Tiny Thompson

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tiny Thompson
Hockey Hall of Fame, 1959
Thompson, como membro dos Boston Bruins a principios dos anos 1930s.
Nacemento 31 de maio de 1903
Sandon, Columbia Británica (Canadá)
Morte 9 de febreiro de 1981
Calgary, Alberta (Canadá)
Estatura 5 ft 0 in (152 cm)
Peso 160 lb (73 kg; 11 st 6 lb)
Posición G
Captura Esquerda
Xogou con Boston Bruins
Detroit Red Wings
Carreira 1928–1941

Cecil Ralph "Tiny" Thompson, nado en Sandon (Columbia Británica, Canadá) o 31 de maio de 1903 e finado en Calgary (Alberta, Canadá) o 9 de febreiro de 1981, foi un porteiro de hóckey sobre xeo profesional.

Xogou durante 12 tempadas na National Hockey League (NHL), primeiro nos Boston Bruins, e posteriormente nos Detroit Red Wings. Gañador en catro ocasións o Vezina Trophy, Thompson foi engadido ó Hockey Hall of Fame en 1959. Foi membro do equipo campión da Stanley Cup na tempada 1928-29 sendo rookie[a] cos Boston Bruins. Ao principio da tempada 1938–39, logo de dez tempadas completas en Boston, foi traspasado aos Detroit Red Wings, onde completou a tempada e xogou outra tempada completa antes de retirarse. Durante a súa carreira na NHL, acreditou 81 shutouts,[b] o sexto rexistro máis alto de calquera porteiro. Despois de retirarse como xogador, Thompson adestrou equipos de ligas menores antes de converterse nun destacado adestrador profesional. Thompson axudou a popularizar a técnica de agarrar o disco (en inglés, puck) como método de realizar unha parada. Un puckhandler competente, foi o primeiro porteiro na NHL en realizar unha asistencia pasando o disco co seu stick a un xogador de campo.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Thompson naceu na comunidade mineira de Sandon, Columbia Británica. Medrou en Calgary, Alberta, onde o seu irmán, Paul —que tamén chegou a ser xogador de hóckey sobre xeo profesional- naceu en 1906.[1] Sendo neno gustáballe xogar ao béisbol e ao hóckey sobre xeo.[1] Inicialmente, Thompson non era porteiro, aínda que estivo de acordo en xogar nesa posición para entrar nos partidos.[2] Na adolescencia xogou competicións de hóckey sobre xeo, adquirindo o alcume de "Tiny" ("Pequeno") como broma, xa que el era o xogador máis alto do equipo, medindo 1,78 m; o alcume acompañouno durante toda a súa carreira.[3]

Thompson comezou a súa carreira júnior xogando nos Calgary Monarchs en 1919 aos 16 anos. Competiu pola Memorial Cup, outorgada aos campións do hóckey sobre xeo canadense en categoría júnior ese ano, xogando dous partidos e recibindo 11 goles, unha cantidade respectable na época. Despois de pasar a tempada 1920–21 xogando nos Calgary Alberta Grain, Thompson xogou tres tempadas en Bellevue, Alberta. Na tempada 1924–25 uniuse aos Duluth Hornets, xogando 40 partidos, rexistrando un shutout en 11 deles.[4] Na seguinte tempada, Thompson uniuse aos Minneapolis Millers da American Hockey Association (AHA). Nas súas tres tempadas cos Millers, Thompson xogou 118 partidos, cuns rexistros de 33 shutouts cunha media de goles en contra (GAA) de 1,37 (media de goles encaixados nun lapso de sesenta minutos).[4][5]

Carreira na NHL[editar | editar a fonte]

Boston Bruins[editar | editar a fonte]

Thompson rexistrou na súa primeira tempada nos Bruins a segunda mellor media de goles en contra por detrás de George Hainsworth (na imaxe), dos Montreal Canadiens.

