismo.

Durante a Invasión de Polonia, que deu inicio á segunda guerra mundial, comandaba o 1º batallón do 21º Rexemento de Infantería acantonado en Varsovia, loitando na defensa de Varsovia. Despois da capitulación polaca quedou como prisioneiro de guerra dos alemáns, organizando no campo de prisioneiros o adestramento físico do resto dos presos. Despois da guerra foi director dos spa de Szklarska Poręba e Karpacz, director do club de esgrima CRZZ, e desde 1957 mestre de armas do RKS Marymont (onde adestrou a Ryszard Parulski e Witold Woyda) e do Skra Warszawa. Foi autor de varios libros sobre atletismo e deporte: Stumetrówka. Biegi krótkie i sztafetowe (1927 con Aleksander Szenajch), Lekka atletyka. Metodyka i trening (1933), 15 minut gimnastyki porannej (1935),Polska na Igrzyskach Olimpijskich (1948) ou Biegi przez płotki , z przeszkodami i sztafetowe (1951, con Stanisław Maszewski).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]