Lava almofadada
Lava almofadada ou lava en almofada (na literatura inglesa pillow lava) é a designación dada en xeoloxía e xeomorfoloxía ás coadas de lava típicas das erupcións volcánicas subacuáticas nas cales a lava é extruída no fondo dun mar, lago profundo ou unha cavidade chea de auga dentro dun glaciar e ten formas arredondadas.[1] No mar fórmanse na parte superior da capa 2 da codia oceánica normal.
As lavas en almofada están en xeral compostas por basaltos, mais tamén as hai de komatita, picrita, boninita, andesita, andesita basáltica e mesmo de dacita ou riolita.[2][3][4][5] Xeralmente a composición afecta o tamaño das «almofadas», xa que modifica a viscosidade da lava. Esta denominación débese á súa sección aproximadamente esférica, que lles dá un aspecto semellante a almofadas ou coxíns. As lavas almofadadas non só se forman en mares profundos, senón tamén cando lavas subaéreas corren polas vertentes entrando en contacto co mar, ríos ou lagos.
Descrición
[editar | editar a fonte]A produción de lavas almofadadas ocorre cando lavas intermedias ou máficas extrúen baixo unha masa de auga, en especial en erupcións submarinas. Tendo en conta a abundancia e extensión do vulcanismo de carácter basáltico ao longo das dorsais oceánicas onde existen cadeas case continuas de volcáns expulsando lava aos leitos oceánicos, este tipo de lava é o máis abundante na Terra.
As superficies vítreas destas lavas non son lisas, presentan gretas, enrugamentos e estrías lineares moitas das cales se intersectan en ángulos rectos. As lavas almofadadas poden encontrarse nunha enorme variedade de formas incluíndo as bulbosas, esféricas, achatadas, alongadas e tubulares, e varían en diámetro de varias decenas de centímetros a varias decenas de metros, porén, o seu tamaño típico varía entre 0,5 e 1 metro. O interior das lavas almofadadas arrefría máis lentamente que a cobertura exterior vítrea e consecuentemente é máis cristalino. A cristalización a taxas de arrefriamento progresivamente máis lentas en dirección ao interior produce unha considerable variedade de texturas nas rochas.
Como ao longo das dorsais mesooceánicas se está a formar decote nova codia oceánica, vanse producindo novas capas no centro da dorsal, alimentando os diques que se ligan á cámara magmática. As lavas almofadadas e as formas de dique complexas forman parte da clásica secuencia de ofiolitas cando un segmento da codia continental está en proceso de obdución coa codia oceánica.
A presenza de lavas en almofada nos restos volcánicos máis antigos que se coñecen na Terra (o Cinto supracortical de Isua e o Cinto de Barberton) confirma a presenza de grandes corpos de auga sobre a superficie do planeta no eón Arcaico. A presenza de lavas almofadadas utilízase para confirmar que existiu vulcanismo subacuático nos cintos metamórficos.
Na Península Ibérica aparecen lavas deste tipo en áreas paleovolcánicas de Euskadi[6], da periferia do macizo alóctono de Braganza [7] e do complexo volcânico de Lisboa. En Galicia aparecen vestixios de antigas lavas almofadadas convertidas polo metamorfismo en metavulcanitas no Complexo de Cabo Ortegal.
As lavas en almofada tamén poden aparecer asociadas a volcáns subglaciares nas primeiras etapas dunha erupción.[8][9]
Formación
[editar | editar a fonte]As lavas en almofada fórmanse cando o magma alcanza a superficie, pero, debido á enorme diferenza de temperatura entre a lava e a auga, a superficie da masa emerxente arrefría moi rapidamente, formando unha capa sólida superficial en forma de codia. A masa de lava continúa a crecer por inxección de máis lava no seu interior líquido, formando un lóbulo, ata que a presión interna da lava creza o suficiente como para romper a codia da lava e comezar a formación dun novo lóbulo. O proceso ocorre repetidamente, producindo unha serie de masas en forma de lóbulo ou «almofada». Como a codia arrefría moito máis rápido que o interior do lóbulo, presenta un gran moi fino (textura afanítica) con elementos vítreos, mentres que o interior, que arrefría moito máis lentamente, presenta cristais de dimensións crecentes a medida que están máis afastados da periferia.
Uso como criterio de posición orixinal
[editar | editar a fonte]As lavas almofadadas poden utilizarse en xeoloxía como un indicador de se están na súa posición orixinal ou foron invertidas ao longo do tempo;[10] é dicir, o estudo da súa forma pode revelar a posición na cal se formaron orixinalmente. As lavas almofadadas mostran que aínda están na súa orientación orixinal cando:
- As vesículas da lava encóntranse cara a parte superior da "almofada" (porque o gas atrapado como parte da rocha é menos denso que o material sólido que o rodea).
- As estruturas en almofada mostran unha superficie superior convexa (arredondada).
- As "almofadas" deberían ter unha base que se fai máis pequena cara a abaixo, xa que puideron moldearse elas mesmas por entre calquera outras lavas almofadadas que estaban enriba durante a súa formación.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "volcano". www.britannica.com., Encyclopedia Britannica Academic Edition. Revisado o 10 de outubro de 2011.
- ↑ "McCarthy, T. & Rubidge, B. 2008. The story of earth and life, Chapter 3, The first continent. 60-91, Struik Publishers" (PDF). web.wits.ac.za. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 7 de abril de 2009. Consultado o 12 de maio de 2016.
- ↑ "Fang, N. & Niu, Y. 2003. Late Paleozoic ultramafic lavas in Yunnan, Southwest China and their geodynamic significance. Journal of Petrology 44, 141-158." (PDF). www.dur.ac.uk.
- ↑ Kuroda, N.; Shiraki, K.; Urano, H. (1988-10-01). "Ferropigeonite quartz dacites from Chichi-jima, Bonin Islands: Latest differentiates from boninite-forming magma". Contributions to Mineralogy and Petrology (en inglés) 100 (2): 129–138. ISSN 1432-0967. doi:10.1007/BF00373580.
- ↑ Walker, George P. L. (1992-08-01). "Morphometric study of pillow-size spectrum among pillow lavas". Bulletin of Volcanology (en inglés) 54 (6): 459–474. ISSN 1432-0819. doi:10.1007/BF00301392.
- ↑ Iraganeko Oinatzak. "Visita guiada a las lavas acojonidas de Bergara". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2016.
- ↑ "Lavas em almofada na Ponte de Cidões".[Ligazón morta]
- ↑ "Introduction to geology and geodynamics of Iceland, R.G. Trønnes, Nordic volcanological Institute, University of Iceland" (PDF). wayback.vefsafn.is. Archived from the original on 14 de agosto de 2010. Consultado o 11 de marzo de 2023.
- ↑ "Scientists Study 'Glaciovolcanoes,' Mountains of Fire and Ice, in Iceland, British Columbia, US ScienceDaily, Apr. 23, 2010". www.sciencedaily.com.
- ↑ H. Furnes and F. J. Skjerlie (1972-07-01). "Furnes, H. & Skjerlie, F.J. 1972. The significance of primary structures in the Ordovician pillow lava sequence of Western Norway in an understanding of major fold pattern. Geological Magazine, 109, 315-322". Geolmag.geoscienceworld.org. Consultado o 2014-03-10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lava almofadada |