Thompson comezou a súa carreira na National Hockey League (NHL) nos Boston Bruins na tempada 1928–29 logo de que o seu contrato fora adquirido polo preparador de Boston Art Ross. A pesar de que nunca vira xogar a Thompson, Ross escoitara falar da boa reputación que tiña en Minnesota.[3] No seu primeiro partido conseguiu un shutout, converténdose no único porteiro do Hockey Hall of Fame en conseguir este fito.[6] Na súa primeira tempada, Thompson apareceu nos 44 partidos que xogaron os Bruins, conseguindo un total de 12 shutouts e un 1.15 de media de goles en contra (GAA), a segunda menor media de goles en contra na historia da NHL ata a data, segundo fronte aos 0,98 de media de George Hainsworth. Hainsworth establecera o seu récord esa mesma tempada.[4] Clasificados na primeira posición da American Division, os Bruins fixeron unha marca perfecta nos play-offs para conseguir a súa primeira Stanley Cup, derrotando primeiro aos Montreal Canadiens (3-0), e aos New York Rangers na final (2-0).[7] Thompson logrou un rexistro de tres shutouts nos cinco partidos que xogou nos play-offs, e encaixou tan só tres goles.[4]

Na tempada seguinte, Thompson apareceu de novo nos 44 partidos que xogaron os Bruins, rexistrando tres shutouts e unha media de 2.19 goles en contra. A liga cambiou as súas regras no que respecta ao pase adiantado, o que deu como resultado un incremento na capacidade goleadora.[4] Boston gañou todos os partidos menos seis cun rexistro de 38–5–1, a maior porcentaxe de vitorias dun equipo nunha tempada.[8] Encaixando tan só 98 goles, Thompson superou ao porteiro de Chicago Charlie Gardiner para conseguir o primeiro dos seus catro trofeos Vezina.[9] O trofeo Vezina é entregado ao mellor porteiro da liga, que foi determinado antes da tempada 1981–82 polo número de goles encaixado polos porteiros que tiveran xogado un número mínimo de partidos.[10] Nos play-offs, porén, sufriron a súa primeira racha de dous partidos perdidos, xa que foron derrotados por 2-0 polos Canadiens nas finais da Stanley Cup.[11] A principios dos play-offs, a racha gañadora de Thompson con sete vitorias nos play-offs rompeuse; mais segue a ser, en 2014, a maior racha gañadora para un xogador nos inicios da súa carreira.[12]

Na tempada 1930–31 xogou todos os partidos da liga regular (44),[4] e foi nomeado no segundo equipo All-Star.[13] Nos play-offs, Boston perdeu nas semifinais fronte aos Montreal Canadiens; durante o segundo partido das series Tompson converteuse no primeiro porteiro en ser cambiado por un sexto home de ataque ao final do partido para dar ao seu equipo unha maior capacidade para marcar un gol. Aínda que Boston perdeu, a manobra do adestrador Art Ross foi descrita como "incrible" o día seguinte, e esta táctica, coñecida como "open net", popularizouse entre o resto dos equipos da liga.[14]

Os Bruins ausentáronse dos play-offs por primeira vez na carreira de Thompson na tempada 1931–32. Gañou tan só 13 partidos, tendo xogado en 43 dos 48 partidos xogados por Boston, sendo a única vez que se perdeu partidos como membro dos Bruins.[4][8] Na tempada seguinte, Boston clasificouse de novo para os play-offs, perdendo fronte aos Toronto Maple Leafs (3-2). O último partido da serie foi descrito como o partido máis memorable de Thompson.[15] Durante este partido, Toronto e Boston estaban empatados ao final do tempo regulamentario e con cerca de 100 minutos de prolongación, con Thompson en duelo co porteiro de Toronto Lorne Chabot. Logo do final da quinta prórroga, os propietarios dos equipos, Conn Smythe dos Maple Leafs e Art Ross dos Bruins, pedíronlle ao presidente da liga Frank Calder que suspendera o partido, mais Calder negouse. A principios da sexta prórroga, un pase do defensa de Boston Eddie Shore foi interceptado, e Ken Doraty patinou nunha escapada, superando limpamente a Thompson no minuto 4:46 do período. O porteiro perdedor no segundo partido máis longo da NHL, Thompson, recibiu unha ovación do público do Maple Leaf Gardens posto en pé.[15] Thompson finalizou a súa participación nas series cunha media de 1,23 goles en contra, a pesar do rexistro perdedor do seu equipo.[4]

