Voo 301 de Palair Macedonian Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Voo 301 de Palair Macedonian Airlines
Palair Fokker 100 PH-KXL Maiwald.jpg
O avión dúas semanas antes do accidente
Resumo
Data  5 de marzo de 1993
Causa  xeo atmosférico
Lugar  preto de Skopje
Orixe  aeroporto de Skopje
Destino  aeroporto de Zúric
Finados  83
Feridos  14
Aeronave
Tipo de aeronave Fokker 100
Operador  Palair Macedonian Airlines
Rexistro  PH-KXL
Pasaxeiros  92
Tripulación  5
Superviventes  14

O voo 301 de Palair Macedonian Airlines era un servizo regular internacional de pasaxeiros dende o aeroporto de Skopje e o aeroporto de Zúric. O día 5 de marzo de 1993 o Fokker 100 que operaba a ruta esnafrouse pouco despois da engalaxe.

Morreron 83 persoas, 79 pasaxeiros e 4 tripulantes, e 14 sobreviviron. Na época foi o accidente de aviación con máis vítimas mortais en Macedonia do Norte. Foi superado poucos meses despois cando un Yakovlev Yak-42 se esnafrou nunha montaña preto de Ohrid. No momento foi o peor accidente dun Fokker 100, un récord que mantivo ata o accidente do voo 402 de TAM o 31 de outubro de 1996. O voo 301 segue sendo o segundo peor accidente dun Fokker 100.[1]

A investigación do desastre, que tivo a axuda dun equipo neerlandés, concluíu que a causa do accidente fora a acumulación de xeo nas ás do avión. Esta acumulación fixo que se deteriorase a sustentación do avión. O incumprimento do procedemento correcto para manexar a formación de xeo atmosférico tamén se citou como unha das causas do accidente.

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello implicado no accidente era un Fokker 100 con rexistro PH-KX e número de serie 11393. O avión era novo, fora construído en 1992 e fora entregado a Palair Macedonian Airlines o 27 de xaneiro de 1993.[2] No momento do accidente tiña só 188 horas de voo en 136 ciclos.[3]

Pasaxeiros e tripulación[editar | editar a fonte]

O voo 301 levaba 92 pasaxeiros e 5 tripulantes. A meirande parte dos pasaxeiros eren albano-kosovares que ían traballar a Suíza.[3]

O piloto ao mando, que non pilotaba o avión no momento do accidente, era o neerlandés de 49 anos Peter Bierdrager. O seu derradeiro recoñecemento médico fora en 1992 e acumulaba un total de 11 200 horas de voo, das cales 1 180 eran no Fokker 100. Ademais de ter a licenza do Fokker 100, Bierdrager tamén tiñas as licenzas para voar nos Fokker F-27, Fokker 28 e Fokker 50. O primeiro oficial era un piloto macedonio de 34 anos con 5 580 horas de experiencia, 65 delas no Fokker 100. Antes de traballar en Aircraft Trading and Financing fora piloto da aeroliña iugoslava JAT.[3]

Accidente[editar | editar a fonte]

O voo 301 era un servizo entre Skopje e Zürich. Había 92 pasaxeiros e 5 tripulantes a bordo do avión. O Fokker 100 pertencía a Palair Macedonian Airlines, a aeroliña nacional de Macedonia do Norte. O voo, porén, estaba pilotado por membros de Aircraft Trading and Financing, unha compañía baseada nos Países Baixos, como indicaba o contrato de arrendamento.[3][4]

A autorización para a engalaxe foi dada ás 11:11. Cando o 301 engalou había unha forte nevada e unha visibilidade de 900 metros. A observación dende o chan confirmaba que a visibilidade era o suficientemente pobre como para non ver o final da pista dende a posición do voo 301. 28 segundos despois da autorización o avión estaba no aire.[3]

Dous segundos despois de engalar da pista 34, o avión comezou a sacudirse violentamente. Mentres trepaba a unha altura aproximada de 50 pés e cunha velocidade dunhas 170 millas por hora, o voo 301 virou gravemente cara á esquerda e despois cara á dereita, cun ángulo de inclinación de 50 e 55 graos. A tripulación aplicou inmediatamente aleróns e timón para corrixir a actitude do avión.[3]

A punta da á dereita golpeou o chan despois do final da pista cun ángulo de 90 graos. O voo 301 volteouse lateralmente antes de esnafarse contra o chan, partíndose a fuselaxe en tres partes. O avión estoupou e incendiouse.[3][5]

A primeira noticia do accidente foi recibida por parte dun casco azul das Nacións Unidas que escoitou o impacto mentres camiñaba cara á rampla. Inmediatamente correu ao lugar do accidente e rescatou 7 superviventes. Despois chegaron servizos de emerxencia do aeroporto e das Nacións Unidas. Ata 20 sobreviventes, dos cales 5 estaban en estado crítico, foron transladados ao hospital en Skopje. Porén, 4 superviventes morreron de camiño ao hospital. Dous máis morreron posteriormente polas feridas recibidas.[6][7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ranter, Harro. "Aviation Safety Network > ASN Aviation Safety Database > Fokker 100". www.aviation-safety.net. Consultado o 2019-01-24. 
  2. "Palair Macedonian PH-KXL (Fokker 70/100 - MSN 11393) | Airfleets aviation". www.airfleets.net. Consultado o 2019-01-24. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Informe final" (PDF). Netherlands Aviation Safety Board. Consultado o 2019-1-24. 
  4. "Accident details". planecrashinfo.com. Consultado o 2019-01-24. 
  5. Gero, David (1996). Aviation Disasters Second Edition. Patrick Stephens Limited. p. 225.
  6. "Plane carrying 97 crashes during snowstorm takeoff". Sunday Times Sentinel. 7 de marzo de 1993. 
  7. Press, The Associated (1993-03-06). "Jet Crashes in Macedonia Storm". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2019-01-24. 
  8. "Macedonia air crash kills 79". The Independent (en inglés). 1993-03-06. Consultado o 2019-01-24.