Tratado de Bucarest de 1913

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa étnico dos Balcáns

O tratado de paz de Bucarest (10 de agosto de 1913) puxo fin á Segunda Guerra dos Balcáns. Foi asinado polos representantes diplomáticos dos países intervenientes no devandito conflito: Bulgaria, Romanía, Serbia, Montenegro e Grecia.

Contexto[editar | editar a fonte]

Bulgaria, que fora derrotada na Segunda Guerra Balcánica, perdeu a maior parte dos territorios que conquistara en 1912 e 1913 ao Imperio Otomán durante a Primeira Guerra dos Balcáns: Serbia recibiu o norte de Macedonia, repartíndose con Montenegro o antigo sandjak turco de Novi Pazar; Grecia ocupou o sur de Macedonia e Salónica; mentres que, para rematar, Romanía obtivo a rexión da Silistria (ou Silistra), que se corresponde coa Dobruia meridional.

Seguindo o ronsel deste mesmo tratado, o Tratado de Constantinopla, asinado o 29 de setembro de 1913 na cidade turca de Istambul, fixou os límites territoriais entre Bulgaria e o Imperio Otomán: a liña Enos-Midia seguía sendo o punto de referencia, mais unha rectificación menor no seu trazado permitía ao Imperio Otomán a recuperación das cidades de Edirne (Adrianópole), Kirk-Kilisse e Demotica.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O Tratado non logra satisfacer as aspiracións de ningunha das partes, nin tampouco do resto de potencias con intereses na zona, contribuíndo ao agravamento da tensión nos Balcáns, o que a longo prazo desembocará no atentado de Saraxevo, detonante da primeira guerra mundial.

O Imperio Otomán, inmerso nun proceso de reconstrución nacionalista tras a chegada ao poder dos Mozos Turcos, desexa a recuperación do control turco sobre, polo menos, unha parte maior dos Balcáns, dos que tan recentemente se viu privado. Este feito provocará o aliñamento do Imperio xunto ás Potencias Centrais durante a primeira guerra mundial.

Bulgaria seríaa gran perdedora, xa que foi incapaz de construír a súa idea dunha Gran Bulgaria que incorporase toda a Macedonia, e a idea irredenta, co apoio de Rusia, transfórmase en apoio aos nacionalistas macedonios. E con maior motivo canto xa sufrira fortes recortes territoriais dende que o Tratado de San Estéfano en marzo de 1878

Grecia ve frustrado o seu desexo de ocupar toda a costa europea do Mar Exeo, xa que Bulgaria conserva unha pequena saída a ese mar; á vez que coa anexión definitiva da illa de Creta medra o seu irredentismo sobre outros territorios ocupados por poboación grega, tanto Chipre como a costa asiática do Exeo, especialmente Esmirna. Tamén medra o sentimento contrario aos italianos, motivado pola ocupación por estes do Dodecaneso dende a Guerra italo-turca.

Albania, malia obter a autonomía, segue nominalmente baixo dominio turco, á vez que nin Italia nin Serbia nin Montenegro agochan as apetencias sobre o territorio.

Serbia segue perseguindo unha saída cara ao Adriático, que só pode conseguir sexa mediante a ocupación de Albania, sexa ocupando Montenegro, ou enfrontándose a Austria-Hungría tentando ocupar Bosnia-Hercegovina. Co apoio de Rusia, convértese no puntal do paneslavismo na zona, potenciando as actividades de tipo subversivo en Bosnia e outras zonas de Austria-Hungría ocupadas por eslavos. A súa actuación impulsa grupos coma os responsables últimos do atentado de Saraxevo.

Montenegro, un minúsculo país, ve perigar a súa propia independencia polas apetencias de todos os seus veciños.

Romanía, que acaba de anexionar Dobruia, vólvese cara a outras zonas nas que reside poboación de etnia romanesa, como a Bucovina ou Transilvania, en poder de Austria-Hungría, ou Besarabia, integrada en Rusia dende 1812.

Italia, que sente frustrada pola súa tardía chegada á repartición colonial, sente que a súa zona de expansión é o Mediterráneo oriental, e multiplica as súas iniciativas tanto en relación coa costa de Dalmacia como respecto de Albania, así como en zonas do sur da actual Turquía, dende o seu territorio recentemente ocupado do Dodecaneso.

O Imperio Austrohúngaro ve como un conxunto de pequenos países rchan o seu soño de lograr unha saída estable ao Mediterráneo á conta de Turquía, á vez que coa expansión do nacionalismo entre o conxunto de pobos que o forman alenta ao irredentismo serbio, romanés ou italiano.