Uraninita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Uraninita
Uraninite-39029.jpg
Fórmula química UO2
Clase Óxido
Sistema cristalino Cúbico
Cor Negra, negra pardusca, negra cinsenta, gris, verdosa
Brillo Submetálico
Dureza 5 - 6 (escala de Mohs)
Raia Negra pardusca, gris verde
Densidade 10,88 g/cm3

A uraninita é un mineral radioactivo do grupo IV (óxidos) segundo a clasificación de Strunz, rico en uranio, sendo a principal mena deste elemento. A súa composición química é maiormente dióxido de uranio (UO2).[1][2] mais tamén contén trióxido de uranio (UO3), óxido de chumbo, torio, e terras raras.

O mineral coñécese desde o século XV nas minas de prata nas montañas Erzgebirge, Alemaña. Non obstante, o depósito tipo é o de Jáchymov, na República Checa, que foi descrito por F.E.Brückmann en 1727.[3]

A pechblenda é unha variedade masiva e probablemente impura de uraninita.[4] M.Klaproth descubriu o elemento uranio en 1789 a partir da pechblenda encontrada no depósito de Johanngeorgenstadt, Alemaña.[5]

Todos os minerais de uranitita conteñen pequenas cantidades de radio como produto da desintegración radioactiva do uranio; de feito, Marie Curie descubriu o radio e o polonio a partir de pechblenda de Jáchymov, da República Checa (daquela Joachimsthal, do Imperio austrohúngaro). Tamén posúen pequenas cantidades de isótopos de chumbo (206Pb y 207Pb), produtos da desintegración da serie radioactiva dos isótopos 238U e 235U, respectivamente. Do mesmo xeito, a uraninita contén pequenas cantidades de helio como resultado da desintegración alfa; de feito, o helio foi atopado por primeira vez na Terra na uraninita, tras terse descuberto espectroscopicamente no Sol. O tecnecio, elemento extremadamente raro, pode acharse tamén en proporcións ínfimas (uns 0,2 ng/kg) como resultado da fisión espontánea do 235U.

Depósitos[editar | editar a fonte]

No Gran Lago do Oso, nos Territorios do Noroeste, Canadá, hai unha importante mina de pechblenda, onde se encontra en grandes cantidades asociada con prata, e algunhas das menas máis puras en uranio atópanse no Lago Athabasca, ao norte de Saskatchewan. Hai uraninita en Australia, Alemaña, Inglaterra, Suráfrica e Estados Unidos.

O mineral de uranio procésase xeralmente na mesma zona na que se extrae, pulverizándose nunha torta amarela (óxido de uranio), que é un paso intermedio no procesado do uranio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Educación e Ciencia; Minerais - Uraninita (en castelán)
  2. Mindat.org - Uraninita (en inglés)
  3. Veselovsky, F., Ondrus, P., Gabsová, A., Hlousek, J., Vlasimsky, P., Chernyshew, I.V. (2003). Who was who in Jáchymov mineralogy II. Journal of the Czech Geological Society 48 (3-4 ed.). pp. 93–205. 
  4. Mindat.org - Pechblenda (en inglés)
  5. Schüttmann, W. (1998). Das Erzgebirge und sein Uran. RADIZ-Information 16. pp. 13–34. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]