Voo 268 de Pakistan International Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 268 de Pakistan
International Airlines
Restos da cola do avión
Resumo
Data  28 de setembro de 1992
Causa  voo controlado contra o
terreo
por erro do piloto
Lugar  Katmandú
Coordenadas  Coordenadas: 27°31′58″N 85°17′05″L / 27.53277778, 85.28472222
Orixe  aeroporto internacional
Jinnah
Destino  aeroporto internacional
Tribhuvan
Finados  167
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A300B4-203
Operador  Pakistan International
Airlines
Rexistro  AP-BCP
Pasaxeiros  155
Tripulación  12
Superviventes  0

O voo 268 de Pakistan International Airlines foi un Airbus A300B4-203, con rexistro AP-BCP, que se esnafrou mentres se aproximaba ao aeroporto internacional Tribhuvan de Katmandú o día 28 de setembro de 1992. As 167 persoas a bordo do avión morreron no sinistro. O voo 268 é o peor accidente sufrido pola aeroliña Pakistan International Airlines, e tamén o peor ocorrido no Nepal.[1][2]

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello implicado no accidente era un Airbus A300B4-203 de 16 anos de idade con rexistro AP-BCP (número de serie 025). O avión fora construído en 1976 e realizara o seu primeiro voo o 23 de marzo dese mesmo ano. O 2 de maio de 1977 entregouse á aeroliña Bavaria Germanair co rexistro D-AMAZ. Unha semana despois o avión alugouse a EgyptAir. O aparello foi rexistrado como SU-AZY e posteriormente vendido a Hapag-Lloyd Flug tras a súa fusión con Bavaria Germanair. O avión volveu cambiar de rexistro, desta vez D-AHLZ, e foi alugado ás seguintes aeroliñas:

O 21 de abril de 1986 entregouse o avión a Pakistan International Airlines e recibiu o rexistro AP-BCP. O aparello tiña un total de 39 045 horas de voo e 19 172 aterraxes no momento do accidente.[1]

Tripulación[editar | editar a fonte]

O capitán Iftikhar Janjua tiña 49 anos e acumulaba 13 192 horas de voo, das que 6 260 eran no Airbus A300. O primeiro oficial de 38 anos Hassan Akhtar tiña 5 849 horas de voo, 1 469 delas no A300.

A bordo había tamén dous enxeñeiros de voo, un operando e o outro observando. O enxeñeiro en serviz tiña 40 anos e acumulaba 5 289 horas, 2 516 no Airbus A300. O enxeñeiro de observación era Muhammad Ashraf, de 42 anos, con 8 220 horas de voo, 4 503 realizadas no A300.[3]

Accidente[editar | editar a fonte]

O voo 268 partiu de Karachi ás 11:13 AM Hora Estándar de Paquistán cara Katmandú. Tras contactar co control de tráfico aéreo nepalí, o avión foi autorizado para unha aproximación dende o sur chamada aproximación Sierra. Un avión autorizado a realizar esta aproximación tiña que pasar sobre un punto de notificación chamado "Romeo", situado a 41 millas ao sur do VOR de Katmandú, a unha altitude de 15 000 pés. O avión debía descender posteriormente en sete pasos ata os 5 800 pés, pasando sobre o punto de notificación "Sierra", a 10 millas do VOR, a unha altura de 9 500 pés antes de aterrar en Katmandú. Esa aproximación permitía ao avión pasar con seguridade sobre a cordilleira Mahabharat ao sur de Katmandú.

Pouco despois de informar do seu paso polo punto "Sierra", ás 2.30 PM o avión esnafrouse a uns 2 200 m na ladeira dunha montaña de 2 524 m en Bhattedanda, desintegrándose polo impacto e matando instantaneamente a todos os seus ocupantes. A cola separouse da fuselaxe e rematou nun bosque na base da montaña.[1][4][5]

Este accidente ocorreu tan só 59 días despois de que o voo 311 de Thai Airways International se esnafrase ao norte de Katmandú.[6]

Investigación[editar | editar a fonte]

Tras o accidente o exército nepalí acudiu ao lugar con investigadores para atopar as caixas negras do avión. Andrew Robinson, da axencia británica Air Accident Investigation Branch (AAIB), foi o encargado de dirixir a investigación. As caixas negras enviáronse inicialmente a París para ser descodificadas.[7]

Varias testemuñas do accidente confirmaron que no momento do impacto apenas había vento na zona, e non chovía nin había tormenta. Os investigadores non atoparon problemas técnicos documentados para o A300 e, tras consideralo como causa, porteriormente descartouse un acto de terrorismo.[7]

Aínda que os investigadores da Transportation Safety Board of Canada (TSB), que axudaron na investigación, non conseguiron recuperar as conversas na cabina de mando do voo 268, os datos recuperados da gravadora de datos de voo amosaron que o avión iniciara cada paso no seu descenso demasiado cedo.[4] A 16 millas do VOR o avión estaba 1 000 pés por debaixo da altitude autorizada, e a 10 millas do VOR (o punto Sierra) estaba 1 300 pés por debaixo. O avión aproximouse á cordilleira Mahabharat a unha altitude insuficiente e esnafrouse contra a ladeira sur. Aínda que os pilotos do voo 268 informaron da altitude do avión con precisión ao control de tráfico aéreo, os controladores non fixeron nada para avisalos de que estaban demasiado baixo ata poucos segundos antes do accidente.[4]

Os investigadores determinaron que o accidente fora causado principalmente por un erro dos pilotos. A visibilidade era mala debido á nubosidade e o sistema de advertencias de proximidade ao terreo non se tería activado a tempo debido ao terreo empinado.[4] Tamén se determinou que os patróns de aproximación a Katmandú que tiñan os pilotos de PIA eran pouco claros, e considerouse que os controladores de tráfico nepalí foron tímidos e remisos á hora de intervir en temas como a separación do terreo.[8] O informe recomendou que a OACI revisase as cartas de navegación e fomentase a súa estandarización, e que se cambiase a aproximación ao aeroporto de Katmandú para que fose menos complicada.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Airbus A300B4-203 AP-BCP Kathmandu-Tribhuvan Airport (KTM)". aviation-safety.net. Consultado o 2021-11-24. 
  2. Ranter, Harro. "Aviation Safety Network > ASN Aviation Safety Database > Geographical regions > Nepal air safety profile". aviation-safety.net. Consultado o 2021-11-24. 
  3. "Human Factors: Pakistan International Airlines Flight Pk 268". smhusain1's Blog (en inglés). 2018-05-24. Consultado o 2021-11-24. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gero, David (2000). Aviation disasters : the world's major civil airliner crashes since 1950 (3rd ed ed.). Sparkford, England: P. Stephens. p. 232. ISBN 978-1-85260-602-2. OCLC 44777625. 
  5. "Hunt goes on for black box in Airbus wreckage". The Independent (en inglés). 1992-09-30. Consultado o 2021-11-24. 
  6. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Airbus A310-304 HS-TID Kathmandu-Tribhuvan Airport (KTM)". aviation-safety.net. Consultado o 2021-11-24. 
  7. 7,0 7,1 "Pakistan International Airlines, Flight PK 268, an unknown mystery". Aviation Nepal (en inglés). 2020-07-28. Consultado o 2021-11-25. 
  8. "Airbus crash blamed on pilot error". The Independent (en inglés). 1992-09-29. Consultado o 2021-11-25.