Torres de Arneiro
Coordenadas: 43°14′53″N 07°28′53″O / 43.24806, -7.48139
As chamadas Torres de Arneiro foron montadas en Arneiro e Momán, no concello lucense de Cospeito, comarca da Terra Chá, tras finalizar a guerra civil española. Trouxéronas desmontadas por pezas en camións desde Alemaña en 1942 xa que o material foi fabricado por C. Lorenz AG.
Historia[editar | editar a fonte]
O goberno do Xeneral Franco comprou a Alemaña dúas estacións de radionavegación que facilitasen o posicionamento e o seguimento dos submarinos U-Boots e avións no Atlántico Norte e augas do golfo de Biscaia. Instaláronse por aquela época dúas bases destas características: unha en Sevilla e as torres de Arneiro. Tratábase dunha tecnoloxía que os alemáns de Lorenz AG desenvolveran co nome de Electra-Sonne ou Sonne Consol.
Durante a segunda guerra mundial dise que a base sufriu avarías e aos alemáns foilles imposible facer chegar pezas de recambio para emendalas; no entanto, os británicos forneceron ditas pezas, mostrando así un claro exemplo de que estas antenas eran empregadas por ámbolos dous bandos.
En 1962, anos despois de rematada a contenda, as instalacións foron transferidas da Dirección Xeral de Protección de Voo do Exército do Aire de España á Dirección Xeral de Aviación Civil, prestando servizo de control de navegación aérea ata que en 1980 as antenas foron apagadas definitivamente, quedando fóra de servizo.
Actualidade[editar | editar a fonte]
Na actualidade a base atópase destruída e abandonada, coas tres torres derrubadas (de 102 metros de altura). A torre norte foi derrubada por efecto do vento durante o inverno de 2006. As outras dúas caeron na noite do 24 de xaneiro do 2009 polo temporal Klaus.
Varios grupos de radioafeccionados, servíndose de xeradores eléctricos aplicados a equipos de transmisión, conectaron as antenas, facéndoas funcionar, por exemplo, na primavera de 1997, na que se conseguiu que unha serie de mensaxes chegasen a toda Europa, Estados Unidos, África, Asia e ata Nova Zelandia, a 17.000 quilómetros de distancia.
Outras estruturas e elementos na zona[editar | editar a fonte]
Nos arredores da localización da antena central consérvanse tamén outros edificios, como o que albergaba os equipos de transmisión, un barracón dedicado a cociña, duchas e dormitorio, a sala de oficiais, un alxibe e un garaxe, no cal se sitúan os xeradores diésel de fabricación sueca. Unha inscrición gravada na base dun deles co logotipo do Exército do Aire informa de que as dependencias foron reformadas en 1947. Foron desvalixadas de todos os materiais de valor hai tempo.
Tamén na base das antenas se situaba unha pequena caseta metálica onde estaba colocada a unidade de sintonía da antena, sintonizador que servía pra compensar a reactancia capacitiva da antena.
A base de Arneiro dista uns 12 quilómetros do aeródromo de Rozas construído polo Exército do Aire nas mesmas datas.