Thompson converteuse no segundo porteiro en gañar o seu segundo trofeo Vezina na tempada 1932–33 dende a súa instauración na tempada 1926–27,[16] cando fixo un rexistro de 11 shutouts e unha media de goles en contra de 1,76.[10] Despois de non clasificarse para os play-offs na tempada 1933–34, os Bruins recuperaron a primeira praza na American Division a seguinte tempada,[17] cando Thompson foi nomeado no segundo equipo All-Star por segunda vez.[13] Nos play-offs, os Bruins gañaron só un dos seus catro partidos; a única vitoria do equipo estivo cimentada nun shutout de Thompson, que finalizou os play-offs cunha media de goles en contra de 1,53.[4]

Na tempada 1935-36, Thompson conseguiu 10 shutouts, mais Boston so puido gañar 22 dos seus 48 partidos. Durante a tempada conseguiu unha asistencia, unha rareza para os porteiros.[3] Ao final da tempada foi nomeado no primeiro equipo All-Star por primeira vez,[13] e gañou o trofeo Vezina por terceira vez, empatando con George Hainsworth na daquela mellor marca de todos os tempos, tres trofeos.[10][18] Os dous partidos que seguiron, nunha serie de contrastes fronte aos Toronto Maple Leafs, o resultado total de goles foi dunha vitoria dos canadenses sobre os Bruins por 8–6. Nun partido, os Bruins gañaron sen encaixar un só gol aos de Toronto (6-0), mentres que perderon o outro partido por 8–0.[4] Na tempada 1937–38, a súa última tempada completa cos Bruins, Thompson gañou 30 dos 48 partidos que xogou o seu equipo na liga regular, mais Boston perdeu de novo fronte aos Maple Leafs unha vez máis nos play-offs.[19] Thompson estableceu un novo récord ao gañar o seu cuarto e último trofeo Vezina.[20] Tamén foi nomeado no primeiro equipo All-Star por segunda vez.[13]

Detroit Red Wings[editar | editar a fonte]

Thompson apareceu tan só en cinco partidos dos Bruins na tempada 1938–39,[4] cando Boston decidiu substituír o envellecido porteiro polo notablemente máis novo Frank Brimsek. Brimsek pasaría a liderar aos Bruins ata a vitoria na Stanley Cup esa tempada, gañándose o alcume de "Mister Zero" ao conseguir 10 shutouts na liga regular, o trofeo Vezina, o nomeamento no primeiro equipo All-Star, e o Calder Memorial Trophy, que é entregado "ao xogador seleccionado como o máis competente no seu primeiro ano de competición".[21][22] Para facerlle espazo a Brimsek, Thompson foi traspasado aos Detroit Red Wings a cambio de Normie Smith e 15.000$; Thompson tamén recibiu un bonus de 1.000$ de Boston.[23]

O preparador de Boston Art Ross predixo que Thompson, daquela con 35 anos, xogaría para os Red Wings durante ao menos outras cinco tempadas; porén, Thompson permaneceu no equipo de Detroit tan só dúas tempadas máis antes de retirarse como xogador. Os Red Wings rexistraron un balance negativo esas dúas tempadas, aínda que chegaron aos play-offs nas dúas ocasións. En total, Thompson apareceu en 85 partidos de liga regular con Detroit, conseguindo un rexistro de 32–41–12, sete shutouts, e unha media de 2,54 goles en contra,[23] e en 11 partidos de play-off, conseguiu un rexistro de 5–6, cun shutout e unha media de 2,41 goles en contra.[4]

Carreira despois da NHL[editar | editar a fonte]

