Voo 771 de Alitalia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 771 de Alitalia
Douglas DC-8 semellante ao do accidente
Resumo
Data  8 de xullo de 1962
Causa  erro do piloto
Lugar  a 11 km de Junnar
Coordenadas  Coordenadas: 19°12′N 73°53′L / 19.2, 73.88
Finados  94
Aeronave
Tipo de aeronave Douglas DC-8-43
Operador  Alitalia
Rexistro  I-DIWD
Pasaxeiros  85
Tripulación  9
Superviventes  0

O voo 771 de Alitalia era un servizo internacional multitraxecto dende Sydney ata Roma, con escalas en Darwin, Bangkok, Bombai, Karachi e Teherán. O día 8 de xullo de 1962 (ás 00:10 hora local) o Douglas DC-8-43 que operaba a ruta, con 94 persoas a bordo, esnafrouse nun outeiro a uns 84 km ao nordés de Bombai mentres se aproximaba ao aeroporto.

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello implicado no accidente era un Douglas DC-8-43 construído en 1962 e con rexistro I-DIWD. No momento do accidente o avión tiña 964 horas de voo. Tanto o rexistro como o certificado de aeronavegabilidade eran válidos. O capitán do voo asinara o certificado de mantemento o día 6 de xullo, horas antes do accidente. O avión estaba equipado cun receptor de navegación VHF, receptor de senda de planeo, receptor de baliza marcadora, receptor ADF, receptor Loran, radar doppler e un transpondedor; aínda que o avión non dispoñía de caixas negras.[1]

Non se informou de problemas mecánicos e o centro de gravidade e peso do DC-8 estaban dentro dos parámetros permitidos.[1]

Tripulación[editar | editar a fonte]

Había nove tripulantes a bordo do avión. A tripulación de voo estaba formada por:

  • O capitán Luigi Quattrin,[2] de 50 anos e que fora piloto dende 1939. Tiña 13 700 horas de voo, das cales 1 396 eran no Douglas DC-8. Anteriormente voara a ruta Roma-Bombai en avións DC-6 e DC-7, pero non fixera todo o camiño ata Bangkok. No voo de familiarización para a ruta de Bangkok-Bombai, que requiría Alitalia para que puidese voar a ruta como piloto ao mando, Quattrin voou a Bangkok parando en Teherán, Karachi e Bombai.[3]
  • O copiloto Ugo Arcangeli, de 33 anos, e fora piloto dende 1956. Acumulara un total de 3 480 horas de voo, das cales 1 672 foran voando como copiloto no DC-8.[3]
  • O enxeñeiro de voo Luciano Fontana, de 31 anos e con 4 070 horas de experiencia, das cales 386 foran no DC-8.[3]

Os outros seis tripulantes eran asistentes de voo. Tanto o capitán como o copiloto tiñan adestramento como navegadores, aínda que non había un navegador no avión.

Accidente[editar | editar a fonte]

Tras iniciarse con 45 pasaxeiros en Sydney e recoller máis persoas nas súas paradas en Darwin e Singapur,[4] o voo 771 engalou de Bangkok ás 15:16 UTC con 94 persoas a bordo como indicaba a folla de carga, aínda que o plan de voo oficial dicía que había 98 persoas. O plan de voo non foi asinado polo piloto ao mando, violando o manual de operacións de Alitalia.[5][6]

O voo 771 comunicouse por primeira vez co centro de información de voo de Bombai ás 17:20, e solicitou un informe meteorolóxico para a aterraxe, ademais de dicir que estimaba chegar ás 18:45 e que a súa altitude era de 36 000 pés. Entre as 17:30 e as 17:47 foron informados do tempo local. Varios informe de Bombai no momento do accidente indicaban que había chuvia lixeira pero non tormentas ou outras condicións perigosas.[7]

Ás 18:20 o voo cambiou á frecuencia de aproximación de Bombai e solicitou iniciar o descenso cando se atopaba sobre o punto de Aurangabad a unha altitude de 20 000 pés. Aprobouse o descenso e a información meteorolóxica proporcionada foi recibida.[7]

O voo iniciou o descenso ás 18:24:36 UTC, baixando de 35 000 a 20 000 pés, uns vinte minutos antes da aterraxe en Bombai. Ás 18:25 o voo foi autorizado a tomar un nivel de transición de 4 000 pés. Ás 18:28:04 transmitiuse novamente información meteorolóxica. Ás 18:29 o ATC foi informado da preferencia da tripulación de aterrar na pista 27. Ás 18:38:34 preguntóuselle ao voo se faría un xiro de 360° sobre a baliza ou aterraría directamente.[7] Ás 18:38:49 a tripulación só respondeu "OK" levando a algunha confusión sobre como se abordaría a aproximación. A tripulación aclarou pouco despois que realizaría un xiro de 360° sobre a baliza exterior.[8]

Ás 18:38:54 o DC-8 chegou a unha altura de 5 000 pés; o plan de voo proporcionado por Alitalia prescribía un descenso de 100 millas a Bombai en 13 minutos. O avión continuou descendendo ata os 3 600 pés, bastante por debaixo da altura mínima de seguridade de 9 000 pés ademais de debaixo da altitude inicial de aproximación de 4 000 pés.[8]

A derradeira comunicación do avión foi ás 18:39:58, confirmando novamente o xiro de 360° sobre a baliza. O DC-8 esnafrouse no outeiro Davandyachi nun rumbo de 240°. Os restos do avión atopáronse espallados entre árbores no outeiro co altímetro indicando unha altura de 3 600 pés, só 5 pés por debaixo do cumio.[6] O DC-8 quedou completamente esnaquizado e todas as persoas a bordo morreron no accidente.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 ICAO Circular, p. 86
  2. "Sydney names in DC-8 crash". The Sydney Morning Herald: 2. 8 de xullo de 1962. 
  3. 3,0 3,1 3,2 ICAO Circular, p. 85.
  4. Vadukut, Sidin (2015-03-27). "The origin of the black box". LiveMint (en inglés). Consultado o 2019-01-25. 
  5. ICAO Circular, p. 88
  6. 6,0 6,1 ICAO Circular, p. 87
  7. 7,0 7,1 7,2 ICAO Circular, p. 83
  8. 8,0 8,1 8,2 ICAO Circular, p. 84

Bibliografía[editar | editar a fonte]