Unha primavera para Aldara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Unha primavera para Aldara
Autor/aTeresa Moure
LinguaGalego
ColecciónFóra de Xogo
Xénero(s)Teatro
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.2009
FormatoTapa branda
Páxinas242
ISBNISBN 978-84-9914-027-8

Unha primavera para Aldara é unha obra de teatro de Teresa Moure. A peza é un drama histórico ambientada nun mosteiro galego na segunda metade do século XV, no marco da Gran Guerra Irmandiña. Acadou o Premio Rafael Dieste e o Premio da AELG en 2008, e o Premio María Casares ó mellor texto orixinal en 2009. Foi levada a escena por Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago.

Trama[editar | editar a fonte]

Nun pequeno mosteiro viven oito mulleres: a abadesa, a prioresa, unha boticaria, unha muller leiga que non asume todos os votos, dúas novizas, unha viúva retirada e a criada desta. Amais, teñen unha recadeira, Elvira, que é maltratada polo seu marido e ten un preito aberto por ese motivo. O mosteiro ten terras aforadas a labregos, pero pasa penurias económicas por non reclamalos.

Un día pide acollida no mosteiro Don Nuno, un cabaleiro que fai fronte ao Conde de Lemos na Gran Guerra Irmandiña. Alí pasa dous meses, desde febreiro a abril. Ao ir curarlle as feridas, Aldara -a abadesa- descobre que Don Nuno é en realidade unha muller, chamada Nona. Co tempo inician unha relación amorosa. Pola súa banda, Xoana -a leiga- ten amoríos cun labrego, e Sancha -a criada da muller viúva- ten unha relación con Pero, o criado de Don Nuno.

Don Nuno, xa recuperado, volve á guerra. Xoana queda preñada e a comunidade coida da meniña. Ao cabo dun tempo chegan ao mosteiro dous frades dominicos enviados polo bispo para velar pola boa xestión do mosteiro, co propósito de desposuír ás monxas do mesmo e convertelo en seminario. A boticaria, con celos da abadesa, acusa Aldara ante os frades de ser a nai da meniña, conseguindo así o favor do bispo para se converter ela en abadesa doutro convento.

De socato chega Pero para informar da morte de Don Nuno, indicando que o seu desexo era ser soterrado a carón do mosteiro.

Narración[editar | editar a fonte]

O texto publicado inclúe acoutamento do espazo, do vestiario, das idades dos personaxes e mesmo recomendacións musicais. Amais, ten un prólogo no que explica a evolución da obra desde a idea orixinal até a súa representación e posterior edición.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Aldara, a abadesa do mosteiro.
  • Don Nuno, cabaleiro irmandiño.
  • Xenebra, prioresa do mosteiro.
  • Carola, a boticaria.
  • Xoana, leiga.
  • Xenoveva e Sabela, novizas.
  • Dona Maior, muller viúva que vive retirada no mosteiro.
  • Sancha, criada de Dona Maior.
  • Elvira, recadeira do mosteiro.
  • Pero, criado de Nuno.
  • Xoán, labrego, parella de Xoana.
  • Pregoeiro.
  • Frei Miguel Lucientes, inquisidor dominico.
  • Frei Paulino de Cerceda, compañeiro do inquisidor.

Representacións[editar | editar a fonte]

Foi estreada en 2009 por Teatro do Atlántico, cun elenco formado por María Barcala, María Bouzas, Belén Constenla, Marcos Correa, Xosi Laxe, Amparo Malo, Xoán Carlos Mexuto, Pilar Pereira, Lucía Regueiro e Agustín Vega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na páxina web da editorial.