Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Biografía destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 e finado no exilio, en Buenos Aires (Arxentina), o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".

Foi homenaxeado co segundo Día das Letras Galegas, no ano 1964. En decembro de 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural inmaterial.

Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), o 28 de xuño de 1984, coincidindo co aniversario do plebiscito que aprobou o Estatuto de Galiza. O mesmo día en que chegan os restos de Castelao, concédeselle a título póstumo a Medalla de Ouro de Galicia.