Tripanosomátidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre a orde Trypanosomatida, ver tamén o xénero Trypanosoma.

Os tripanosomátidos (Trypanosomatida) son un grupo de protozoos cinetoplástidos con categoría de orde que se distinguen por ter un só flaxelo. O nome deriva do grego trypano (trade) e soma (corpo) porque as especies máis características se desprazan cun movemento de sacarrollas. Todos os membros do grupo son exclusivamente parasitos, fundamentalmente de insectos.[1] Uns poucos xéneros teñen ciclos de vida que implican un hóspede secundario, o cal pode ser un vertebrado, invertebrado ou planta. Entre eles hai varias especies que causan importantes enfermidades nos humanos.[2]

A tres principais enfermidades humanas causadas por tripanosomátidos son: tripanosomíase africana (ou enfermidade do sono, causada por Trypanosoma brucei), tripanosomíase suramericana (ou enfermidade de Chagas, causada polo Trypanosoma cruzi), e leishmaníase (un conxunto de enfermidades tripanosómicas causadas por varias especies do xénero Leishmania).

Os membros antigos do grupo coñécese por fósiles como o do xénero extinguido Paleoleishmania preservado en ámbar de Birmania que data da idade ou piso Albiano (hai 100 millóns de anos no Cretáceo) e en ámbar dominicano do Burdigaliano (hai 20-15 millóns de anos no Neóxeno).[3] Do xénero Trypanosoma hai tamén fósiles na República Dominicana da especie extinguida Trypanosoma antiquus.[4]

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Algúns tripanosomátidos só viven nun hóspede, mentres que outros son heteróxenos, xa que viven en máis dunha especie hóspede ao longo do seu ciclo de vida. Estes ciclos de vida heteróxenos desenvólvense xeralmente nos intestinos de insectos que zugan sangue e o sangue ou outros tecidos dos vertebrados. Hóspedes máis raros son outros invertebrados que se alimentan de sangue, como as sambesugas, e outros organismos como as plantas. As diferentes especies presentan un variado rango de morfoloxías nos sucesivos estadios do seu ciclo de vida, e a maioría teñen polo menos dúas morfoloxías. Tipicamente, as formas promastigota e epimastigota encóntranse en hóspedes insectos, as formas tripomastigota na corrente sanguínea de mamíferos, e os amastigotas son intracelulares.

Morfoloxías[editar | editar a fonte]

As seis principais morfoloxías dos tripanosomátidos.

No ciclo de vida dos tripanosomátidos aparecen varias morfoloxías, que se distinguen principalmente pola posición, lonxitude e modo de unión ao corpo celular do flaxelo. O cinetoplasto está estreitamente asociado co corpo basal da base do flaxelo, e todas as especies de tripanosomátidos teñen un só núcleo. A maioría destas morfoloxías poden encontrarse nalgunha fase do ciclo de vida en todos os xéneros de tripanosomátidos, aínda que certas morfoloxías son particularmente comúns en determinados xéneros. As diversas morfoloxías foron nomeadas orixinalmente a partir do xénero onde esta morfoloxía se atopaba comunmente, aínda que esta terminoloxía se usa hoxe pouco pola potencial confusión que pode producirse entre as morfoloxías e os xéneros. A terminoloxía moderna deriva do grego "mastig", que significa látego (facendo referencia ao flaxelo), e un prefixo que indica a localización do flaxelo na célula. Por exemplo, a forma amastigota (co prefixo "a-", que significa sen) non ten flaxelo e coñécese tamén como forma leishmanial, xa que todas as especies de Leishmania teñen un estadio coa forma amastigota no seu ciclo de vida.

  • Amastigota (leishmanial).[5] Os amastigotas son unha morfoloxía común durante un estadio do ciclo de vida intracelular en hóspedes mamíferos. Todas as Leishmania teñen un estadio amastigota no seu ciclo de vida. Os amastigotas de Leishmania son especialmente pequenos e están entre as células eucarióticas máis pequenas. O flaxelo é moi curto, e proxéctase só lixeiramente máis alá do peto flaxelar.
  • Promastigota (leptomónada).[5] A forma promastigota é unha morfoloxía común nos hóspedes insectos. O flaxelo está en posición anterior con respecto ao núcleo e o flaxelo non está unido ao corpo celular (só á membrana polo corpo basal flaxelar). O cinetoplasto está localizado en fronte do núcleo, preto do extremo anterior do corpo celular.
  • Epimastigota (crithidial).[5] Os epimastigotas son unha forma común nos hóspedes insectos. Crithidia e Blastocrithidia, ambos os dous parasitos de insectos, presentan esta forma durante os seus ciclos vitais. O flaxelo sae da célula por diante do núcleo e está conectado co corpo celular en parte da súa lonxitude por medio dunha membrana ondulante. O cinetoplasto está localizado entre o núcleo e o extremo anterior.
  • Tripomastigota (tripanosomal).[5] Este estadio é característico do xénero Tripanosoma na corrente sanguínea de hóspedes mamíferos e tamén en estadios metacíclicos infectivos da mosca vector. Nos tripomastigotas o cinetoplasto está preto do extremo posterior do corpo celular, e o flaxelo esténdese unido ao corpo da célula na maioría da súa lonxitude por medio dunha membrna ondulante.
  • Opistomastigota (herpetomónada).[5] É unha morfoloxía máis rara na que o flaxelo é posterior ao núcleo, e pasa a través dun longo suco da célula.

Outras características[editar | editar a fonte]

Características notables dos tripanosomátidos son a súa capacidade de realizar o trans-splicing do ARN e a posesión de glicosomas nos cales se realiza boa parte da glicólise. O orgánulo acidocalcisoma identificouse por primeira vez en tripanosomas.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Podlipaev S (2001). "The more insect trypanosomatids under study-the more diverse Trypanosomatidae appears". Int. J. Parasitol. 31 (5-6): 648–52. PMID 11334958. doi:10.1016/S0020-7519(01)00139-4. 
  2. Simpson AG, Stevens JR, Lukes J (2006). "The evolution and diversity of kinetoplastid flagellates". Trends Parasitol. 22 (4): 168–74. PMID 16504583. doi:10.1016/j.pt.2006.02.006. 
  3. Poinar, G. (2008). "Lutzomyia adiketis sp. n. (Diptera: Phlebotomidae), a vector of Paleoleishmania neotropicum sp. n. (Kinetoplastida: Trypanosomatidae) in Dominican amber" 1. PMC 2491605. PMID 18627624. doi:10.1186/1756-3305-1-22. 
  4. Poinar, G. (2005). "Triatoma dominicana sp. n. (Hemiptera: Reduviidae: Triatominae), and Trypanosoma antiquus sp. n. (Stercoraria: Trypanosomatidae), the First Fossil Evidence of a Triatomine-Trypanosomatid Vector Association". Vector-Borne & Zoonotic Diseases 5 (1): 72–81. PMID 15815152. doi:10.1089/vbz.2005.5.72. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Hoare (1966). "Developmental Stages of Trypanosomatid Flagellates: a New Terminology". Nature 212 (5068): 1385–6. doi:10.1038/2121385a0. 
  6. Docampo R, de Souza W, Miranda K, Rohloff P, Moreno SN (2005). "Acidocalcisomes — conserved from bacteria to man". Nat. Rev. Microbiol. 3 (3): 251–61. PMID 15738951. doi:10.1038/nrmicro1097. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]