Flaxelados
Os flaxelados, Flagellata, mastigóforos ou Mastigophora (do grego mastix, látego, e phorein, levar) son un grupo heteroxéneo de protozoos considerado en antigas clasificacións caracterizados pola presenza dun ou máis flaxelos longos nalgunha ou en todas as fases do seu ciclo de vida. Non é un grupo monofilético, polo que non é un grupo natural (de parentesco) e non ten xa presenza nas clasificacións modernas, pero aparece nos tratados de hai algúns anos e aínda se segue mencionando nos textos elementais na clasificación dos protozoos. Os flaxelos sérvenlles para a locomoción e para a captura do alimento e poden ser receptores sensoriais.
Moitos flaxelados levan vida libre e solitaria, algúns son sedentarios e outros forman colonias que comprenden desde poucos ata miles de individuos. Son abondosos nas augas doces e salgadas, onde, xunto coas diatomeas, constitúen gran parte do alimento dalgúns pequenos animais acuáticos. Certo número de especies habitan no solo. Moitas especies conteñen plastos con pigmentos de cor; os que posúen clorofila poden fotosintetizar e, por pareceren afíns ás algas, clasificábanse a miúdo entre elas. Os flaxelados de vida libre poden moitas veces enquistarse para evitar as condicións desfavorables.
Outras moitas especies son parasitas e causan enfermidades importantes, tanto de invertebrados coma de vertebrados, incluíndo ao ser humano (entre elas os tripanosomas como Trypanosoma cruzi causante da enfermidade de Chagas, ou Trypanosoma brucei, causante da enfermidade do sono).
O corpo celular adoita ser de forma definida (non ameboide), oval, alongado ou esférico, cuberto por unha película, ou, en certos grupos, acoirazado. Presentan un núcleo simple situado no centro e reprodúcense por medio de fisión binaria lonxitudinal. A reprodución adoita ser por escisión múltiple e algúns grupos presentan reprodución sexual.
Antigamente os mastigóforos considerábanse unha clase taxonómica do filo dos protozoos (e noutras clasificacións un filo). Como algúns rizópodos (protozoos con pseudópodos) tamén posúen flaxelos en certas fases da súa vida, e certos mastigóforos pasan por fases ameboides, estas dúas clases considerábanse estreitamente relacionadas, e clasificábanse no filo Sarcomastigophora. A clase dos mastigóforos subdividíase tradicionalmente en dúas subclases: Phytomastigophorea (ou fitoflaxelados, protozoos cunha forma de vida similar á das plantas ou algas) e Zoomastigophorea (ou zooflaxelados, parecidos a animais).[1] Esta clasificación non ten ningún sentido actualmente. Hoxe os protozoos con flaxelos están clasificados en diversos grupos moi diferentes e non necesariamente relacionados entre si.
O termo flaxelado está incluído no nome doutros grupos mellor caracterizados taxonomicamente, como os dinoflaxelados ou coanoflaxelados [2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diccionario Enciclopédico Ilustrado de Medicina Dorland. 1996. McGraw-Hill - Interamericana de España. Vol. 4. ISBN 84-7615-986-2.
- ↑ Cavalier-Smith T (1995). "Zooflagellate phylogeny and classification". Tsitologiia 37 (11): 1010–29. PMID 8868448.