Minneapolis Millers (AHA)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Minneapolis Millers
Fundación1925 (desaparecido en 1950)
CidadeMinneapolis seal.gif Minneapolis
Flag of Minnesota.svg Minnesota
Estados Unidos de América Estados Unidos
EstadioMinneapolis Arena
(5.500 espectadores)
LigaAmerican Hockey Association
Campionatos2 (1927-28, 1936–37)

Os Minneapolis Millers foron un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Minneapolis, Minnesota (Estados Unidos). O equipo xogou na American Hockey Association (AHA) en dous períodos, gañando dous títulos de liga nas tempadas 1927-28 e 1936–37. Os Millers xogaban os seus partidos como local no Minneapolis Arena, un pavillón con capacidade para 5.500 espectadores.[1]

Entre 1925 e 1928, o equipo contou nas súas filas con Cecil « Tiny » Thompson, futura estrela da National Hockey League, que chegou aos Boston Bruins antes de iniciar a tempada 1928-29 e que gañaría unha Stanley Cup na súa primeira tempada na franquía de Boston.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes dos Millers remóntanse a 1925, cando o equipo comezou a participar de xeito semiprofesional na Central Hockey League (CHL), pasando a formar parte da American Hockey Association (AHA) a partir da tempada seguinte xunto cos outros equipos da CHL.[3] Na súa primeira tempada na AHA os Millers chegaron á final do campionato dirixidos polo canadense Lloyd Turner, mais caeron fronte aos Duluth Hornets nos play-offs por 3 a 0.[4][5] Ao ano seguinte, tamén con Turner no banco, o equipo proclamouse campión de liga por primeira vez nos seus tan só tres anos de existencia, porén na súa terceira tempada na AHA caerían na primeira rolda dos play-offs na que foi a última tempada de Turner no banco do equipo de Minnesota.[4]

Despois da Marcha de Turner, os Millers atravesaron unha crise nos seus resultados, xa que nin Bill "Red" Stuart na 1929-30, nin John "Nip" Dwan na 1930-31 conseguiron meter ao equipo nos play-offs.[4] De feito 1931 foi o último ano que o equipo competiría na AHA, volvendo a unha revivida Central Hockey League na que competían só equipos de Minnesota. En 1935, coa desaparición da CHL o equipo regresou á AHA, gañando o seu segundo e último título da competición na tempada do seu retorno con Harold "Joe" Simpson, con quen o equipo chegaría á final na tempada seguinte, perdendo fronte aos St. Louis Flyers por 3 partidos a 0, curiosamente o mesmo rival e o mesmo resultado que o ano anterior.[3][4][5] Os tres anos seguintes non foron mellores, e o equipo nin tan sequera conseguiu superar a primeira rolda das series finais. Finalmente na tempada 1941-42, que sería a última do equipo na AHA, os Millers non foron capaces de clasificarse para os play-offs.[4]

En 1942 o equipo cesou as súas actividades durante a segunda guerra mundial, sendo reestablecido na United States Hockey League en 1945.[3] Os dous primeiros anos dos Millers na USHL non foron bos, na primeira tempada o equipo non se clasificou para os play-offs, e na segunda caeron na primeira rolda. Porén, no seu terceiro ano na competición, e con Bill Cook no banco os de Minneapolis chegaron á final da liga, caendo fronte aos Houston Huskies por 3-2, malia ter comezado gañando o primeiro partido da serie.[4][6] Despois dunha tempada sen xogar as series polo título, na tempada 1949-50 os Millers volveron loitar polo título logo de clasificarse na segunda posición da liga por detrás dos Omaha Knights. Logo de desfacerse na primeira rolda dos St. Paul Saints por 3 partidos a 0, os Millers se enfrontaron na final aos de Omaha gañando a final en catro partidos despois de que os de Nebrasca se impuxeran no primeiro duelo.[7][8] Finalmente o equipo desapareceu en 1950.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Minnesota's Hockey Heritage (ed.). "Minneapolis Arena" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  2. legendsofhockey.net (ed.). "Legends of Hockey -- The Legends -- Honoured Player -- Thompson, Tiny" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 eurohockey.com (ed.). "Minneapolis Millers" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 hockeydb.com (ed.). "Minneapolis Millers Statistics and History [AHA]" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 hockeyleaguehistory.com (ed.). "Minor Professional Hockey Leagues. American Hockey Association (1926-1942)" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  6. hockeydb.com (ed.). "1947-48 USHL Playoff Results" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  7. hockeydb.com (ed.). "1949-50 United States Hockey League Standings" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 
  8. hockeydb.com (ed.). "1949-50 USHL Playoff Results" (en inglés). Consultado o 2 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]