Saltar ao contido

Vermiculita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vermiculita
Fórmula químicaMg0,7 (Mg,Fe,Al)6 (Si,Al)8O20 (OH)4 ·8H2O
ClaseSilicato
SubclaseFilosilicato
Sistema cristalinoMonoclínico
BrilloVítreo
Dureza2-3 (escala de Mohs)
RaiaAmarela pálida
Densidade2,4-2,7 g/cm3

A vermiculita[1] é un mineral formado por silicatos de ferro ou magnesio, pertencente ao grupo das micas. A súa fórmula química e:

(Mg,Ca) 0.7 (Mg,Fe,Al) 6.0 [(Al,Si) 8O20)] (OH) 4.8 H2O

Orixínase principalmente na alteración hidrotermal de biotita.

Emprégase como substrato en cultivos hidropónicos, como árido para elaborar formigóns de baixa densidade, como illante térmico e acústico, en extintores, como elemento filtrante, para protección de materiais ou equipamentos fráxiles, para aumentar a viscosidade de aceites lubricantes, como absorbente de humidade e outras contaminacións líquidas ou como excipiente en produtos diversos, incluíndo medicamentos.

Ao elevar rapidamente a temperatura da vermiculita provócase unha expansión coñecida como exfoliación, resultando un produto utilizado como agregado livián na construción con propiedades illantes térmicas e acústicas, ademais de ser quimicamente inerte.

Características

[editar | editar a fonte]

Vermiculita é un termo xenérico para designar o mineral da familia da mica composto basicamente por silicatos de aluminio, de magnesio e de ferro. A súa forma natural é a dunha mica de cor parda con estrutura laminar, con auga interlaminada.

A súa característica principal é que ao quentala até unha temperatura determinada, a súa capacidade de expansión ou exfoliación resulta nun aumento de oito a vinte veces o seu volume orixinal. Esta exfoliación débese á presenza de auga no mineral natural. Cando se quenta bruscamente por riba de 870 °C, ao mesmo tempo que se evapora a auga, transfórmase cada partícula laminar do mineral nun fol a modo de verme e crea un gran número de pequenas láminas con reflexos metálicos, de cor parda, con baixa densidade aparente e elevada porosidade.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

É un material lixeiro, cunhas densidades aparentes que oscilan entre 60 e 140 kg/.

As paredes brillantes das láminas de mica de vermiculita forman unha multitude de pantallas que reflicten e dispersan a enerxía calorífica transmitida por radiación, e converten dito material en illante ideal para altas temperaturas. A súa condutividade térmica é de 0,053 kcal/h/m °C para unha temperatura media de 20 °C. A súa capacidade calorífica é moi baixa (0,2). Naturalmente, co aumento de temperatura, o coeficiente aumenta como en calquera material illante, mais cunha proporción menor do normal. A vermiculita expandida mantén a súa capacidade de illamento térmico entre os 200 e os 1200 °C.

Tamén ten capacidades de illamento acústico. Ao incidir as ondas sonoras sobre as láminas multidireccionais da vermiculita expandida, estas son reflectidas en multitude de direccións e absorbidas pola estrutura microscópica de burbullas de aire do mineral. Por estas razóns, a vermiculita é un excelente illante acústico para unha ampla gama de frecuencias.

É resistente ao lume, sendo o seu punto de fusión de 1 370 °C e a temperatura de abrandamento de 1 250 °C. É un mineral incombustible e quimicamente moi estable a altas temperaturas, o que o converte nun material idóneo para a protección contra o fogo.

E destacar finalmente a súa inalterabilidade, a vermiculita é insensible aos axentes atmosféricos e ao paso do tempo. É estable, quimicamente neutra (pH = 7,2) e inerte, non é higroscópica e non produce ningunha acción sobre o ferro ou o aceiro.

  1. "vermiculita". TERGAL. Consultado o 05/07/2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]