Despois de retirarse como xogador do hóckey sobre xeo profesional, Thompson converteuse no adestrador dos Buffalo Bisons da American Hockey League (AHL) na tempada 1940–41.[23] Adestrou 56 partidos en dúas tempadas. Os Bisons perderon os play-offs as dúas tempadas.[24] Participou como porteiro nun partido na tempada 1940–41. Durante a segunda guerra mundial, Thompson serviu na Royal Canadian Air Force e dobrou como adestrador dos Calgary RCAF Mustangs da Alberta Senior Hockey League. Thompson levou aos Mustangs ás series finais da liga na tempada 1942–43 fronte ao equipo da Calgary Currie Army, onde as lesións dos porteiros dos Mustangs o levaron ao xeo de novo en marzo de 1943. Con Thompson na portería, os Mustangs derrotaron ao Currie Army 8–4 para empatar a dous partidos a serie ao mellor de cinco partidos.[25] Xogou o partido decisivo, mais o seu equipo non chegou a gañar o título de Alberta tras perder por 3 goles a 1 fronte ao Currie Army.[26] Despois da guerra, Thompson converteuse no cazatalentos do Oeste do Canadá para os Chicago Black Hawks.[15] Foi un dos poucos cazatalentos da época que tratou de descubrir a personalidade do xogador ademais das súas habilidades de xogo. Thompson falou frecuentemente cos xogadores como parte dun esforzo para aprender sobre os xogadores que estaba a seguir.[27]

Estilo de xogo[editar | editar a fonte]

Thompson era un porteiro que paraba de pé (stand-up), que en raras ocasións caía sobre os seus xeonllos para deter o disco. Foi un dos primeiros porteiros da NHL que colleu o disco coa man para facer unha parada, e axudou a popularizar esta técnica. Usando luvas que eran máis pequenas que as doutros xogadores, foi un dos mellores colledores de disco (puck-catchers) da súa era. Permanecía na traxectoria do disco cun acolchamento mínimo, correndo perigo de ser golpeado ao moverse para collelo en lugar de simplemente desvialo lonxe da rede. A súa técnica, que moi frecuentemente aparece nas súas fotografías, implicaba caer sobre un dos seus xeonllos coa pa do seu stick cubrindo os cinco buratos (five-hole), e estendendo a súa luva para cubrir a parte esquerda da rede. Aínda que collía o disco coa luva, tamén o fixo sen luvas asemellándose á combinación moderna de luvas bloqueadoras e atrapadoras. Thompson foi descrito por Johnny Bower, un antigo porteiro que foi engadido ó Hockey Hall of Fame, como un bo puckhandler, e un dos mellores do seu tempo en pases cara a adiante. Na tempada 1935–36, Thompson converteuse no primeiro porteiro en dar unha asistencia ao pasar intencionadamente o disco co seu stick a un compañeiro.[1][3]

Legado[editar | editar a fonte]

A porcentaxe de puntos de Thompson nunha tempada con .875, conseguida na tempada 1929–30, continúa a ser un récord.[28] As súas 38 vitorias durante esa tempada foron un récord nos Bruins que só quedou eclipsado na tempada 1982–83, por Pete Peeters (quen gañou 40 de 62 partidos xogados); dende aquela, ningún porteiro dos Bruins conseguiu máis de 37 vitorias nunha tempada.[29] Thompson é o líder de todos os tempos dos Bruins en partidos, vitorias, shutouts e media de goles en contra.[30] Ao longo da súa carreira na NHL, Thompson acumulou 81 shutouts, o que o sitúa no sexto posto en toda a historia da NHL,[6] e foi segundo por detrás de George Hainsworth (que tiña 94) cando Thompson se retirou.[31] Tamén acadou sete shutouts nos play-offs.[32] É o quinto porteiro de todos os tempos en media de goles en contra, promediando só 2,08 goles nun lapso de 60 minutos.[33] Liderou a todos os porteiros en partidos xogados na liga regular en 10 ocasións, e en vitorias na liga regular cinco veces.[32]

En 1959, Thompson foi engadido ó Hockey Hall of Fame. Morreu en Calgary o 9 de febreiro de 1981.[34] Sobrevivírono a súa muller, Edith, e a súa filla, Sandra.[35]

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Liga regular[editar | editar a fonte]

