Saltar ao contido

The Wizard of Oz (filme de 1939)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Wizard of Oz
Póster do filme
Ficha técnica
Título orixinalThe Wizard of Oz
DirectorVictor Fleming
ProdutorMervyn LeRoy
Guión
Baseado enO marabilloso mago de Oz de L. Frank Baum
Intérpretes
MúsicaHerbert Stothart
FotografíaHarold Rosson
MontaxeBlanche Sewell
EstudioMetro-Goldwyn-Mayer
DistribuidoraLoew's, Inc.[1]
Estrea25 de agosto de 1939
Duración101 minutos[2]
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroMusical, fantasía
Orzamento2,8 millóns de dólares[3][4]
Recadación26,3 millóns de dólares[4]
Na rede
http://thewizardofoz.warnerbros.com
IMDB: tt0032138 Filmaffinity: 615537 Allocine: 29738 Rottentomatoes: m/the_wizard_of_oz_1939 Mojo: wizardofoz Allmovie: v55014 TCM: 852 Metacritic: movie/the-wizard-of-oz-1939 TV.com: movies/the-wizard-of-oz
Discogs: 265450 Allmusic: mw0000192368 Netlix: 70039535 Editar o valor en Wikidata

The Wizard of Oz é un filme musical de fantasía producido por Metro-Goldwyn-Mayer que se estreou en 1939. Amplamente considerado como un dos mellores filmes da historia do cinema,[5] é a adaptación de máis sona e con máis éxito comercial da novela para nenos O marabilloso mago de Oz, de L. Frank Baum.[6] Dirixido principalmente por Victor Fleming (quen abandonou a produción para traballar en Foise co vento), o filme está protagonizado por Judy Garland como Dorothy Gale, xunto con Ray Bolger, Jack Haley, Bert Lahr, Frank Morgan, Billie Burke e Margaret Hamilton.

A cinta econta a historia dunha estadounidense é arrastrada por un tornado en Kansas e deixada nunha fantástica terra onde habitan bruxas boas e malas, un espantallo que fala, un león covarde, un home de lata e outros seres extraordinarios.

A orfa Dorothy Gale leva unha vida sinxela en Kansas coa súa tía Emma Clara Blandick, o seu tío Henry e tres pintorescos peóns: Hunk (Ray Bolger), Zeke (Bert Lahr) e Hickory (Jack Haley). Un día a veciña Miss Gulch (Margaret Hamilton) é mordida polo can de Dorothy, Toto. Miss Gulch lévallo, por orde do sheriff, a pesar das protestas de tía Em e o tío Henry. Toto escapa e regresa canda a Dorothy, a cal se aleda pero axiña se decata de que Miss Gulch regresará. Ela decide levar a Toto e fuxir en busca dunha vida mellor "nalgún lugar sobre o arco da vella".

Na súa viaxe Dorothy atópase ao Professor Marvel (Frank Morgan), un falso adiviño que engana a Dorothy facéndolle crer que tía Em está enferma. Dorothy apresúrase de volta á granxa, pero cae inconsciente por un golpe dentro da casa, debido a un repentino tornado que xa forzara á súa familia a esconderse nun soto detrás da casa.

Unha confundida Dorothy esperta para descubrir que a casa foi atrapada dentro do tornado. A través da fiestra da habitación ela ve a Miss Gulch transformarse nunha bruxa montada nunha vasoira. Momentos despois, o tornado deixa caer a casa, Dorothy e Toto sobre o arco da vella e en Oz. Glinda, a Bruxa Boa do Norte (Billie Burke), chega e informa a Dorothy de que se atopan en Munchkinland. Ela dille a Dorothy que matou a Bruxa Mala do Leste "deixando caer unha casa" enriba dela. A bruxa calzaba uns zapatos vermellos.

Animados por Glinda, os tímidos munchkins saen dos seus agochos e celebran o deceso da bruxa ata que a súa irmá, a Bruxa Mala do Oeste (tamén interpretada por Margaret Hamilton) aparece para reclamar os poderosos zapatos. Por arte de maxia Glinda transporta os zapatos até os pés de Dorothy e recórdalle á bruxa que o seu poder non ten efectos en Munchkinland. A bruxa xura vingarse de Dorothy e vaise da mesma forma en que chegou, nun resplandor de lume e fume.

Glinda dille a Dorothy, quen está ansiosa de regresar a casa, que o único xeito de regresar a Kansas é pedíndolle axuda ao misterioso Mago de Oz en Cidade Esmeralda. Glinda advírtelle a Dorothy que nunca debe sacar os zapatos e que "siga o camiño amarelo de baldosas" para chegar a Cidade Esmeralda.

