Monte submarino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización dos maiores montes submarinos do mundo.

Un monte submarino é unha montaña que se eleva do fondo do océano, pero que non chega a sobresaír do nivel do mar.

Definición e características[editar | editar a fonte]

Formación de montes submarinos e illas como consecuencia de subdución, en Honshu (Xapón).

Os oceanógrafos definen os montes submarinos como estruturas independentes que se elevan polo menos 1000 m sobre o fondo oceánico.

Os montes submarinos formánronse pola acción de volcáns actualmente extintos, que os fixeron emerxer abruptamente. Usualmente encóntranse no leito mariño entre os 1.000 e os 4.000 m de profundidade.

As súas cimas están a miúdo entre os centos e miles de metros por debaixo da superficie, polo que se considera que xacen en mares profundos.[1]

Estímase que hai cerca de 30.000 montes submarinos nos mares da Terra, dos cales só uns cantos están estudados.

A maioría deles agrúpanse en pequenos conxuntos, formando uns a xeito de arquipélagos somerxidos.

Cómpre non confundilos cos guiots (guyots).

Importancia ecolóxica e recursos naturais[editar | editar a fonte]

Esquema batimétrico dun monte submarino: o Davidson Seamount).

Os montes submarinos tenden a proxectarse en zonas pouco profundas e moi propicias para a vida mariña, subministrando hábitats para especies que non se encontran en sectores máis profundos do leito mariño. Debido a que estes montes están illados os uns dos outros, forman "illas submarinas", creando unha zona bioxeográfica especial.

Como están formados a partir de rochas volcánicas, o substrato é moito máis pesado que o leito de sedimentos que o rodea, o que provoca a existencia dun diferente tipo de fauna que a do resto do relevo oceánico, o que comporta a un alto nivel de endemismos.

Ademais, os montes submarinos son vitais puntos de estancia para algúns animais migratorios, como as baleas, que alí poden alimentarse e esconderse de depredadores.

Por outro lado, os montes submarinos posúen incrustacións polimetálicas, e algúns son ricos en metais como cobalto e platino, aínda que a explotación destes recursos é reducidísima.

Maiores concentracións no mundo[editar | editar a fonte]

Os principais montes submarinos, en orde ao seu tamaño e proliferación, encóntranse no océano Pacífico, maioritariamente nas costas de Hawai, no golfo de Alasca, na fosa chileno-peruana e no mar de Coral.

Noutros océanos hai concentracións de montes submarinos nas costas de Escocia, nas do centro de Brasil, nas das illas Azores e as Canarias, e no Atlántico sur.

En Galicia[editar | editar a fonte]

Nas augas próximas a Galicia ten sona o denominado banco de Galicia, situado a uns 200 km ao oeste de Fisterra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nybakken, James W. & Bertness, Mark D. (2004): Marine Biology: An Ecological Approach. 6ª Ed. San Francisco, California: Benjamin Cummings. ISBN 978-0-8053-4582-7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Keating, B. H.; Fryer, P.; Batiza, R. & Boehlert, G. W., eds. (1987): "Seamounts, islands and atolls". Geophys. Monogr. 43 :319-334.
  • Koslow, J. A. (1997): "Seamounts and the ecology of deep-sea fisheries". Am. Sci. 85: 168-176.
  • Menard, H. W. (1964): Marine Geology of the Pacific. International Series in the Earth Sciences. Mew York, NY: McGraw-Hill.

Outros artigs[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]