Tempada Equipo Liga PX V D E MIN GC SO GAA[c]
1925–26 Minneapolis Millers CHL 36 2160 59 10 1.64
1926–27 Minneapolis Millers AHA 38 17 11 10 2253 51 9 1.42
1927–28 Minneapolis Millers AHA 40 28 7 5 2475 51 12 1.23
1928–29 Boston Bruins NHL 44 26 13 5 2710 52 12 1.15
1929–30 Boston Bruins NHL 44 38 5 1 2680 98 3 2.19
1930–31 Boston Bruins NHL 44 28 10 6 2730 90 3 1.98
1931–32 Boston Bruins NHL 43 13 19 11 2698 103 9 2.29
1932–33 Boston Bruins NHL 48 25 15 8 3000 88 11 1.76
1933–34 Boston Bruins NHL 48 18 25 5 2980 130 5 2.62
1934–35 Boston Bruins NHL 48 26 16 6 2970 112 8 2.26
1935–36 Boston Bruins NHL 48 22 20 6 2930 82 10 1.68
1936–37 Boston Bruins NHL 48 23 18 7 2970 110 6 2.22
1937–38 Boston Bruins NHL 48 30 11 7 2970 89 7 1.80
1938–39 Boston Bruins NHL 5 3 1 1 310 8 0 1.55
1938–39 Detroit Red Wings NHL 39 16 17 6 2397 101 4 2.53
1939–40 Detroit Red Wings NHL 46 16 24 6 2830 120 3 2.54
1940–41 Buffalo Bisons AHL 1 0 0 0 40 1 0 1.50
Totais na NHL 553 284 194 75 34,175 1183 81 2.08
  • Todas as estatísticas poden consultarse nos sitios web da NHL, Eliteprospects e The Internet Hockey Database.[36][37][38]

Playoffs[editar | editar a fonte]

Tempada Equipo Liga PX V D E MIN GC SO GAA
1925–26 Minneapolis Millers CHL 3 3 0 0 180 1 2 0.33
1926–27 Minneapolis Millers AHA 6 3 3 0 361 8 1 1.33
1927–28 Minneapolis Millers AHA 8 4 0 4 520 3 5 0.38
1928–29 Boston Bruins NHL 5 5 0 0 300 3 3 0.60
1929–30 Boston Bruins NHL 6 3 3 0 432 12 0 1.67
1930–31 Boston Bruins NHL 5 2 3 0 343 13 0 2.27
1932–33 Boston Bruins NHL 5 2 3 0 438 9 0 1.23
1934–35 Boston Bruins NHL 4 1 3 0 275 7 1 1.53
1935–36 Boston Bruins NHL 2 1 1 0 120 8 1 4.00
1936–37 Boston Bruins NHL 3 1 2 180 8 1 2.67
1937–38 Boston Bruins NHL 3 0 3 212 6 0 1.70
1938–39 Detroit Red Wings NHL 6 3 3 374 15 1 2.41
1939–40 Detroit Red Wings NHL 5 2 3 300 12 0 2.40
1942–43 Calgary RCAF Mustangs CNDHL 4 11 0 3.00
Totais na NHL 44 20 24 0 2974 93 7 1.88
  • Todas as estatísticas poden consultarse nos sitios web da NHL, Eliteprospects e The Internet Hockey Database.[36][37][38]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

NHL[editar | editar a fonte]