No seu camiño Dorothy faise amigo dun espantallo sen cerebro, (tamén interpretado por Ray Bolger), un home de lata sen corazón (tamén interpretado por Jack Haley), e un león covarde (tamén interpretado por Bert Lahr). Os tres deciden acompañar a Dorothy onde o mago coas esperanzas de obter os seus desexos (un cerebro, un corazón e coraxe, respectivamente). Durante o camiño son atormentados por un bosque de furiosas árbores de mazás e numerosos intentos errados da bruxa para detelos.

Chegan a Cidade Esmeralda e élles permitido ver o mago só despois de que a bruxa voe sobre eles, escribindo no ceo coa súa vasoira fumarenta, "RÉNDETE DOROTHY" ("SURRENDER DOROTHY"). O mago (tamén interpretado por Frank Morgan) aparece como unha terrorífica cabeza flotante rodeado de lume e fume. Acepta axudalos só se demostran ser dignos, obtendo a vasoira voadora da bruxa.

No seu camiño ao castelo da bruxa son atacados por uns monos alados que levan a Dorothy e Toto e llos entregan á bruxa, a cal reclama os zapatos. Dorothy négase e a bruxa trata de sacarllos, pero é detida por unha choiva de faíscas. Ela dáse conta de que os zapatos non poden ser quitados mentres Dorothy estea viva e trama o modo de acabar con ela.

Toto escapa e atopa o espantallo, o home de lata e o león, e guíaos cara ao castelo. Alí mentres permanecen escondidos son atacados por tres soldados, pero son defendidos polo león covarde. Despois el e os seus outros dous amigos aproveitan a oportunidade para vestirse coas roupas dos soldados e así poder entrar no castelo. Unha vez dentro liberan a Dorothy e intentan escapar. A bruxa e os seus soldados acurralan ao grupo nunha varanda e a bruxa prende lume ao espantallo. Dorothy para apagar o lume colle un caldeiro de auga e accidentalmente molla á arrepiada bruxa, a cal por mor disto se derrete. Para a sorpresa do grupo os soldados están felices. Eles danlle a Dorothy a variña para agradecerlle por ceibalos da bruxa. De regreso co mago, el dilles "marchen e volvan mañá". Grazas a Toto descobren que o mago non é realmente un mago, só un home detrás dunha cortina. Eles séntense estafados coa decepción, pero o mago resolve os seus desexos a través do sentido común. Ao espantallo dálle un diploma, ao home de lata dálle un reloxo con forma de corazón e ao león entrégalle unha medalla ao valor.

O mago explícalles que el tamén naceu en Kansas e que a súa presenza en Oz é o resultado dun escape nun globo aerostático. El promete levar a Dorothy a casa no mesmo globo logo de deixar o espantallo, o home de lata e o león a cargo de Cidade Esmeralda. Xusto antes de engalar Toto salta fóra da canastra do globo detrás dun gato. Dorothy salta para atrapalo e o mago, incapaz de controlar o globo, marcha sen ela. Ela resígnase tristemente a pasar o resto da súa vida en Oz ata que Glinda aparece e dille que ela pode usar os zapatos de rubí para regresar a casa con Toto. Glinda explícalle que ela non llo dixo nun principio porque ela necesitaba aprender que "Se non podes atopar o desexo do teu corazón no teu propio patio, entón nunca o perdiches realmente".

Dorothy e Toto despídense dos seus amigos, e seguen as instrucións de Glinda de "golpea os teus talóns xuntos e repite as palabras, 'Non hai lugar como o fogar'". Ela esperta na súa habitación en casa rodeada da súa familia e amigos e cóntalles da súa viaxe. Todos rin e dinlle que todo foi un mal soño. Unha feliz Dorothy, aínda convencida de que a viaxe foi real, abraza a Toto e dille "Realmente non hai lugar como o fogar".

A música e as letras foron escritas por Harold Arlen e E.E. "Yip" Harburg, quen gañaron premios Oscar á mellor música orixinal e mellor canción por "Over the Rainbow".

Secuelas, protosecuelas e traballos relacionados

[editar | editar a fonte]

Numerosas versións foron feitas de forma anterior ao filme de 1939:

  1. "The Wizard of Oz". American Film Institute. Consultado o 9 de marzo de 2016. 
  2. British Board of Film Classification (ed.). "THE WIZARD OF OZ".  Consultado o 25 de agosto de 2017
  3. "The Eddie Mannix Ledger". Os Ánxeles: Margaret Herrick Library, Center for Motion Picture Study. .
  4. 4,0 4,1 "The Wizard of Oz (1939)". Box Office Mojo. Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  5. "AFI's 100 Years...100 Movies". www.afi.com. Consultado o 9 de agosto de 2017. 
  6. Fricke, John (1989). The Wizard of Oz: The Official 50th Anniversary Pictorial History. Nova York: Warner Books. ISBN 0-446-51446-2. 
  7. Graser, Marc (7-03-2013). "Disney Planning 'Oz the Great and Powerful' Sequel (EXCLUSIVE)". Variety. Consultado o 8-03-2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]