Vitiaz (batiscafo)
O Vitiaz (en ruso Витязь) é un batiscafo ruso que alcanzou, o 8 de maio de 2020, o punto máis profundo do planeta Terra na foxa das Marianas, onde colocou unha bandeirola coa ocasión de celebrar o 75º aniversario da vitoria sobre a Alemaña nazi na segunda guerra mundial. Nese día estableceu un novo récord mundial para un aparato submarino autónomo e non tripulado ao pousar a 10 028 m de profundidade.[1][2]
O batiscafo tomou o nome do buque soviético de investigación oceanográfca, Vitiaz, que determinara, en 1957, o lugar máis profundo desta fosa: 11 022 m.[2]
A inmersión partiu desde o remolcador ruso Fortiy Krylov[3] e prolongouse nun espazo de máis tres horas —sen contar o mergullo e volta á superficie—, tempo durante o que o aparato gravou imaxes do fondo mariño e realizou tamén unha análise cartográfica desa zona do océano Pacífico, segundo informou a Fundación de Investigacións Avanzadas rusa. A comunicación entre o batiscafo e a superficie efectuose en tempo real, a través de canles hidroacústicos. Esta Fundación destacou nun comunicado que, a diferenza duotros aparatos submarinos que alcanzaron o fondo dos mares —o xaponés Kaiko e o estadounidense Nereus—, o Vitiaz funciona de maneira totalmente autónoma.[4]
Grazas ao emprego de elementos de intelixencia artificial no sistema de mando do aparato, este pode eludir de maneira autónoma obstáculos no seu camiño, e encontrar unha vía de saída en espazos reducidos", explicou a Fundación. Pola súa parte, o viceprimeiro ministro ruso, Iuri Borisov, destacou que a inmersión do Vitiaz é un "gran logro", tanto da ciencia como da industria da defensa nacional.[2]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Axencia EFE (10 de maio de 2020). "Un batiscafo llega al punto más profundo del planeta". La Voz de Galicia. Consultado o 10 de maio de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Axencia EFE (9 de maio de 2020). "Embarcación no tripulada llega a lo más profundo del planeta: las Marianas". 10minutos. Consultado o 20 de abril de 2020.
- ↑ Emelianenkov, Alexander (9-5-2020). "Победа в гидрокосмосе: Что делал "Витязь" на дне Марианской впадины" [Vitoria no hidrocosmos: que fixo "Vitiaz" no fondo da Foxa das Marianas?]. rg.ru (en ruso).
- ↑ Axencia EFE (9 de maio de 2020). "Batiscafo no tripulado ruso llega al punto más profundo del planeta". La Vanguardia. Consultado o 10 de maio de 2020.