Guyot
Un guyot é unha montaña submarina (monte submarino) illada de orixe volcánica de forma máis ou menos troncocónica (parte superior plana), que se encontra a máis de 200 m baixo a superficie do mar. O diámetro destes cumes planos pode superar os 10 km.[1] Este tipo de montes reciben o seu nome en último extremo (ver máis abaixo) en honor do xeógrafo e xeólogo suízo-americano Arnold Henry Guyot, finado en 1884. O termo foi acuñado por Harry Hammond Hess.
A maioría dos guyots encóntranse no océano Pacífico. Os guyots mostran probas de que estiveron nalgún tempo emerxidos e sufriron unha subsidencia gradual pasando por distintas fases, como son: montaña rodeada de arrecifes, atol de coral e finalmente unha montaña mergullada de cume plano.[1] O gradiente de inclinación da maioría dos guyots é duns 20º. Para ser considerado tecnicamente un guyot, un monte submarino debe ter polo menos unha altura de 914 m.[2] Porén, hai moitos montes submarinos que teñen só de 91 m a 914 m.[2] As construcións volcánicas oceánicas moi grandes, de diámetros de centos de km denomínanse mesetas oceánicas.[3] Os montes submarinos orixínanse por extrusión de lavas bombeadas cara ao leito do mar en varias etapas desde o manto terrestre. Os montes submarinos proporcionan datos sobre os movementos das placas tectónicas sobre as cales se encontran e sobre a reoloxía da litosfera subxacente. A orientación dunha cadea de montes submarinos traza a dirección do movemento da placa litosférica sobre unha fonte de calor máis ou menos fixo na astenosfera. Estímase que hai uns 50 000 montes submarinos só na cunca do Pacífico.[4] Os montes submarinos Emperador son un excelente exemlo dunha cadea volcánica completa que sufriu este proceso de formación e contén moitos guyots.
Outro factor que contribúe a que os guyots estean baixo a superficie da auga ten que ver coas dorsais oceánicas, como a mesoatlántica. As dorsais mesooceánicas esténdense gradualmente co tempo facéndose máis anchas, debido a que a lava fundida é empuxada cara á superficie da Terra e crea novas rochas. A medida que as dorsais se estenden, os guyots móvense con elas, polo que se afunden cada vez a máis profundidade no océano, xa que as dorsais estaban inicialmente nunha posición topograficamente máis alta. Así, canto máis tempo pasa, a máis profundidade se van encontrar os guyots.[5] Aínda que os guyots poden ser de centos de millóns de anos de antigüidade, algúns guyots descubertos recentemente formáronse só hai 1 millón de anos, como o monte submarino Bowie situado na costa da Columbia Británica, Canadá.
O guyot chamado monte submarino Great Meteor do noroeste do océano Atlántico, ten unha altura de máis de 4 000 m e un diámetro de 110 km.[6] Os guyots están tamén asociados con formas de vida específicas e diversas cantidades de materia orgánica. Asociado co guyot obsérvase un incremento local en clorofila a, un aumento das taxas de incorporación de carbono e un cambio na composición das especies de fitoplancto.[7]
Nome
[editar | editar a fonte]Os guyots foron recoñecidos por primeira vez por Harry Hammond Hess en 1945, que recadou datos utilizando un equipo de ecosondas desde un barco baixo o seu mando durante a segunda guerra mundial.[8] Os datos mostraban a configuración do fondo do mar e observou que algúns dos montes que aparecían tiñan un cume plano. Hess chamou a ese tipo de montes 'guyots' porque lle lembraban o Pavillón Guyot da Universidade de Princeston, que é un edificio de tellado plano dedicado á bioloxía e xeoloxía, o cal á súa vez foi nomeado así polo xeógrafo Arnold Henry Guyot (1807-1884).[9] Hess postulou que os guyots foran anteriormente illas volcánicas que foran achairadas pola acción das ondas mariñas, aínda que actualmente se encontren baixo o nivel do mar. Esta idea foi utilizada para axudar a apuntalar a teoría da tectónica de placas.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Guyot Encyclopædia Britannica Online, 2010. Retrieved January 14, 2010.
- ↑ 2,0 2,1 "Seamount and guyot". Access Science. McGraw Hill Education. Consultado o 2 February 2016.
- ↑ Seamount and guyot: Information and Much More from Answers.com
- ↑ Hillier, J.K. (2007). "Pacific seamount volcanism in space and time" (PDF). Geophysical Journal International 168: 877–889. doi:10.1111/j.1365-246X.2006.03250.x.
- ↑ Guyot
- ↑ Great Meteor Tablemount (volcanic mountain, Atlantic Ocean) - Britannica Online Encyclopedia
- ↑ Sahfos[Ligazón morta]
- ↑ 8,0 8,1 Bryson, Bill. A Short History of Nearly Everything. New York: Broadway, 2003. pg. 178
- ↑ http://etcweb.princeton.edu/CampusWWW/Companion/guyot_arnold.html Arquivado 29 de setembro de 2018 en Wayback Machine. Guyot, Arnold in A Princeton Companion
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Cadea de montes submarinos Hawai-Emperador
- Punto quente (xeoloxía)
- Atol
- Monte submarino
- Volcán submarino