Título Anos
Vezina Trophy 1930, 1933, 1936, 1938[4]
Porteiro do Primeiro equipo All-Star 1936, 1938[4]
Porteiro do segundo equipo All-Star 1931, 1935[4]
Stanley Cup 1929[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rookie é un termo anglosaxón para nomear ós xogadores que debutan cada ano nunha competición deportiva.
  2. En hóckey sobre xeo un shutout consiste en que o porteiro dun equipo consiga non encaixar ningún gol ao final do partido.
  3. Goals against average, en galego, "media de goles en contra".
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Allen, Duff & Bower 2002, p. 50
  2. Fischler 2001, p. 133
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Allen, Duff & Bower 2002, p. 51
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 "Tiny Thompson—Career statistics". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2008-08-25. 
  5. "Tiny Thompson—Biography". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2008-08-25. 
  6. 6,0 6,1 Allen, Duff & Bower 2002, p. 49
  7. "1928–29 Boston Bruins statistics". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2008. Consultado o 2008-08-25. 
  8. 8,0 8,1 "Boston Bruins season". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2014. Consultado o 2008-08-25. 
  9. "1929–30 Vezina Trophy Winner—Tiny Thompson". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2009-05-02. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Vezina Trophy". NHL. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2006. Consultado o 2008-08-25. 
  11. "1929–30 Boston Bruins statistics". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2008. Consultado o 2008-08-25. 
  12. Weekes & Banks 2004, p. 187
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "Tiny Thompson: Notes". NHL. Consultado o 2008-12-07. 
  14. Duplacey & Diamond 2000, p. 187
  15. 15,0 15,1 15,2 Fischler 2001, p. 134
  16. "1932–33 Vezina Trophy Winner—Tiny Thompson". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2009-05-02. 
  17. "1934–35 Boston Bruins statistics". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2008. Consultado o 2008-08-25. 
  18. "1935–36 Vezina Trophy Winner—Tiny Thompson". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2009-05-02. 
  19. "1937–38 Boston Bruins statistics". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2008. Consultado o 2008-08-25. 
  20. "1937–38 Vezina Trophy Winner—Tiny Thompson". Hockey Hall of Fame. Consultado o 2009-05-02. 
  21. "Calder Memorial Trophy". nhl.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2006. Consultado o 2007-08-21. 
  22. Fischler 2003, p. 45
  23. 23,0 23,1 23,2 "Cecil (Tiny) Thompson 1939–40". Detroit Red Wings. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2007. Consultado o 2008-08-25. 
  24. "Cecil "Tiny" Thompson". hockeydb.com. Consultado o 2008-08-25. 
  25. "Mustangs flying high for 8–4 victory to deadlock series". Calgary Herald. 1943-03-18. p. 14. 
  26. "Currie gives classy display to win provincial title". Calgary Herald. 1943-03-19. p. 12. 
  27. Tennant, Jack (1981-02-13). "In memory of Tiny Thompson". Calgary Sun. p. 5. 
  28. "Season Leaders and Records for Points Percentage (Goalie)". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2008. Consultado o 2008-12-19. 
  29. "Boston Bruins Season Leaders". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2008. Consultado o 2008-12-19. 
  30. "Boston Bruins Career Leaders". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2008. Consultado o 2008-12-19. 
  31. "Career Leaders and Records for Shutouts". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2008. Consultado o 2008-12-19. 
  32. 32,0 32,1 "Tiny Thompson". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2008. Consultado o 2008-08-25. 
  33. "Career Leaders and Records for Goals Against Average". Sports Reference, LCC. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2008. Consultado o 2008-12-19. 
  34. "Cecil (Tiny) Thompson". New York Times. 1981-02-12. Consultado o 2008-08-25. 
    O artigo foi publicado o xoves 12 de febreiro de 1981, con data do artigo do 11 de febreiro; o artigo indica que a súa morte foi o luns, o 9 de febreiro, o que concorda cos datos do Hockey Hall of Fame.
  35. "Obituaries". Calgary Sun. 1981-02-11. p. 44. 
  36. 36,0 36,1 Estatísticas da carreira de Tiny Thompson en Hockeydb
  37. 37,0 37,1 National Hockey League. "Ficha de Tiny Thompson" (en inglés). NHL.com. 
  38. 38,0 38,1 Estatísticas de Tiny Thompson en Eliteprospects.com (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
George Hainsworth
Gañador do Vezina Trophy
1930
Sucesor:
Roy Worters
Predecesor:
Charlie Gardiner
Gañador do Vezina Trophy
1933
Sucesor:
Charlie Gardiner
Predecesor:
Lorne Chabot
Gañador do Vezina Trophy
1936
Sucesor:
Normie Smith
Predecesor:
Normie Smith
Gañador do Vezina Trophy
1938
Sucesor:
Frank Brimsek