Tornado Alley
Tornado Alley (en galego diríamos: calella dos tornados) é unha expresión popular usada en EUA para designar un amplo territorio do país onde os grandes tornados son máis frecuentes. Esta zona estaría comprendida entre as Montañas Rochosas e os Montes Apalaches.
Definición
[editar | editar a fonte]O Servizo Meteorolóxico Nacional, dependente da NOAA, non ten ningunha definición do Tornado Alley, polo que non existe oficialidade ao respecto. Segundo o Laboratorio Nacional para as Tormentas Severas, a orixe e difusión do termo procedería dos medios de comunicación, os cales o utilizan sen ningún criterio científico para designar un grande territorio con límites pouco definidos onde son frecuentes fenómenos meteorolóxicos deste tipo.[1]
Delimitación xeográfica e temporal
[editar | editar a fonte]Aínda que non existe ningún estado totalmente a salvo de tornados, os rexistros meteorolóxicos conclúen que son moito máis habituais nas Grandes Chairas comprendidas entre as Rochosas e os Apalaches, e de maneira excepcional Florida. Texas é, estatisticamente, o estado con maior número de tornados e mortes causados por estes de toda a federación.[2]
Os estados con maior número de tornados de carácter forte (= a F3 na escala Fujita) son, de sur a norte, Texas, Oklahoma, Kansas, Nebraska, Iowa, Colorado, Wyoming e Dakota do Sur, estados que comprende a Tornado Alley.[3] Os estados máis orientais teñen tamén fortes tornados, pero a frecuencia é menor.[4]
Os tornados tamén existen con bastante frecuencia e intensidade noutros lugares, como o sur das provincias canadenses de Ontario, Manitoba, Saskatchewan e Alberta. Outra zona considerada propicia para tornados en América do Norte, alén do extremo sur de Florida nos Estados Unidos de América, é a fronteira de Texas con México ao norte dos estados Mexicanos de Nuevo León, Coahuila e Tamaulipas.
A aparición de tornados está directamente relacionado co choque de masas de aire de distintas características. Estatisticamente, os tornados son máis frecuentes no Tornado Alley entre os meses de abril e setembro, o que se lle chama a temporada dos tornados.[3] Nestes meses, a influencia das masas cálidas orixinadas no golfo de México é moito maior e profunda cara ao norte. Durante o inverno os estados máis meridionais fican baixo o influxo destas masas de aire, rexistrando as taxas máis altas de tornados de todo o ano.[3]
Efectos na poboación
[editar | editar a fonte]Segundo o Centro Nacional de Predición de Tormentas, entre 1950 e 1997 producíronse 13.808 tornados no Tornado Alley. Estes causaron 1132 mortos e miles de millóns de dólares en danos materiais.[2][5] O tratamento nos medios é notable na zona do Tornado Alley, cun seguimento detallado por parte das televisións locais sobre a previsión e evolución das tormentas que poden xerar tornados. Ademais, existe unha avanzada rede de alertas de tornados controlada polo Servizo Meteorolóxico Nacional, con sirenas nos municipios para alertar a poboación e refuxios especialmente deseñados para estas catástrofes.
No corazón da Tornado Alley as normas de construción son máis esixentes que noutros locais dos Estados Unidos, esixindo teitos reforzados e unións máis fortes entre a construción e os alicerces.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ National Severe Storms Laboratory (ed.). "FREQUENTLY ASKED QUESTIONS. About Tornadoes..." (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2008. Consultado o 17 de febreiro de 2011.
- ↑ 2,0 2,1 USA Today, ed. (20 de maio de 2005). "Southeast tornadoes are nation's deadliest" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2011.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 National Climatic Data Center (ed.). "U.S. Tornado Climatology" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2007. Consultado o 17 de febreiro de 2011.
- ↑ NOAA (ed.). "F5 and EF5 Tornadoes of the United States (1950 - present)" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2011.
- ↑ O NCDC non ofrece exactamente datos sobre o Tornado Alley, a cifra é un sumatorio dos tornados e vítimas nos estados de Texas, Oklahoma, Kansas, Nebraska e Missouri.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nationalatlas.gov Estatísticas e cartografía sobre tornados nos EUA (en inglés)
- When and Where Do Tornadoes Occur? Artigo de Nationalatlas.gov sobre a frecuencia dos tornados analizado xeográfica e temporalmente (en inglés)